Concello da Coruña

Concello da Coruña

A Concellería de Xustiza Social e Coidados duplicou os fondos para prevención de adiccións no pasado ano, no que incorporou talleres para abordar o uso indebido das novas tecnoloxías e xogos online entre a mocidade

Cando:

27 de abril de 2019

A edil Silvia Cameán salienta que a participación se incrementou nun 13% e se aumentaron tamén os convenios con entidades e os programas de acción comunitaria

O programa municipal de prevención de drogodependencias e outras adiccións incrementou o pasado ano as liñas de accións para incluír por primeira vez o uso indebido das TIC e os xogos online, así como o seu orzamento, que se duplicou respecto a 2017. Como consecuencia, destaca a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, "a participación nos diferentes ámbitos nos que actúa o programa subiu un 13% e deuse atención a algunhas das preocupacións das familias sobres as adiccións e comportamentos de rapaces e rapazas no entorno dixital". Un total de 10.538 persoas participaron nas actividades que se realizaron en centros escolares e nos ámbitos familiar, comunitario e en cooperación con entidades que traballan para previr e tratar diferentes adiccións. "A finalidade deste programa é sobre todo actuar dende a prevención, para presentar á mocidade os riscos do consumo de substancias e a problemática que xorde do uso inadecuado e abusivo das novas tecnoloxías mentres se fomenta un ocio saudable", apunta Cameán.

As diferentes liñas de traballo do programa tiveron durante o 2018 un orzamento de 168.998 euros, fronte aos 78.000 euros do ano anterior. Este incremento do 116% nos fondos permitiu ampliar os talleres que se impartiron nos centros escolares, nos que participaron 8.295 mozos e mozas, e que trataron a prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas e o uso de Internet e o ciberacoso, entre outros temas. "As adiccións sen substancia son unha preocupación crecente tanto nas familias como nos centros escolares, que observan usos inadecuados das novas tecnoloxías e que poden acabar provocando adicións ou, no peor dos casos, convertendo á mocidade en vítimas de, por exemplo, sexting ou outras situacións que poden acabar en delito", explica a concelleira. Nesta modalidade, ofertáronse no pasado ano 13 obradoiros para menores de entre 5º de Educación Primaria e Bacharelato e FP Básica. Os centros escolares tamén incrementaron a solicitudes de formacións, de 131 a 140 durante o 2018. Estes talleres compleméntanse no ámbito familiar con charlas preventivas dirixidas ás ANPA e a grupos de pais e nais organizados dende os centros cívicos nas que se lles facilitan pautas para identificar e actuar en situacións de risco de adicción.

Accións comunitarias

A Concellería de Xustiza Social activou tamén durante o pasado ano accións de intervención comunitaria como Coida de ti, coida do teu, que durante as noites de venres e sábados dos meses de novembro e decembro permitiu difundir nos xardíns de Méndez Núñez información preventiva sobre os riscos asociados ao consumo excesivo de alcol, das actividades de lecer alternativas que existen na cidade e facer un labor de sensibilización respecto do coidado do medio ambiente e do patrimonio. Este programa chegou a 237 mozos e mozas. Ademais, deuse continuidade á iniciativa Non pases por un mal trago, impulsada polo Concello en colaboración coa entidade social sen ánimo de lucro Adafad (Asociación de Axuda a Familiares de Drogopendentes) co obxectivo de educar, formar e facer reflexionar a menores que foron sancionados por consumo de alcol, a través da substitución das sancións por esta causa por cursos psicoeducativos. Nela participaron 16 menores no pasado ano.

Neste ámbito comunitario ten gran incidencia, como salienta a edil, o programa de Lecer Saudable nos centros cívicos, no que participaron en 2018 un total de 1.895 rapaces e rapazas. Esta iniciativa ten unha ampla oferta de actividades relacionadas co lecer saudable e está dirixida a persoas de entre 12 e 30 anos.

Convenios con entidades

O Goberno local incidiu tamén na sinatura de convenios con entidades que traballan neste ámbito, que pasaron de seis a sete e incorporaron a unha nova asociación. O importe total destes acordos ascendeu a 341.000 euros, dos que 124.000 estiveron destinados a accións preventivas. Así, a Concellería de Xustiza Social colaborou con Aclad (Asociación Cidadá de Loita contra a Droga), Adafad (Asociación de Axuda a Familias de Drogodependentes) e Agalure (Asociación galega de ludópatas rehabilitados), e tamén se estableceron convenios nominativos para outras accións propias da entidade con Aclad, Utaca e Agalure.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión