Concello da Coruña

Concello da Coruña

As voces das nenas e dos nenos escóitanse no pleno coruñés

Cando:

20 de novembro de 2019

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, presidiron esta mañá un Pleno Infantil, no que participaron escolares de seis centros da cidade para celebrar o 30 aniversario da Convención de Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Nenos (CDN)

Hoxe os escolares mandaron no pleno coruñés. E fixérono falando alto e claro sobre o que lles preocupa, sobre como ven a nosa cidade e, o que é máis importante, como queren que sexa A Coruña. A pesar de que o tratado sobre os Dereitos dos Nenos é un dos máis ratificados da historia, os escolares din que aínda queda moito por facer "os nosos dereitos non se cumpren en todas as partes do mundo". E eles son, como explicou un dos alumnos lembrando ao pensador italiano Francesco Tonucci, "os cidadáns de hoxe".

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, presidiron esta mañá un Pleno infantil no que estudantes de seis centros educativos da cidade expuxeron as súas preocupacións e reivindicacións ao Goberno local. O Pleno infantil realízase en colaboración con UNICEF que facilita material didáctico ao alumnado para traballar nas aulas. As persoas participantes fixéronlle á alcaldesa preguntas sobre a conciliación familiar, a participación dos nenos e das nenas na toma de decisións, a mobilidade, o transporte adaptado para a cativada con diversidade funcional, os emigrantes que chegan ás nosas escolas, a inclusión, o acoso escolar, a igualdade no deporte, a tolerancia, a protección dos menores, a educación infantil con necesidades especiais, a conciliación familiar....

A alcaldesa explicoulles como funcionaban os plenos e foi dándolles a quenda de palabra aos nenos e ás nenas que aproveitaron para lanzar as súas reivindicacións a unha sociedade que, dixeron, recoñece o seu dereito á participación, pero que "non nos dá os mecanismos para que participemos de verdade". Por iso, o voceiro do colexio San Francisco Javier pediu un "apartado no 010", que a rexedora se comprometeu a estudar.

A vida saudable tamén se colou na orde do día. Os nenos e nenas do colexio Víctor López Seoane pediron menús escolares máis saudables e foron debuxando toda unha listaxe de peticións desde un ascensor para o seu colexio, un aparcadoiro para os seus patinetes, unha pérgola para que poidan saíren a xogar ao patio cando chove, que se amplíe o carril bici e que poidan ir en patinete e, varrendo para o barrio, demandaron un skate park para Monte Alto.

Cando chegou a quenda dos "concelleiros" de Escolapìos-Calasanz, o debate centrouse na igualdade e na loita contra a pobreza, a que tamén, explicaron, está ao noso lado. Os Escolapios solicitáronlle a Inés Rey "que todos os nenos e nenas poidan participar nas actividades do Concello sen importar a súa orixe", e que o Concello e o colexio organicen debates para "explicarnos a todos como axudar os demais". A alcaldesa faloulles da súa experiencia e como grazas ás oportunidades que tivera "agora era a primeira alcaldesa da cidade", pero sinalou que as mulleres seguen sen teren as mesmas oportunidades e que a igualdade non é todavía plena "as mulleres seguimos sendo cuestionadas", afirmou. O botellón ou o acoso escolar son outras das preocupacións dos máis pequenos e pequenas. Para eles, o Concello preparará alternativas de lecer que sirvan "para afastalos do alcol e das drogas" sinalou a alcaldesa.

Cunha "corporación" entregada, oíronse voces para que o Concello acabe coas bolsas de plástico e as cabichas nas rúas da cidade. Mesmo algún pediu "multas máis duras" para os que "desobedezan". Máis tempo en familia foi a reclamación dos escolares do centro das Franciscanas, que esixen cambios nos horarios de traballo para que os seus pais poidan estar máis tempo ao seu carón. Neste senso, a alcaldesa lembroulles a importancia de respectar "todos os modelos de familia que hai".

O grupo dos Salesianos centrou as súas peticións no acceso á Educación, unha educación inclusiva que non discrimine e sexa sensible á diversidade. Mentres, o alumnado de Dominicos felicitou a Inés Rey por ser a primeira muller en ocupar o cargo de alcaldesa na cidade e "ademais ser nai, o que axuda a que nos entendas mellor" e mostraron a súa preocupación polos nenos e nenas "que traballan para poder sobrevivir".

Ao finalizar a súa intervención propuxeron que o 12 de xuño se realicen actividades e xogos para loitar contra a escravitude infantil.

Inés Rey agradeceu todas as achegas e gabou o seu traballo: "Moitas grazas por todas as peticións que nos fixestes, algunhas máis incisivas que as dos concelleiros e concelleiras adultos e que nos axudarán a facer unha cidade mellor e máis xusta" e lembroulles unha vez máis que "o Concello é a vosa casa e aquí coidamos a todas as familias".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión