Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Proxectos educativos de EIM A Caracola

Proxectos educativos da Escola Infantil Municipal A Caracola

Comedor ecolóxico

O proxecto do comedor ecolóxico da Caracola xorde do interese por impulsar unha alimentación sa e variada entre os nenos e as nenas da escola. Son nenos e nenas de entre 7 meses e 3 anos. Na Caracola faise "restauración escolar de calidade", é dicir, unha materia prima excepcional, técnicas de cociña de sempre combinadas co último en restauración, observación diaria do que pasa no comedor, menús elaborados segundo as normas da Axencia Española de Seguridade Alimentaria ( AEPED), emprego das últimas tendencias culinarias, empratados harmónicos, con sentido estético e atractivo, buscando que os nosos nenos vexan, cheiren e saboreen o agasallo diario que é comer. Dentro do noso proxecto de comedor queremos destacar, entre outros:

1. COMPOSTAXE

O ciclo do noso comedor cérrase depositando os residuos orgánicos no composteiro. O curso 2015-16 a Concellería de Medio Ambiente puxo en marcha un proxecto de compostaxe na nosa escola. Reducimos a cantidade de lixo que xeramos, aproveitamos os restos de poda e os cortes de herba e aproveitamos o que obtemos como fertilizante para o noso invernadoiro, os kiwis, a maceira...

2. PROXECTO ECOCOMEDORES

En xaneiro de 2017 iniciamos, xunto a produtores agroecolóxicos da comarca, unha rolda de presentacións do programa de Ecocomedores no que varias escolas e colexios da Coruña participamos. A idea é visitar os colexios da provincia para que coñezan de primeira man o proxecto e se animen a incluír produto ecolóxico nos menús do seu colexio.

3. Difundir e apoiar a PLATAFORMA ESTATAL POR UNHA ALIMENTACIÓN RESPONSABLE NA ESCOLA

Cociñeiros/as, pais e nais de AMPAS, mestres e produtores agroecolóxicos da provincia da Coruña conformamos en xaneiro do 2017 un grupo de traballo para iniciar proxectos que busquen unha análise e mellora da situación actual dos comedores galegos.

4. COMPROMISO CO CONSUMO DE PRODUTOS AGROALIMENTARIOS ECOLÓXICOS DA RESERVA DA BIOSFERA

Desde xullo de 2015 esta escola comprométese a consumir preferentemente produtos agroalimentarios ecolóxicos da Reserva da Biosfera para a elaboración do menú diario do noso centro.

1. GRUPO DE CONSUMO

En outubro de 2015, iniciado o curso 2015-16, pensamos en abrir ao resto de membros da comunidade educativa (pais, mestres e resto de cidadanía interesada) a posibilidade de adquirir verduras ecolóxicas a través do grupo de produtores/as que as traían ao noso comedor. Estes envían ao correo electrónico das persoas interesadas a lista de produtos dispoñibles co prezo correspondente, a persoa interesada envía o seu pedido (mesmo whatsapp) e todos os luns antes das 10:30 h este estará na escola, co nome e a correspondente nota de entrega detallada.

As cousas están a saír ben... os nosos menús gañaron en calidade (os alimentos maduran de forma máis natural ata o seu momento óptimo de consumo), as familias continúan na casa o modelo iniciado na escola e cambian parte dos seus hábitos alimenticios, axudamos á economía local conseguindo un prezo máis accesible... e comprometémonos como sociedade a protexer o futuro das nosas fillas e dos nosos fillos (deixando de consumir produtos que non son de tempada e potenciando o consumo dos que si o son).

A natureza: unha aula máis da Caracola

Desde o equipo educativo da escola e co asesoramento de Paz Gonçalves, mestra e formadora na natureza, planificamos esta proposta con vistas a que o maior número de nenos e nenas saia ao xardín diariamente, sen escusas polo mal tempo ou por mancharse.

A partir das 9.00 h da mañá un grupo de nenos/as saen ao xardín para gozar dun espazo coidado e cheo de provocacións. A nosa intención é pasar como mínimo unha hora ou dúas horas diarias no exterior, cada día do ano, independentemente das condicións climatolóxicas (obviamente con matices), xa que como reza o devandito "non hai mal tempo, se non roupa inadecuada".

Grazas ás familias que axudaron á adquisición do material necesario (petos e chuvasqueiros), poderemos ofrecerlles aos nenos e ás nenas as mesmas oportunidades.

Proxecto europeo "Interpreting Child-Centredness to support Quality and Diversity in Early Childhood Education and Care"

A EIM A Caracola participa neste proxecto europeo da man da facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Participamos varios países: Gran Bretaña, Irlanda, Italia, Dinamarca, Croacia e España. Neste proxecto pártese das particularidades socioeconómicas, políticas e culturais de diferentes contextos en Europa e a súa influencia nas prácticas docentes de Educación Infantil e aos coidados que se requiren nela, tratando de construír accións educativas nesta etapa que conxuguen a diversidade, as necesidades infantís e a individualidade dos nenos e das nenas.

Será moi enriquecedor coñecer as prácticas educativas dos diferentes países, elaborar materiais que podamos compartir e coñecer outros proxectos que se están desenvolvendo fóra da nosa contorna.

Investigación-acción

"O desexable na innovación educativa non consiste en que perfeccionemos tácticas para facer progresar a nosa causa, senón en que melloremos a nosa capacidade de someter á crítica a nosa práctica á luz dos nosos coñecementos, e os nosos coñecementos á luz da nosa práctica". Sthenhouse (1984).

Como profesionais do campo da educación infantil buscamos explorar a nosa práctica e introducir melloras progresivas no noso traballo, utilizando ferramentas que están ao noso alcance (libros, lectura de artigos, convivencias con outras entidades do campo da educación infantil...), e para iso contamos con mestres como Concepción Sánchez Blanco, responsable do departamento de pedagoxía e didáctica da facultade de Ciencias da Educación da UDC, coa que profundar máis de cheo neste campo da Investigación-Acción. Un modelo para reforzar a calidade do ensino e impulsar a figura do mestre-investigador que se mantén en constante formación permanente.

Apoio á lactación materna

A OMS recomenda seguir a lactación materna exclusiva durante os primeiros seis meses de vida, a introdución de alimentos apropiados para a idade e seguros a partir de entón, e o mantemento da lactación materna ata os 2 anos ou máis. Segundo a AEPED "a lactación materna é a forma máis idónea de alimentación do/a neno/a durante os primeiros anos de vida. As escolas infantís deberían facilitar a alimentación dos/as lactantes en función das recomendacións actualmente aceptadas e en situacións particulares as dadas polos seus pediatras".

A nosa aposta é pola lactación materna, para que todas aquelas nais que se reincorporan ao seu traballo vexan que a escola colaborará con elas para que manteñan unha lactación prolongada e satisfactoria. Aquí atoparán persoal cualificado e cos medios necesarios para axudalas.

Cando iniciamos o curso en setembro explicámoslles ás nais que continúan dando o peito que non deixen de facelo e buscamos a mellor maneira de conciliar a súa vida laboral coa alimentación dos seus fillos, para que poidan entrar na escola e darlles o peito ou deixar o seu leite para que nós llelo deamos.

Escola sen zapatos

O proxecto Escola Sen Zapatos 2019 iníciase este curso e ten como obxectivo realizarse en dúas fases: cursos 2017-18 e 2018-19.

A escola é unha continuidade do fogar, polo que buscamos que as nenas e os nenos se sintan cómodos, así que poderán traer o seu calzado (ou calcetíns) para estar na escola. Doutra banda, melloraremos a hixiene e manteremos o chan limpo, para o que precisamos a colaboración tamén das persoas adultas que acceden á nosa instalación.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión