Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Proxectos educativos da EIM Carmen Cervigón

Proxectos educativos da EIM Carmen Cervigón

Programa interxeracional en colaboración coa residencia da R.I. B.S. Padre Rubinos

Dentro deste programa realízanse actividades que unen as nenas e os nenos cos maiores aumentando a cooperación, a interacción e o intercambio de experiencias entre nenos/as e persoas de diferentes xeracións.

Realizan actividades conxuntas como o contacontos semanal e momentos de lecer e diversión: entroidos, Nadal, actuacións musicais conxuntas, visionado de obras teatrais, visitas dos nenos e das nenas da escola á residencia etc.

Inglés

A actividade de inglés semanal financiada polo Servizo Municipal de Educación compleméntase coa que xestiona a ANPA, na que se oferta semanalmente e en horario escolar unha aproximación á lingua inglesa aos nenos e ás nenas de 0 a 2 anos.

Música na escola

A música está moi presente na nosa escola, especialmente os mércores, día no que vén Félix Arias a cantarnos, ensinarnos instrumentos e sobre todo facer que os nenos e as nenas se familiaricen con todo o que ten que ver coa música e desenvolvan unha sensibilización por ela.

A música é probablemente a manifestación artística que máis atrae as nenas e os nenos nesta etapa e ao mesmo tempo que gozan escoitando, cantando e tocando, dunha forma inconsciente están a aprender outras cousas: desenvolvemento da imaxinación, actitudes de espera, de atención etc.

Programa de educación asistida con animais

Periodicamente visítanos Nuba, unha cadela de raza golden retriever de tres anos de idade con adestramento específico en Terapia Asistida con Cans, para facer actividades cos nenos e coas nenas da escola.

Estas actividades reforzan a aprendizaxe de destrezas psicomotrices, habilidades comunicativas, habilidades sociais, expresión de emocións, destrezas funcionais e experiencias sensoriais.

O obxectivo xeral é integrar a cadela na vida da escola co obxecto de concienciar sobre a importancia do respecto cara aos animais e ao medio ambiente; así como reforzar destrezas psicomotrices, sensoriais e funcionais.

Horto

Os venres é o día que imos ao horto que temos na residencia de anciáns para ver como vai o que plantamos, regar, quitar as malas herbas, ou colleitar o que xa creceu e levalo á cociña para que despois o poidamo comer.

No noso camiño aproveitamos para saudar e falar un pouco coas persoas anciás que están encantadas coa nosa visita semanal.

Programa Aprendizaxe-Servizo

A escola participa neste programa da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña. A través del recibimos todos os anos estudantado universitario que dunha forma puntual, xeralmente unha ou dúas sesións por grupo de estudantes, fan actividades relacionadas coas matemáticas cos nenos e nenas do tramo de 2 a 3 anos.

BbEscolas: contos que camiñan... con escolas que contan!

Participamos neste programa a través da biblioteca do Ágora. No comezo do ano a biblioteca visita a nosa escola da man de Beba, a súa mascota, e fannos unha posta en común dun conto.

Tamén nos traen unha selección de libros adaptados ás idades dos nenos e das nenas para que os poidan ver e manipular. Máis adiante traen material para traballar na aula e así preparar a visita que os nosos nenos e nenas lle farán á biblioteca na primavera.

Traballo por proxectos

Esta é a nosa metodoloxía de traballo. Eliximos un tema concreto de investigación en función dos intereses e das experiencias vividas polos nenos e nenas evitando aprender de forma fragmentada, senón globalmente e a partir de situacións da vida cotiá, tendo en conta o que xa saben e o que queren saber. Cada proxecto deséñase dunha forma aberta, adaptándoo á evolución dos acontecementos, partindo sempre dun eixe vertebrador que organiza o traballo e dunha estrutura base que se adapta en función de cada proxecto, das emocións que provoque, as preguntas que suscite etc.

Cada un dos proxectos que traballamos constitúen un fin en si mesmo. Non intentamos traballar máis ou menos contidos, senón desenvolver capacidades e provocar aprendizaxes autónomas.

Nesta metodoloxía a implicación e colaboración das familias é fundamental, así como a interacción coa contorna máis próxima.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión