Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Proxectos educativos da EIM Monte Alto

Proxectos educativos da Escola Infantil Municipal Monte Alto.

A Tenda de Antón

A tenda de Antón é un espazo de actividade para promover o xogo simbólico e a relación directa do alumnado con persoas vendedoras e compradoras. A compra directa e o despregamento das accións que implica favorecen o desenvolvemento de habilidades lingüísticas básicas nas relacións humanas, a observación e relación de alimentos entre si, valorar a orde e clasificación en cada posto e a mecánica do intercambio de produto-diñeiro.

Así mesmo, o alumnado pode participar da actividade da venda e utilizar obxectos necesarios para medir cantidades: básculas, balanzas, caixas rexistradoras... Utilízase o papel como envoltorio que favorece habilidades manuais e o control do seu uso.

A visita á tenda de Antón é unha parte fundamental do "Proxecto mercados". As nenas e os nenos do grupo de 2-3 anos acoden a partir do segundo trimestre do curso.

Este ano visitan a tenda 14 centros escolares a través do programa municipal Educa Coruña. Numerosos centros intercambian as súas experiencias coa escola ao finalizar a visita e participan co grupo de maiores (2-3 anos) dun pequeno encontro dentro da escola.

Os recursos propios da escola son compartidos co profesorado de 1º e 2º ciclo de educación infantil e tamén co alumnado de educación especial.

Este proxecto conseguiu un recoñecemento no 2016 por UNICEF, por ser unha boa práctica para a infancia.

Unidades didácticas

Música para o Proxecto Mercados

"Nun Mercado Persa" é unha excepcional obra para gozar das composicións clásicas e integrala na rutina diaria como momentos de aproximación a historias musicais nas cales creadores e instrumentos atrapan a nosa atención. Nesta ocasión, Ketelbey pasa a formar parte dos músicos da escola e o violín cobra un protagonismo especial. Ketelbey sitúase como narrador do que sucede nun mercado.

Empaquetando. Proxecto Mercados

Habitualmente todo o que adquirimos nas tendas ofrécesenos rodeado dun envoltorio, dentro dunha caixa ou dunha bolsa. O papel, cartón, cristal ou plástico rodea aquilo que compramos, xa sexa alimento ou non. Todo está envolto. A pesar de que este costume se relaciona coa hixiene, a boa presenza, a calidade etc., debemos cambiar este hábito e concienciarnos da importancia de simplificar os envases e envoltorios.

A masa: peso e medida. Proxecto Mercados

Habitualmente utilizamos a palabra peso para referirnos a unha calidade dos obxectos, pero o correcto é utilizar a palabra masa e, sen dúbida, deberiamos facelo así. Con esta consideración partimos para propoñer unha actividade na que "a masa" está en xogo.

O intercambio. Proxecto Mercados

Cantidade, número e diñeiro. Estas palabras expresan tres nocións que están interrelacionadas e que progresivamente son adquiridas desde o inicio da etapa infantil. As operacións matemáticas de sumar ou acumular, aumentar, engadir... ou ben restar ou quitar, reducir, diminuír... utilízanse nas situacións de relación entre nenas/os e persoas adultas.

Amodiño, amodiño, vou facendo o camiño

É unha proposta relacionada coa identificación do barrio como espazo de mobilidade, de convivencia e de referencia para as relacións sociais e tamén para iniciar o sentido de pertenza e responsabilidade coa súa contorna habitual.

Os percorridos diarios da casa á escola conforman desde os primeiros anos unha rutina importante e valiosa, na que a familia xoga un papel destacado para poñer en valor o desprazamento como algo máis que un movemento repetitivo e habitualmente precipitado.

As rutas que se presentan e que están determinadas polas propias familias conforman uns traxectos cheos de contido e, por tanto, os nenos e as nenas poden ir enchendo de significado moitos aspectos materiais e inmateriais ligados a elas: sinais, cancións, música, símbolos, obxectos das rúas, comercios e as veciñas e os veciños que cada día atopamos pola rúa forman este novo marco de referencia.

Mapa de rutas

Premio Nacional DXT 2016

Premio Nacional DXT 2010 "Paseando polas rúas"

Proxecto Voz Natura

O noso obxectivo é realizar experiencias de carácter ambiental que teñen como eixe motivador poñer en valor a Torre como espazo mediador entre o mar e a terra. Desde este punto, valorar a luz da Torre como andaina do mar para os navegantes e na terra como protectora dos ecosistemas da súa contorna. A zona marítima preséntanos espazos onde as nenas e os nenos poden descubrir a fauna e flora propia de cada ecosistema: areal, rochas, prados, cultivos e hortas.

As actividades realízanse a maior parte do tempo en espazos abertos como o patio da escola ou a horta da Torre, así como en paseos á praia, á contorna da Torre. Aproveitamos este encontro para observar as aves e os insectos, así como moluscos, algas, plantas aromáticas, ornamentais e de horta, árbores e arbustos.

Ao lecer por contemplar a natureza únense as tarefas agrícolas da horta da escola e da Torre. Xunto con estas tarefas agrícolas apréndense cancións relacionadas cos temas que tratamos, aproveitamos para xogar e fomentar que as familias se coñezan e relacionen por motivos vinculados coa natureza.

A sensibilización polo medio natural próximo, realizar actividades agrícolas sinxelas de plantación, coidado, rego e recolección, mostrar interese polas plantas xunto coa flora e fauna propia da nosa contorna son os principais obxectivos que nos propoñemos acadar con esta iniciativa.

  • No primeiro trimestre: contorna da Torre, praia das Lapas e horta. Algas como fertilizante natural
  • No segundo trimestre: contorna da Torre, paseos polas sendas, observación de aves. Plantación na horta da escola
  • No terceiro trimestre: horta da Torre, horta da escola. Rego e recolección de hortalizas e verduras

A pelota amiga

A pelota amiga é o lema que recolle unha proposta de traballo para compartir con mestras e mestres da escola mozambiqueña de Tete. En concreto a escola coa que compartiremos este proxecto está situada no barrio Zamora Michel na unidade "21 de marzo" na cidade de Tete (Mozambique), e conta con 60 nenas/os.

As actividades relacionan a nena e o neno con este obxecto de xogo sinxelo e entrañable, que sempre está presente e que nos acompaña durante os primeiros anos de infancia para favorecer o desenvolvemento físico, psicolóxico e social.

A pelota como obxecto garda importantes calidades que favorecen o crecemento e a estimulación sensorial, o desenvolvemento das habilidades motrices, a coordinación e o dominio progresivo de conceptos espazo-temporais básicos para iniciar calquera xogo individual e grupal.

A través da pelota podemos acadar logros e metas universais que favorecen o desenvolvemento do coñecemento persoal, a propia estima, a comunicación e as relacións sociais entre nenas e nenos. No xogo como actividade protagonista deste obxecto irase aos poucos despregando a súa faceta tamén de obxecto colectivo (xogo de grupo).

Algúns autores establecen un paralelismo entre a evolución das nenas e dos nenos e a evolución do xogo da pelota, polo que podemos dicir que a pelota é un obxecto que nos acompañará ao longo de todas as etapas e momentos do desenvolvemento. É un obxecto amable e referirémonos a ela sempre, desde unha perspectiva afectiva, como "pelota amiga".

O noso obxectivo é compartir o proxecto durante catro meses do curso 2017/18, de marzo a xuño, con escolas situadas na cidade de Tete de Mozambique. Estes centros están a dar os seus primeiros pasos con grupos de nenas/os ata seis anos. Comeza o curso en febreiro, polo que teremos en común 4 meses que nos poden servir para esta primeira etapa de colaboración.

O noso contacto, entre escolas infantís da Coruña e Tete, comezou o curso 2016/17 por mor de coñecer as cooperantes que realizaron a súa tarefa docente durante algúns meses nesta zona do país e que ao seu regreso á Coruña nos deron a coñecer a realidade e a especial dedicación das persoas educadoras nestes centros infantís.

Como parte da nosa filosofía de escola, a colaboración e cooperación están sempre presentes, polo que nos decidimos a compartir este proxecto con elas.

Este proxecto conta coa colaboración da empresa Fundación HML Jim Sports (Palas de Rei, Lugo).

Vaia barullo: educando no pensamento científico

Un dos aspectos máis destacados deste proxecto é o reto que supón falar e xogar co son con nenas e nenos destas idades. Será o terceiro ano que a escola se dedique a promover o son como centro de experiencias. Con este proxecto participaremos no programa "Ciencia na rúa" e en todos aqueles eventos que poidan ter interese para a comunidade escolar.

É certo que o son nos rodea, envólvenos e está en moitas ocasións excesivamente presente nas nosas vidas, pero aínda así non o vemos. Sentímolo e con tal intensidade que podemos convertelo, sen velo, no eixe deste proxecto de ciencia.

É obvio que é máis sinxelo experimentar con todo o que a man e a mirada poden atrapar, e neste caso o son non ten estas calidades, por tanto, iniciamos de novo unha experiencia onde o sentido auditivo acada unha maior relevancia fronte ao visual e táctil.

Desde o punto de vista pedagóxico parécenos enriquecedor cederlle á audición o protagonismo que a diario non ten, e desta forma compensar a abafadora información visual que invade as nosas vidas, e apreciar de forma divertida todo o que o son nos pode achegar.

Á escola outorgáronlle recoñecementos polos proxectos de ciencia no certame nacional Ciencia en Acción: "A roda roda", curso 2010, e "O ritmo do son", curso 2012, por innovación e tecnoloxía; "Es o meu ceo", curso 2015, por divulgación da astronomía; e "Circuítos de auga", curso 2014, por elaboración de materiais educativos.

Inicición á robótica a través do bee-bot

A través dunha colección de robots de diferentes materiais e formas de uso preséntanselles ás nenas e aos nenos do grupo de 2-3 anos durante o segundo trimestre sesións de media hora nas que se pretende mostrar o funcionamento de obxectos a través de ordes que teñen que ter unha finalidade clara e precisa de desprazamento por un taboleiro.

O Bee-Bot apréndese a utilizar como un ritual no que se intenta inculcar a necesidade de tomar decisións previas á orde, execución de ordes e comprobación dos logros.

O resultado da acción é inmediato e visible, polo que se consegue unha comprobación persoal del.

Desenvólvense actitudes de espera, de aceptación de logros e erros, de interese por obxectivos concretos visibles e por ser responsables no uso dun obxecto.

A colección Robots responde a un interese por iniciar as nenas e os nenos xunto coas súas familias na utilización de forma reflexiva da mecánica e indagar no funcionamento das cousas. Convidamos as familias a ter na casa un bee-bot da escola durante as fins de semana e compartir a súa experiencia coas demais familias para mostrar a integración co xogo, no que cada nena e neno é quen lle ensina á súa familia como se usa.

O grupo de familias que participa é voluntario e deben acudir previamente a unha reunión informativa na que se lles expón os obxectivos desta proposta.

Os bee-bots poden estar presentes en calquera outro proxecto da escola, mediante o uso de materiais vinculados a cada un: taboleiros e fichas.

A escola conta con tres bee-bots e con materiais específicos elaborados na escola.

As maletas viaxeiras

Maletas viaxeiras pola igualdade de xénero é unha experiencia que se está realizando desde hai tres anos na nosa escola. Esta iniciativa que realizamos coas familias foi incluída na Guía de Boas Prácticas no ámbito da igualdade e a violencia de xénero (páxinas 27 a 29) da Deputación da Coruña e publicouse no mes de maio de 2019.

Con este proxecto, desde a escola pretendemos facer e facernos reflexionar sobre as actuacións, linguaxes e emocións que as persoas adultas acompañantes das nenas e des nenos, tanto na casa como na escola, transmitimos en relación coa igualdade de xénero. Convidámosvos a consultar esta guía que recolle un breve detalle desta experiencia, xunto con outras que a nivel provincial se están a realizar. Agradecemos a complicidade e o apoio das familias da escola nas propostas e accións que levamos á práctica.

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión