Concello da Coruña

Concello da Coruña

Ferreiro reivindica a apertura da primeira residencia universitaria pública da cidade como un equipamento que “pon os estudos superiores ao alcance de máis persoas”

Cando:

12 de novembro de 2018

O alcalde salienta a cooperación institucional entre o Concello, a Deputación e a Universidade da Coruña que permitiu abrir este curso un servizo público do que carecía a cidade

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta mañá no acto de inauguración oficial da residencia universitaria Elvira Bao, un equipamento público do que non existía na cidade e que, a través da cooperación institucional, permite "que os e as estudantes dispoñan dun espazo e dun servizo público de calidade". "Este curso a cidade avanza porque contamos cun instrumento máis que persegue a cohesión social, un instrumento co que, inexplicablemente, non contaba A Coruña e que pon a universidade ao alcance de máis persoas", salientou o rexedor, que lembrou que a residencia é unha reclamación histórica da Universidade da Coruña e de toda a cidade. Este novo equipamento, dixo, chegará ás rendas máis baixas e axudará a continuar o camiño para "que as desigualdade se vaian difuminando cada vez máis e que os dereitos sexan xustamente dereitos e non privilexios", nunha cidade "que ten na Universidade Pública un dos seus principais activos, a súa canteira de futuro".

No acto de inauguración interviñeron así mesmo o reitor da UDC, Julio Abalde, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, e nel estiveron presentes os dous anteriores reitores da universidade, Xosé Luís Armesto e José María Barja, que traballaron durante os seus mandatos para ter un equipamento destas características, "proxectos que quedaron frustrados pese aos denodados esforzos de ata tres equipos reitorais diferentes", como lembrou o alcalde. Ante eles e as demais persoas que acudiron ao acto, Ferreiro salientou a "unidade, a cooperación e o traballo conxunto" das tres institucións e que posibilitou, finalmente, "dotar a cidade dun espazo público que dará servizo a toda a provincia e sabiamos que este camiño só podía ser andando se uns nos apoiabamos nos outros". Neste sentido, indicou o Concello fixo todo o necesario para facilitar a construción desta residencia universitaria, tramitando e aprobando todos os cambios urbanísticos pertinentes no PXOM, na liña do compromiso coa educación pública que mantén o goberno local e que se traduce "nun investimento histórico na mellora e a reparación de centros educativos e das súas contornas".

O rexedor quixo resaltar tamén o valor simbólico da nova residencia, que lembra o nome de Elvira Bao e "racha coa invisibilidade que sufriu unha coruñesa que deu corda ao progreso desta cidade aínda en épocas escuras, que se adicou ao ensino e, por tanto, ao futuro". "Unha muller que foi silenciada durante décadas e que hoxe en día, afortunadamente, conta xa co seu nome plasmado no rueiro e, dende hoxe, neste lugar, que estará de agora para sempre vinculado ao coñecemento, a igualdade e a accesibilidade", evidenciou.

Demanda histórica

A inauguración da residencia universitaria Elvira Bao vén a cubrir unha demanda histórica tanto da cidade como da Universidade da Coruña, que era a única do Sistema Universitario Galego que non dispoñía deste servizo. A súa apertura foi posible grazas a un acordo asinado entre o Concello, a Universidade e a Deputación no ano 2015 para a cesión de parte de edificio do Centro Calvo Sotelo, e no que o Concello, no ámbito das súas competencias urbanísticas, tramitou as actuacións necesarias para incorporar no planeamento municipal o uso urbanístico como residencia universitaria no actual edificio Calvo Sotelo. Pola súa banda, a Deputación sufragou as obras de acondicionamento da ala este do edificio cun aporte total de tres millóns de euros.

A residencia Elvira Bao, na que viven de momento 13 estudantes, está situada preto do Campus de Riazor e conta cunhas instalacións totalmente renovadas e actualizadas. Na primeira fase de renovación, a residencia ten dispoñibles 46 prazas, das que se reservan dúas en cuarto individual para o alumnado con dificultades de mobilidade cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, e 44 en cuartos dobres (non mixtos), todos eles exteriores e con cuarto de baño. O número total de prazas ascenderá a 120 cando estean rematadas as obras. O espazo conta ademais con salas comúns para o estudo e o ocio, unha delas equipada con microondas, cafeteiras, neveiras e fervedoiros de auga. O prezo dos cuartos oscila entre 100 e 195 euros, incluíndo os consumos de calefacción, electricidade, auga e Internet.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión