Concello da Coruña

Concello da Coruña

Máis de 400 alumnos e alumnas participan na gala "Cinema na escola" para celebrar o audiovisual escolar coruñés

Cando:

12 de maio de 2022

A gala levouse a cabo no Ágora, onde asistiron os 25 centros educativos que participaron no programa

O auditorio do Centro Sociocultural Ágora acolleu esta tarde a gala final do proxecto "Cinema na Escola", un programa promovido polo Concello da Coruña para fomentar a cultura audiovisual e a aprendizaxe cinematográfica entre os mozos e mozas. No acto estivo presente Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, acompañando aos centros educativos na celebración da gala.

Máis de 400 alumnos e alumnas coruñesas encheron as butacas do auditorio do Ágora, acompañados dos seus respectivos docentes, para celebrar a fin do proxecto e festexar o cinema escolar. Durante a gala puideron coñecerse entre eles e tamén, coñecer o veredicto final do xurado profesional, encargado de escoller as curtametraxes premiadas por cada categoría.

Durante a gala, presentada e dirixida polo cómico coruñés Víctor Grande, os nenos e nenas puideron gozar de múltiples sorpresas. Varios artistas agasallaron aos participantes cun vídeo saúdo, desexándolles unha boa xornada e animándolles a continuar no mundo cinematográfico. Entre estes atopábanse humoristas e actores como Xosé Touriñán, David Perdomo e Lucía Veiga ou o tamén director de cine Luis Piedrahita. Belén Tajes e Sés achegaron a nota musical ao elenco de artistas, enviando unha mensaxe de apoio aos nenos e nenas do proxecto.

A alcaldesa Inés Rey, que non puido asistir ao acto de forma presencial, tamén quixo mandar un saúdo a todos os nenos e nenas da cidade que participaron no proxecto e felicitalos pola calidade dos traballos presentados: "É moi probable que entre vós estean as futuras directoras de cine, realizadores, produtoras e algún actor ou actriz de éxito que comeza con 'Cinema na Escola' o seu camiño no mundo da sétima arte". Coa aposta por proxectos escolares como "Cinema na Escola", enmarcado na aprendizaxe do sistema STEAM, o goberno de Inés Rey continúa avanzando no seu obxectivo de situar A Coruña como cidade tecnolóxica de referencia, fomentando a súa aprendizaxe dende as idades máis temperás.

Curtametraxes premiadas

Para as curtametraxes presentadas en Educación Secundaria, o CPR Esclavas recibiu o premio á Mellor fotografía por "A luz escura" e o CPR Franciscanos o premio aos Mellores efectos visuais por "Non é un xogo". O CPR Fogar de Santa Margarida recibiu dous galardóns -Mellor son e Mellor interpretación- pola súa curtametraxe "FUXIDE!". "O derradeiro acorde" do IES Salvador de Madariaga foi o favorito da categoría, recibindo o premio á Mellor curtametraxe xunto con Mellor guión e Mellor edición e montaxe.

No eido das presentadas polo alumnado de primaria, o CEIP Eusebio A Garda foi galardoado cos premios á Mellor fotografía e Mellor son por "Spiderman". O premio ao Mellor guión foi para o CEIP Novo Mesoiro, pola súa curta "O segredo de San Martiño". O CPR Cid foi o claro gañador da gala pola súa curta "Atrévete ti", levando os premios á Mellor edición e montaxe, Mellores efectos visuais, Mellor interpretación e Mellor curtametraxe.

Ademais, houbo un premio especial, o premio á Mellor acollida do público baseado na curtametraxe máis viral. O galardón foi, na categoría de primaria, para o centro CEIP Sagrada Familia por "Un libro en branco" e na categoría de secundaria, para o IES Salvador de Madariaga por "O derradeiro acorde". Dende a publicación das curtametraxes moitos centros realizaron campañas de difusión da peza audiovisual, creando merchandising e facendo publicacións en redes sociais para dar a coñecer o seu traballo. Os traballos poden visualizarse na canle de youtube da concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, dispoñible na seguinte ligazón: https://bit.ly/38odmn0.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión