Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello e a USC impulsan novas liñas de investigación sobre vivenda, cambio climático e desenvolvemento urbano sostible

Cando:

26 de outubro de 2026

A alcaldesa, Inés Rey, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa María Crujeiras, asinaron hoxe en María Pita un convenio de colaboración dotado con 33.000 euros

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa María Crujeiras, asinaron esta mañá no Palacio Municipal de María Pita un convenio de colaboración para impulsar novas liñas de investigación e análise que contribúan á planificación estratéxica e ao desenvolvemento urbano sostible da cidade.

O acordo, que conta cunha achega municipal de 33.000 euros, permitirá afondar en tres ámbitos fundamentais para o futuro da Coruña: a coordinación e gobernanza metropolitana, a adaptación ao cambio climático e a renaturalización dos espazos urbanos, e o seguimento da evolución do mercado da vivenda. "A Coruña está inmersa nun proceso de transformación que require planificación, coñecemento e unha visión a longo prazo para dar resposta aos grandes retos que temos por diante", sinalou Inés Rey, que destacou a importancia de contar coa colaboración das universidades neste proceso.

Durante o encontro, Rey tamén puxo en valor a consecución de Rosa Crujeiras como reitora na historia da USC, sendo a primeira muller no cargo e destacou a importancia deste fito para avanzar na igualdade e na presenza das mulleres nos espazos de responsabilidade e decisión. "Que unha institución con máis de cinco séculos de historia conte por primeira vez cunha muller á fronte é un avance que debemos celebrar. É unha conquista importante para a universidade e para toda a sociedade galega", sinalou a alcaldesa.

O convenio permitirá a elaboración de estudos sobre vivenda, infraestruturas verdes e coordinación metropolitana

A través desta colaboración, a USC desenvolverá traballos de investigación orientados a facilitar o deseño de políticas públicas e estratexias municipais. Entre as actuacións previstas figuran a análise dos mecanismos de coordinación a escala metropolitana, a identificación de oportunidades para ampliar as infraestruturas verdes e a elaboración de estudos sobre o mercado residencial que contribúan á planificación das políticas de vivenda.

Neste sentido, a alcaldesa puxo en valor a importancia de abordar estes desafíos desde unha perspectiva integral. "O futuro da Coruña pasa por seguir avanzando cara a unha cidade máis verde, máis sostible e con máis oportunidades para a cidadanía, pero tamén por afrontar cuestións fundamentais como o acceso á vivenda e a coordinación cos municipios da nosa contorna", apuntou Rey.

Os traballos contarán coa participación de persoal investigador do Departamento de Xeografía da USC, vinculado ao grupo de investigación Análise Territorial (ANTE) e ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). A colaboración inclúe a elaboración de informes técnicos, indicadores e ferramentas de análise territorial que estarán á disposición do Concello para apoiar a planificación municipal.

Con este convenio, o Goberno de Inés Rey reforza a colaboración co ámbito universitario e a incorporación do coñecemento científico á planificación da cidade. "Queremos que as decisións sobre o futuro da Coruña estean apoiadas no rigor técnico e na investigación, aproveitando o talento e a capacidade das nosas universidades para seguir mellorando a calidade de vida das coruñesas e dos coruñeses", concluíu a alcaldesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión