16 de marzo de 2023
Os espectáculos levaranse a cabo nas propias EIM, entre marzo e maio de 2023
O Concello da Coruña, comprometido coa normalización da lingua galega, pon en marcha un programa de fomento e dinamización do galego nas escolas infantís municipais.
Este programa ten como obxectivos contribuír á galeguización de todos os niveis do sistema educativo, axudar ás familias que desexan que as súas fillas e fillos non perdan o galego ao socializaren, contribuír á planificación dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais e ofrecerlles ás EIM máis recursos e materiais para o desenvolvemento das aulas en galego na etapa educativa de 0-3 anos, principalmente lúdicos e didácticos.
Para acadar estes obxectivos, propoñemos a realización de 11 pases escolares do espectáculo "Ollo, piollo!" de Chus Álvarez, nas propias EIM entre os meses de marzo e maio de 2023. Cada actividade contará cun pase nas escolas Luís Seoane, Os Cativos, Monte Alto, Caracola e Agra. Nas tres EIM que contan cun maior número de alumnado, Arela, Os Rosales e Carricanta, levaranse a cabo dous pases do espectáculo no canto dun.
Chus Álvarez, filóloga, educadora infantil e narradora oral, é a encargada de ofrecer este espectáculo. "Ollo, piollo!" é unha actividade de narración oral que busca descubrir o mundo con ollos ledos. Contos e cantos para xogar, con imaxes e palabras. Nesta actividade emprega a súa voz (para contar e cantar) e libros físicos ou outros pequenos obxectos, como luvas, para narrar cos dedos das mans. Nos seus contos de crocodilos, gatos ou eirugas xogará coas rimas e as cores.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña actuará como mediador entre cada centro de ensino municipal e a narradora para acordar as datas e os horarios de cada actividade.
Este programa, que busca fomentar a lingua galega entre as crianzas da cidade, forma parte do compromiso do Concello da Coruña coa normalización lingüística e a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida pública. Toda a información está dispoñible na páxina web de Normalización en Novas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible