Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Rey: “A participación do alumnado dos CEIP implicará cambios e melloras moi importantes na nosa cidade”

Cando:

17 de decembro de 2020

Esta mañá o equipo de Goberno do Concello da Coruña escoitou e respondeu ás propostas do alumnado de tres colexios da cidade no marco do acto final do programa Sementando participación, que ten como obxectivo xerar un proceso de participación infantil e que nesta terceira edición tivo que realizarse a través de videoconferencia

Esta mañá tivo lugar o final do programa Sementando participación, unha iniciativa da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación que conta coa colaboración da ONG Educo, e que ten como obxectivo xerar un proceso de participación infantil para que as nenas e nenos coñezan e practiquen técnicas, ferramentas e habilidades para a participación cívica. Nesta terceira edición e por motivos sanitarios, o acto final non se realizou de maneira presencial senón a través de videoconferencia, que se puido seguir en streaming a través da páxina web municipal. 

O equipo de Goberno do Concello da Coruña participou neste acto final desde o Salón Dourado do pazo de María Pita, a través de medios técnicos instalados para tal efecto, para lle responder ao alumnado de 5.º curso de Educación Primaria dos colexios CEIP Alborada, CEIP Manuel Murguía e Colexio Fogar de Santa Margarida.

A alcaldesa, Inés Rey, manifestoulles a importancia deste tipo de iniciativas xa que "a vosa participación implicará cambios e melloras moi importantes na nosa cidade" e agradeceulles as súas "propostas solidarias" xa que poñen de manifesto "a vosa preocupación polas persoas que menos teñen e que o están a pasar tan mal nesta crise económica". 

As e os alumnos realizáronlle un total de 28 propostas ao equipo de Goberno de Inés Rey sobre seguridade viaria e contornas escolares seguras, hortos urbanos, plantas invasoras na cidade, centros de acollida de animais, purificación do aire, campamentos municipais infantís, iniciativas solidarias para non deixar a ninguén atrás, xornadas para loitar contra a homofobia e até unha proposta, coa súa correspondente maqueta, para mellorar os semáforos da cidade ou un sistema para limpar os residuos nas praias municipais que atraparía os plásticos pero non os animais.

En 2020 participaron neste proxecto un total de sete aulas de 5.º de primaria dos centros educativos CEIP Alborada, CEIP Manuel Murguía e Colexio Fogar de Santa Margarida, o que supón un número total de 175 nenas e nenos que participaron de forma virtual no acto final do programa.

A alcaldesa concluíu o acto gabando "o esforzo, traballo e dedicación que hai detrás desta xornada a pensar nunha cidade mellor. As concelleiras e concelleiros, e eu mesma, agradecémosvos moitísimo as ideas que nos achegades e queremos que saibades que moitas delas poñémolas en marcha". Rey sinalou que as súas son "suxestións que teñen reflexo na acción de Goberno" e asegurou que, aínda que se soe dicir que as e os nenos sodes o futuro, "eu creo que sodes o presente, un presente ao que escoitamos e lle facemos caso".

O programa completo pódese consultar na canle de Vimeo do Concello da Coruña: https://vimeo.com/concellocoruna/review/492015811/aba900ad1f

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión