Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello publica o cómic “María Casares. En tres actos” sobre a vida da actriz coruñesa

Cando:

27 de xullo de 2022

Documentos:

Dossier-BD---Maria-Casares.-En-tres-actos.pdf (5 MB)

A exposición homónima estará na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga ata o 6 de novembro, con paneis que recollen información e viñetas da obra

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a novela gráfica "María Casares. En tres actos", editada e publicada polo Concello da Coruña no marco do Ano Internacional María Casares 2022. A edición, dirixida por Manel Cráneo, recolle o traballo do escritor Manuel López e da e dos debuxantes Inés Vázquez, Rubén Rial e Daniel Xove, presentes no acto xunto co concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Industria, Innovación e Emprego, Jesús Celemín.

A presentación tivo lugar na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, onde a alcaldesa sinalou que dende comezos de ano se levan realizadas varias actividades sobre a figura de María Casares. Entre elas está a exposición "María Casares, actriz océano", que rematou o pasado luns 25 de xullo con máis de 7.000 visitantes procedentes de todas as partes de España "e tamén de Francia, lugar de residencia final da actriz, dende onde se achegan á súa Coruña natal para afondar nas orixes de Casares". A edición e publicación deste cómic súmase ao catálogo "María Casares: Vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936" e "María Casares, actriz océano", publicados polo Concello da Coruña nunha aposta do Goberno local pola investigación e divulgación desta artista na súa etapa coruñesa.

"María Casares. En tres actos" recolle a vida da actriz en tres etapas facendo un paralelismo entre a súa traxectoria vital e o teatro. Cada capítulo foi debuxado por un ou unha artista diferente, de xeito que a imaxe tamén se vai modificando conforme avanza no tempo, cos textos de Manuel López como fío condutor. A portada, deseñada pola debuxante francesa Camille Benyamina, mostra a María Casares entre a Torre de Hércules e a Torre Eiffel, ambos monumentos emblemáticos das dúas cidades que simbolizan a conexión entre a orixe e o final da vida da actriz. 

Unha mostra das viñetas estará exposta na mesma sala ata o vindeiro 6 de novembro co obxectivo de dar a coñecer a vida de María Casares a través da banda deseñada. "Unha forma de literatura moitas veces esquecida ou relegada, coa que podemos chegar a un público máis novo e transmitírmoslle valores tan importantes como os que representa María Casares" destacou a alcaldesa.

A rexedora quixo poñer en valor o traballo das e dos artistas que participaron na edición, así como da Concellería de Educación e Memoria Histórica pola iniciativa "e por pensar sempre na cultura como elemento central da nosa identidade como cidade". Deste xeito, o Goberno de Inés Rey continúa situando A Coruña como capital cultural e de referencia co programa de actividades polo Ano Internacional María Casares, reivindicando a cidade como lugar de orixe da actriz.

Máis de 7.000 visitantes e 30 actividades na exposición 'María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada'

A mostra 'María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada', que pechou as súas portas este pasado 25 de xullo, constitúe o eixo central do Ano Internacional María Casares. Esta iniciativa do Concello da Coruña tivo a intención de identificar á actriz coa súa cidade natal, mais tamén o obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. A exposición recibiu 7.165 visitantes durante a súa estadía no Quiosco Alfonso, ao que se achegaron visitantes non só de Galicia, senón tamén dende Madrid, Barcelona ou París. O interese abrangueu un amplo abano social: representantes do universo teatral, das artes plásticas e musicais, do mundo audiovisual, da literatura, da docencia, da investigación, da memoria histórica, do exilio republicano, do asociacionismo ou da xestión cultural. "Unha diversidade que confirma o éxito da aposta transversal no relato expositivo, e o acerto dunha homenaxe para a que existía unha forte demanda social dende os sectores máis variados", sinalou a alcaldesa Inés Rey.

'María Casares, actriz océano' contou con máis de 30 actividades diversas: visitas guiadas teatralizadas a cargo da actriz Sabela Hermida, presentación de libros sobre a actriz das editoras Bululú, Aira, e editorial Galaxia, diálogos teatralizados entre María Casares e Santiago Casares a cargo do Grupo de teatro lido da Sagrada Familia, lecturas en francés en colaboración coa Alliance Française, gravación de tres "podcast" autobiográficos en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia que se publicarán en múltiples plataformas en vindeiras datas e visitas guiadas pola comisaria da exposición, María Lopo. 

A estas actividades sumouse a publicación do catálogo desta exposición, onde se recollen a totalidade das pezas expostas, e que conformará a partir de agora a principal fonte documental sobre a actriz coruñesa. Neste libro de 124 páxinas, fotografáronse e documentáronse todos os materiais que compuxeron a mostra expositiva, cedidos por 40 organismos, arquivos e entidades recuperando moitos documentos inéditos que a partir de agora poderanse atopar publicados e contextualizados polos comentarios da comisaria María Lopo.

Doazón de Michel e Danielle Casares e entidades colaboradoras

A mostra 'María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada' contou cunha importante cantidade de obxectos e documentos cedidos pola súa familia, neste caso Michel e Danielle Casares. Estes foron: oito negativos fotográficos de María Casares e Albert Camus, unha placa co nome de María Casares, unha fotocopia de 'La Vergne', dúas fotografías de zapatos chineses, un "dossier" de prensa sobre María Casares e Santiago Casares Quiroga, un libro homenaxe a María Casares con data de xaneiro de 1997, un manuscrito escrito pola actriz, tres grandes arquivos manuscritos orixinais e mecanografados de 'Résidente privilégiée' e transcricións de cartas de Santiago Casares Quiroga con tradución ao francés, tres cadernos de notas do Lycée Victor-Duruy, unha copia do testamento de María Casares, o seu documento nacional de identidade, a súa tarxeta da seguridade social, 20 fotos de ámbito persoal, dúas fotos da cerimonia de imposición da Orde da Liberación de España, cinco DVD e 14 VHS.

Esta mostra foi a primeira en reunir a 35 entidades diferentes que doaron diferentes obxectos e materiais relacionados coa vida da actriz. Tratouse de : IMEC (Fonds D'Archives María Casares), Association Jean Vilar-Maison Jean Vilar, Maison María Casares, Agence Roger-Viollet, Agence Enguérand (Fonds Bernand), Fonds Studio Harcourt (Réunion des Musees Nationaux Grand Palais), Archives INA (Institut National de l'Audiovisuel), Archives Famille Zola, Archives Catherine Camus, Arquivo Blanca Campos García, Arquivo Éliane e Jean-Marie Lavaud, Arquivo do Reino de Galicia, Casa-Museo Casares Quiroga, Arquivo Municipal da Coruña, Concello da Coruña, Fundación Luis Seoane, Biblioteca Pública Miguel González Garcés, CGAI, Arquivo AAAG, TVG, Ateneo Republicano, Consello da Cultura Galega, Arquivo Familia de Paz López-Nóvoa, Arquivo Familia de la Fuente, Arquivo Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, Arquivo María Lopo, Arquivo Ouvirmos, Sara Lamas, Marta Paz, Baldomero Moreiras, Siro, Arquivos Instituto-Escuela, RTVE, Axencia EFE e Archivo de la Palabra (Radio Universidad Nacional de La Plata).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión