Concello da Coruña

Concello da Coruña

Falamos secundaria nos IES da cidade 2021-22

*ata esgotárense os pases

Máis información:

O programa de dinamización lingüística "Falamos" pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego.

Actividades dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria

Normalización Lingüística ten establecida, entre as súas funcións, a de realizar diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego, entre os que se atopa o programa Falamos secundaria.

Os obxectivos máis concretos do Falamos secundaria son os seguintes:

  • Promover a utilización da lingua galega nos centros de educación secundaria da Coruña.
  • Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
  • Garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega.
  • Estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado da lingua galega.
  • Superar vellos prexuízos, presións globalizadoras e inercias negativas.
  • Procurar espazos de uso e de lecer en lingua galega que sexan de calidade para o alumnado dos centros de ensino da nosa cidade.

Actividades dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria

Ímoslles ofrecer aos centros de educación secundaria da cidade da Coruña as seguintes actividades:

  • 5 pases do espectáculo "Música e lingua", de Zënzar, en formato acústico e a trío
  • 4 pases do "Método de hipnose para falar galego", de Séchu Sende. PASES ESGOTADOS.
  • 5 pases de "Camiños por debuxar", de Xulia Pisón

Realizaranse nos propios centros que as demanden (por orde de inscrición), entre xuño e novembro de 2021. Cada centro só poderá recibir unha actividade.

  • "MÚSICA E LINGUA", DE ZËNZAR. Zënzar, a banda máis antiga en activo do rock galego, os "Padriños do rock galego", gañadores de varias das últimas edicións do concurso musical do Correlingua, o "Cantalingua", ofreceranlle ao alumnado un concerto a trío e unha charla sobre música e lingua, cun repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nela. Neste encontro irase debullando, dun xeito ameno e visual (con vídeo, música, palabra e ilustración), a información necesaria para entender a importancia da nosa lingua como elemento dinamizador e imprescindible dunha cultura, integrada no ámbito musical e audiovisual. Á vez farase un percorrido histórico buscando a participación e o diálogo co alumnado asistente. Mediante o proxecto Músicas Galegas Ilustradas, incorporarase a temática de xénero.
  • "MÉTODO DE HIPNOSE PARA FALAR GALEGO", DE SÉCHU SENDE  Séchu Sende é filólogo, profesor e escritor. Da súa produción poética destaca o libro Odisea. En 2004 gañou o Premio Blanco Amor de novela con Orixe. En 2007 publica o libro de relatos Made in Galiza que recibiu o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro do Ano, concedido pola Asociación de Editores Galegos e foi traducido ao kurdo, ao turco, ao éuscaro e ao catalán. Ademais, algúns dos seus textos foron traducidos ao ruso, checo, croata, bretón, sardo ou asturiano. En 2010 publicou o libro ilustrado Animais, un conxunto de textos e deseños que forman un himno á vida natural e unha denuncia do progreso mal entendido. En 2011 publicou O caçador de bruxas, unha historia sobre a liberdade de expresión. Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas, publicado en 2012, é un libro de viaxes ilustrado polo autor onde se narra unha aventura autobiográfica e se trata o conflito sociolingüístico. En 2013 publicou en liña catro libros ilustrados sobre catro temas fundamentais na súa obra: lingua, ecoloxía, igualdade de xénero e historia da Galiza. Ten traballado en publicidade social e moitos dos seus versos e textos foron musicados ou teatralizados. Por Pelos na lingua recibiu o Premio María Casares 2012 ao Mellor Texto e o Premio Max. Séchu Sende tamén é o creador do primeiro xogo de rol en galego. A actividade estimulará a mellora de actitudes e o aumento de usos en galego, desde un punto de vista creativo, lúdico, crítico e rebelde. Un achegamento á sociolinguística, pasando polo humor, a improvisación oral en verso (regueifa e rap) e a actualidade social. Dirixida aos cursos desde 4.º da ESO a 2.º de bacharelato.
  • "CAMIÑOS POR DEBUXAR", DE XULIA PISÓN. Xulia Pisón é debuxante e autora de cómics. Empezou a súa carreira en 2015 cos fanzines autoeditados McCactus, (∞-1) e Legado (con guión de K. Benlloch). Desde entón participou en diversas publicacións colectivas de banda deseñada como Licor Café (Demo Editorial) e Altar Mutante, entre outras. Realiza traballos como ilustradora de cartelería e editorial, e incluso algún proxecto de animación. Recibiu o 1.º premio do Certame Xuventude Crea de BD de 2015. Entre os traballos de ilustración que realizou destaca o cartel das Festas de María Pita da Coruña en 2017. Recentemente publicou Microalgas. O mundo oculto e Microalgas. O Mar de Ardora, dous cómics de aventuras e divulgación científica coa Universidade da Coruña no que achega o mundo submarino a través da personalización de certos elementos, creando a estrutura e o guión dunha historia de superheroes e creando referentes de xénero para as mozas, xa que o protagonismo recae sobre personaxes femininos. Sobre esta temática, a pouca visibilización das mulleres ilustradoras, falou nas últimas xornadas do "Libros vivintes", programa da Biblioteca do Ágora para achegar autoras e autores ao lectorado. Na súa interesantísima presentación facía un percorrido sobre os seus inicios, os principais obstáculos das mulleres no mundo da ilustración, creando unha lista de autoras -moitas delas practicamente descoñecidas para a rapazada- e enfocando as súas propostas na calidade e na apertura dos guións cara a temáticas que interesen tamén ás mozas como público potencial do mundo do cómic. A súa actividade "Camiños por debuxar" será unha charla co alumnado sobre a súa traxectoria como debuxante e autora galega, sobre a identidade e sobre a procura do noso lugar neste mundo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión