Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concurso Imaxina Coruña 2022-23

O Servizo de Educación, en colaboración co Servizo de Cultura, organiza a II edición do programa IMAXINA, para o curso escolar 2022-2023.

O programa Imaxina nace como unha iniciativa municipal de carácter innovador que pretende difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de secundaria.

A organización propoñerá un tema que servirá de marco para que o alumnado participante desenvolva un proxecto orixinal empregando ferramentas científicas, tecnolóxicas e matemáticas (STEM) que teña como finalidade contribuír á resolución dun problema real da sociedade. O proxecto finalizará coa presentación pública dos experimentos ou materiais creados que cheguen a ser finalistas.

Localización do centro:

Só da Coruña

Servizo municipal:

Museos científicos, Educación

Tipo de actividade:

Outras, Complementaria

Titularidade do centro:

Público, Concertado

A quen vai dirixido?:

Os centros educativos con sede na cidade da Coruña e área metropolitana que conten con grupos de alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Cada centro poderá solicitar participar cun máximo de 3 grupos.

Os grupos poderán contar entre 2 e 4 participantes, que só se poderán inscribirse nun grupo. Todos os grupos deberán ser mixtos para fomentar os principio de igualdade na ciencia que defende este concurso. Non se admitirá máis dun proxecto por grupo.

Un profesor ou profesora das materias relacionadas liderará o grupo ou grupos participantes e responsabilizarase do alumnado que os integra. O persoal docente designado por cada centro servirá de ligazón co persoal municipal responsable do programa.

Poderán participar un máximo de 40 grupos. A selección dos participantes realizarase por rigorosa orde de entrada da solicitude por centro, de tal maneira que se se superan as previsións, a prioridade establecerase por centros, é dicir, se un centro presenta varios grupos a prioridade será a participación do maior número de centros posibles fronte ao maior número de grupos por centro.

Obxecto:

  • Fomentar actitudes positivas da ciencia e da tecnoloxía, dando respostas, mediante a experimentación ou o deseño, a cuestións que promovan un planeta sostible.
  • Favorecer e mellorar o desenvolvemento de valores educativos tales como: creatividade, traballo en equipo, solidariedade e autonomía.
  • Impulsar e fomentar iniciativas entre o alumnado.
  • Apoiar e incentivar o persoal docente dos centros educativos na súa tarefa de formación.
  • Dar visibilidade a iniciativas innovadoras que desenvolvan os alumnos e as alumnas.
  • Incentivar a participación das mozas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía, na procura da ruptura da fenda de xénero nesta materia.

O programa proporcionaralles apoio aos centros participantes mediante un asesoramento por especialista na materia, e ofrecerá premios incentivadores que priman as mellores iniciativas tanto do alumnado participante como do centro educativo.

Para realizar a valoración dos proxectos presentados e seleccionar aos gañadores o concello contara coa colaboración de persoas expertas en educación e comunicación científica e persoas novas con experiencias en actividades científicas.

TEMÁTICA

Nesta II Edición a temática do concurso proposto polo concello será: Ciencia cidadá.

A ciencia cidadá consiste na participación voluntaria do público en investigacións reais sobre o mundo que nos rodea.

Coas novas tecnoloxías toda a cidadanía pode compartir datos como a geolocalización, as fotografías ou as datas e horas da toma de mostras simplemente cun teléfono móbil ou tableta, o que facilita enormemente a participación voluntaria en numerosos tipos de investigacións.

En Imaxina , os equipos participantes desenvolverán unha investigación de ciencia cidadá utilizando unha aplicación móbil educativa do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) elaborada especificamente para o ámbito educativo.

O concello correrá cos gastos en concepto de material fungible que estea relacionado co traballo para desenvolver ata un máximo de 150 euros por grupo participante.

Considérase material funxible o material de oficina, fotocopias, alugueiro de material informático ou audiovisual, compra de material para levar a cabo o produto final ou o experimento etc.

DINÁMICA

O reto consistirá no desenvolvemento dunha investigación de ciencia cidadá empregando unha aplicación móbil educativa do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) elaborada especificamente para o ámbito educativo.

DESENVOLVEMENTO

O concurso vén determinado polas seguintes fases para desenvolver desde o mes de febreiro ata o mes de abril de 2023.

Fase I.- Preparación do proxecto. Datas previstas de febreiro a marzo

Asesoramento durante a elaboración dos traballos por parte dos Museos Científicos Coruñeses a través dun correo creado para tal fin.

Fase II.-Presentación da memoria final

O prazo de presentación da memoria final finalizará o 24 de abril debendo entregarse en formato PDF a través do correo electrónico facilitado para este concurso.

A memoria debe ser orixinal, inédita e innovadora e conter:

  • Titulo do proxecto.
  • Nome, apelidos e DNI dos participantes.
  • Nome, apelidos e DNI do profesor que liderou o reto.
  • Hipótese, materiais, resultados e conclusións
  • Deberanse entregar tamén imaxes, táboas, gráficos, fotografías ou calquera outro elemento que de soporte á memoria presentada.

A memoria deberá presentarse usando a letra Arial 11 e non poderá superar as 20 páxinas. Quedarán excluídas as memorias que non se axusten a estes requisitos.

Fase III.- Valoración da memoria

A valoración das memorias realizarase coa posta en común das valoracións dun xurado sénior composto por un mínimo de 3 membros, todas elas persoas de recoñecido prestixio na educación e a comunidade científica.

Este xurado seleccionará, en base as memorias presentadas, os proxectos que pasarán á final e participarán na feira de ideas onde se presentarán os proxectos.

Fase IV.- Feira de Ideas e Premios "Imaxina Coruña" .Data prevista: mes de abril ou maio

Os proxectos finalistas farán unha presentación nas instalacións da DOMUS, onde se lles facilitará un espazo (posto) rotulado co nome do centro ao que representan así como co título do proxecto finalista.

A feira Imaxina Coruña celebrarase nun día para determinar do mes de abril ou maio en horario de mañá e/ou tarde nas instalacións da Domus.

Neste espazo o alumnado presentaralle ao público asistente os seus proxectos e poderá acompañalos de vídeos expositivos, materiais publicitarios, audiovisuais, teatrais ou calquera outra ferramenta ou medio que estime oportuno co fin de conseguir un maior atractivo e atención sobre a súa proposta.

Un xurado júnior composto por un mínimo de 3 mozos/os con experiencia en actividades científicas (membros do club da ciencia, participantes en feiras científicas, premiados en proxectos de ciencias ou tecnoloxía, STEMBac...), visitarán os espazos de exposición para valoralos.

Unha vez visitados os espazos, o xurado retirarase a deliberar para comunicar o veredicto dos proxectos premiados. Para a devandita valoración o xurado deberá ter en conta a autenticidade das investigacións, a súa orixinalidade, o seu rigor científico e tecnolóxico, o sentido crítico, a súa viabilidade, capacidade para mellorar a vida das persoas e todos aqueles aspectos que demostren curiosidade e constancia.

A decisión do xurado será inapelable. Pódese declarar deserto algún dos premios se así o considera.

DATAS

  • Período de inscrición: do 23 de xaneiro ao 15 de febreiro
  • Xornada presencial de formación: 8 de febreiro
  • Presentación memorias: 24 de abril
  • Feira Imaxina Coruña: 13 de maio

PREMIOS

a) Premios para os proxectos

Para cada unha das categorías deste concurso establécese como premio a invitación a participar ou visitar unha feira científica estatal, incluíndo gastos de desprazamento e aloxamento para os equipos gañadores e os docentes (máximo 5 acodes/grupo, incluído o docente). Para esta edición a feira elixida é:

Os premios virán establecidos en función de distintas categorías:

  • Premio á sustentabilidade
  • Premio á innovación
  • Premio ao compromiso social.

Os grupos premiados que vaian participar nas feiras científicas, deberán de adaptarse as normas de participación establecidas nelas.

b)Premio aos vídeos dos proxectos

Aqueles grupos concursantes que presenten un vídeo relato do seu proxecto, será publicado en youtube e sometido a votación popular os 3 días anteriores á celebración da feira. O gañador da votación popular será premiado cun estabilizador.

As características do vídeo deberán ser as seguintes: duración máximo de 2 minutos; formato horizontal; resolución mínima de 720p e peso máximo de 50M.

c) Premio ao centro educativo

Ademais cada centro educativo onde estea matriculado o alumnado premiado nas 3 categorías sinaladas, recibirá un cheque regalo por importe de 500 euros para gastar nun establecemento comercial da cidade da súa elección. Este importe deberá destinarse para a adquisición de material científico e tecnolóxico para a aula participante no concurso.

Inscricións:

Inscrición centros

Ficha de solicitude xeral (a cubrir polo centro) e Ficha de solicitude específica (a cubrir polo centro)

Contacto:

DISMEDIA DESENVOLVEMENTOS TIC, S.L.

981 100 546

Organiza:

Servizo de Educación e Servizo de Museos Científicos

Máis información:

Organiza:

Servizo Municipal de Educación

Servizo de Museos Científicos

Documentos:

Cartel Imaxina Coruña (1 MB)

Documentos relacionados

  • Bases aprobadas imaxina (737 KB)

Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión