Concello da Coruña

Concello da Coruña

Foros debate: pensar en igualdade con amplitude de miras

Esta proposta trata de fomentar a capacidade de formular argumentos propios, reflexionados e coa madurez que require dentro das idades en que está comprendida a proposta.

As palabras reflicten dun modo profundo os conceptos máis arraigados da nosa visión do mundo, moldeando a un tempo a realidade que nos arrodea.

Falar sobre novos conceptos e traer a debate temas que na actualidade preocupan ás mozas e aos mozos, máis aló dos paradigmas estáticos, favorece crear novos camiños favorables á igualdade e a diversidade.

Trátase de crear un espazo no que verbalizar as olladas e os sentimentos das e dos adolescentes, compartir visións, valores, críticas e dúbidas do mundo que as/os arrodea, do que son axentes activos e importantes protagonistas na participación da creación do seu propio futuro.

Localización do centro:

Só da Coruña

Servizo municipal:

Igualdade e Diversidade

Tipo de actividade:

Complementaria

A quen vai dirixido?:

Alumnado de 3º e 4º de ESO. Bacharelato. Formación Profesional Básica e Media.

Horario:

Lectivo dos Centros Educativos.

Obxecto:

Obxectivo xeral

Fomentar os valores de igualdade e diversidade a través das voces e as reflexións da poboación máis nova da contorna coruñesa.

Obxectivos específicos

  • Contribuír á creación de espazos de reflexión e participación nos que se poderán abordar diferentes temáticas coa adolescencia e mocidade, que conduzan a crear relacións interpersoais sas, xustas e igualitarias.
  • Recoller o discurso e os sentimentos das e dos adolescentes con respecto ás temáticas a tratar (Dar voz).
  • Xerar dinámicas de debate que poidan desenvolver un pensamento crítico para as desigualdades e as violencias machistas.
  • Sensibilizar ás e aos adolescentes naquelas temáticas nas que mostran maior interese e preocupación, máis aló do currículo escolar.
  • Contribuír a mellorar a capacidade e habilidades do alumnado participante a falar e debater en público.

Condicións do programa

O centro educativo proporcionará unha aula onde facer os obradoiros.

A duración máxima de cada foro debate por grupo-aula será de 2 horas, sendo aconsellable distribuílas en dúas xornadas próximas no tempo. Acordaranse os horarios co centro educativo.

Obradoiros ofertados

Asignaranse un mínimo de dous debates por centro escolar que contemplen os diferentes grupos ou aulas (A, B, C...) dun curso determinado.

Cada centro poderá seleccionar unha temática por debate e aula, podendo ser diferentes as temáticas en diferentes aulas, aínda que sexan do mesmo curso, adecuándose á realidade e/ou necesidades do nivel ou curso concretos.

O número máximo de participantes será o número máximo de alumnado establecido por aula.

Contidos

Relación de posibles temáticas:

  • Que é o feminismo? Por que se fala de feminismo e a súa importancia social.
  • Modelos de masculinidade e feminidade.
  • A igualdade na contorna dixital.
  • As diferentes sexualidades e LGTBQIA+ Fobias.
  • Descubrimento das relacións sexuais a través do consumo da pornografía.
  • Que significa a liberdade sexual?.
  • As violencias sexuais (indicadores para a súa detección, mitos que as fundamentan...) e o bo trato sexual.
  • Outras formas de violencia sexual: prostitución, pornografía e trata de mozas e mulleres.
  • Ciberviolencia de xénero.
  • As redes sociais. Likes, retwitear ...
  • Que é o empoderamento (empoderar para e con vs empoderar sobre)
  • A hipersexualización das nenas e adolescentes.
  • A importancia da música e a publicidade na socialización da infancia, adolescencia e mocidade.
  • Dereitos das nenas e as mozas vs dereitos humanos.
  • A conformación das relacións afectivo-emocionais e sexuais sas, positivas e pracenteiras.
  • Os coidados e a súa relación co benestar social.
  • Os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
  • Publicidade antisexista e contrapublicidade.
  • Sexualidades, transexualidades e transfobias.
  • Identidades de xénero e orientación sexoafectiva.
  • Profesións sen xénero.
  • Diversidade: funcional, racial, cultural afectivo-sexual e de xénero vs interseccionalidade.

Metodoloxía

A metodoloxía dos foros será participativa. O alumnado terá un importante papel protagonista.

Para o desenvolvemento dos foros seguiranse os seguintes pasos:

Presentación: a persoa facilitadora explica a actividade ao grupo e achegará algunhas indicacións básicas para o debate como as seguintes:

- Argumentar e non facer alusións persoais.

- Respectar as quendas.

- Non berrar nin levantar a voz de forma excesiva.

- Escoitar atentamente para poder rebater, non contestar de modo irreflexivo.

- Persuadir, apaixonarse pero non excederse nin ofender.

  • a persoa facilitadora fai unha presentación da temática escollida e propón varias cuestións como punto de inicio de preparación do debate. Empregaranse datos, vídeos, noticias de actualidade... para encadrar o tema. O alumnado por equipos, se os protocolos COVID o permiten, prepararán os seus argumentos antes de iniciar o debate.
  • de maneira ordenada irán intervindo, guiados/as pola persoa moderadora, tentando que os argumentos teñan un fío áxil, que facilite o debate.

Será fundamental que as intervencións sexan argumentadas e respectuosas, sen coartar a liberdade para que cada persoa expoña o seu punto de vista, e será papel da moderadora e experta en igualdade, lanzar reflexións orientadas cara aos valores da igualdade e á diversidade.

Final: para finalizar, deixarase espazo para facer unha intervención de aproximadamente 30 segundos/1 minuto e lanzar unha frase/reflexión/resumen. Ao final de cada debate compartiranse, na conta habilitada en Instagram para o proxecto, algunhas das frases ou argumentos que irán saíndo ao longo do debate a través dun # específico. Estas publicacións non incluirán: - imaxes do alumnado. - referencias persoais.

Cando:

Dende o 07/01/2022 ata o 23/06/2022

2º e 3º trimestres do curso escolar 2021-2022.

Inscricións:

Dende o 15/09/2021 ata o 15/10/2021

Inscrición centros

Contacto:

Centro de Información ás Mulleres (CIM)

Coordinadora de centros e programas

C/ Hortensias, 11. 15008. A Coruña

Tel. CIM: 981 184 356. E-mail: cim@coruna.gal

Tel.: 981 184 200 ext. 67094, 67901

Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión