Concello da Coruña

Concello da Coruña

Falamos Primavera 2021

O programa de dinamización lingüística "Falamos" pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego.

Localización do centro:

Só da Coruña

Servizo municipal:

Normalización Lingüística

Actividades dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria

Normalización Lingüística ten establecida, entre as súas funcións, a de realizar diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego, entre os que se atopa o programa Falamos secundaria.

Os obxectivos máis concretos do Falamos secundaria son os seguintes:

  • Promover a utilización da lingua galega nos centros de educación secundaria da Coruña.
  • Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
  • Garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega.
  • Estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado da lingua galega.
  • Superar vellos prexuízos, presións globalizadoras e inercias negativas.
  • Procurar espazos de uso e de lecer en lingua galega que sexan de calidade para o alumnado dos centros de ensino da nosa cidade.

Actividades dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria

Ímoslles ofrecer aos centros de educación secundaria da cidade da Coruña as seguintes actividades:

  • 5 pases do espectáculo "Música e lingua", de Zënzar, en formato acústico e a trío
  • 4 pases do "Método de hipnose para falar galego", de Séchu Sende
  • 5 pases de "Camiños por debuxar", de Xulia Pisón

Realizaranse nos propios centros que as demanden (por orde de inscrición), entre xuño e novembro de 2021. Cada centro só poderá recibir unha actividade.

  • "MÚSICA E LINGUA", DE ZËNZAR. Zënzar, a banda máis antiga en activo do rock galego, os "Padriños do rock galego", gañadores de varias das últimas edicións do concurso musical do Correlingua, o "Cantalingua", ofreceranlle ao alumnado un concerto a trío e unha charla sobre música e lingua, cun repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nela. Neste encontro irase debullando, dun xeito ameno e visual (con vídeo, música, palabra e ilustración), a información necesaria para entender a importancia da nosa lingua como elemento dinamizador e imprescindible dunha cultura, integrada no ámbito musical e audiovisual. Á vez farase un percorrido histórico buscando a participación e o diálogo co alumnado asistente. Mediante o proxecto Músicas Galegas Ilustradas, incorporarase a temática de xénero.
  • "MÉTODO DE HIPNOSE PARA FALAR GALEGO", DE SÉCHU SENDE  Séchu Sende é filólogo, profesor e escritor. Da súa produción poética destaca o libro Odisea. En 2004 gañou o Premio Blanco Amor de novela con Orixe. En 2007 publica o libro de relatos Made in Galiza que recibiu o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro do Ano, concedido pola Asociación de Editores Galegos e foi traducido ao kurdo, ao turco, ao éuscaro e ao catalán. Ademais, algúns dos seus textos foron traducidos ao ruso, checo, croata, bretón, sardo ou asturiano. En 2010 publicou o libro ilustrado Animais, un conxunto de textos e deseños que forman un himno á vida natural e unha denuncia do progreso mal entendido. En 2011 publicou O caçador de bruxas, unha historia sobre a liberdade de expresión. Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas, publicado en 2012, é un libro de viaxes ilustrado polo autor onde se narra unha aventura autobiográfica e se trata o conflito sociolingüístico. En 2013 publicou en liña catro libros ilustrados sobre catro temas fundamentais na súa obra: lingua, ecoloxía, igualdade de xénero e historia da Galiza. Ten traballado en publicidade social e moitos dos seus versos e textos foron musicados ou teatralizados. Por Pelos na lingua recibiu o Premio María Casares 2012 ao Mellor Texto e o Premio Max. Séchu Sende tamén é o creador do primeiro xogo de rol en galego. A actividade estimulará a mellora de actitudes e o aumento de usos en galego, desde un punto de vista creativo, lúdico, crítico e rebelde. Un achegamento á sociolinguística, pasando polo humor, a improvisación oral en verso (regueifa e rap) e a actualidade social. Dirixida aos cursos desde 4.º da ESO a 2.º de bacharelato.
  • "CAMIÑOS POR DEBUXAR", DE XULIA PISÓN. Xulia Pisón é debuxante e autora de cómics. Empezou a súa carreira en 2015 cos fanzines autoeditados McCactus, (∞-1) e Legado (con guión de K. Benlloch). Desde entón participou en diversas publicacións colectivas de banda deseñada como Licor Café (Demo Editorial) e Altar Mutante, entre outras. Realiza traballos como ilustradora de cartelería e editorial, e incluso algún proxecto de animación. Recibiu o 1.º premio do Certame Xuventude Crea de BD de 2015. Entre os traballos de ilustración que realizou destaca o cartel das Festas de María Pita da Coruña en 2017. Recentemente publicou Microalgas. O mundo oculto e Microalgas. O Mar de Ardora, dous cómics de aventuras e divulgación científica coa Universidade da Coruña no que achega o mundo submarino a través da personalización de certos elementos, creando a estrutura e o guión dunha historia de superheroes e creando referentes de xénero para as mozas, xa que o protagonismo recae sobre personaxes femininos. Sobre esta temática, a pouca visibilización das mulleres ilustradoras, falou nas últimas xornadas do "Libros vivintes", programa da Biblioteca do Ágora para achegar autoras e autores ao lectorado. Na súa interesantísima presentación facía un percorrido sobre os seus inicios, os principais obstáculos das mulleres no mundo da ilustración, creando unha lista de autoras -moitas delas practicamente descoñecidas para a rapazada- e enfocando as súas propostas na calidade e na apertura dos guións cara a temáticas que interesen tamén ás mozas como público potencial do mundo do cómic. A súa actividade "Camiños por debuxar" será unha charla co alumnado sobre a súa traxectoria como debuxante e autora galega, sobre a identidade e sobre a procura do noso lugar neste mundo.

Programa de Fomento da lingua galega nos CEIP

Normalización Lingüística ten establecida, entre as súas funcións, a de realizar diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego, entre os que se atopa Falamos infantil e primaria.

Os obxectivos do Falamos son os seguintes:

  • Promover a utilización da lingua galega nos centros de educación infantil e primaria da Coruña.
  • Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
  • Garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega.

OBXECTIVOS DA ACTIVIDADE

  • Darlle ao alumnado unha visión útil e moderna da lingua galega.
  • Eliminar os prexuízos lingüísticos existentes na infancia sobre o galego.

Actividades nos CEIP:

  • 7 pases escolares de "De aquí para alá", de Lydia Botana, dirixidos ao alumnado de 4.º, 5.º e 6.º de infantil dos CEIP da cidade. Por un imprevisto persoal, esta actividade anúlase. A nova proposta é: 7 pases escolares de "Contos nas orellas", de Migallas Teatro, dirixidos ao alumnado de 4.º, 5.º e 6.º de infantil dos CEIP da cidade.
  • 7 pases escolares de "Uxía Lambona e a Banda Molona, dirixidos ao alumnado de 1.º, 2.º e 3.º de primaria dos CEIP da cidade
  • 8 pases escolares de "Novas vellas melodías", de Pablo Díaz, dirixidos ao alumnado de 1.º, 2.º e 3.º de primaria dos CEIP da cidade.
  • 7 pases escolares de "Radio Bulebule", de Paco Nogueiras, dirixidos ao alumnado de 2.º, 3.º e 4.º de primaria dos CEIP da cidade.

Realizaranse nos propios centros que as demanden (por orde de inscrición). Cada centro só poderá recibir unha actividade.

  • "CONTOS NAS ORELLAS", DE MIGALLAS TEATRO. "Contos nas orellas" é un espectáculo de narración, ditos e música en pequeno formato onde se conxugan a narración oral, os álbums ilustrados e a música, a cargo da narradora Bea Campos e do músico Manuel Pombal.  Un bo día, pola mañá, Bea e Manuel collen as súas maletas e os seus instrumentos e van facer o que máis lles gusta: contar os seus contos preferidos con música en directo e cancións. Compartirán coas nenas e cos nenos a divertida historia dun coelliño moi traballador, a fábula de tres chibos chibóns e tamén a aventura de Daniela, unha valente nena que quere ser pirata. Entre unha historia e outra, cantarán e ensinarán ditos tradicionais relacionados cos contos e cos seus protagonistas.  As historias que se contarán durante a sesión son: Daniela Pirata, O coelliño branco, Chibos chibóns e Andando polo camiño. Os ditos que se traballarán están recollidos na páxina web Orella Pendella e na serie de vídeos Brincadeiras da lingua. Número de participantes: 50 nenas/nenos.
  • UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA. Uxía Lambona e a Banda Molona é unha formación musical dedicada a levar a música tradicional galega e, sobre todo as letras do noso repertorio máis coñecido, a un formato máis moderno e orixinal que inclúe ritmos alternativos coma o rap, rock & roll, ou ska para cancións tan coñecidas como A saia da Carolina, Catro vellos mariñeiros ou a Rianxeira. Despois de "A bailar coma tolos", presentan temas do seu novo traballo "Astronauta sideral", unha proposta musical e escénica, con raíces na nosa tradición e repertorio innovador. O alumnado de ensino primario coñecerá unha formación que difunde a nosa cultura a través de vídeos musicais atractivos en que aparecen as letras destas cancións e con eles poderán traballar a lingua galega dun xeito divertido.
  • NOVAS VELLAS MELODÍAS, DE PABLO DÍAZ. "Novas vellas melodías", de Pablo Díaz xunto co prestixioso guitarrista Rubén Barros, é un percorrido polas cancións máis populares dos 5 traballos de Pablo, empezando polos temas do último traballo "Coas miñas mans" ata chegar aos máis famosos e coñecidos "O reloxo de Alberte", "O moucho chosco" etc. Así mesmo, incorporaranse temas inéditos que por primeira vez se tocarían en público neste espectáculo. Promoverase a promoción activa da igualdade e o respecto á diversidade e á diferenza. Outras temáticas do espectáculo son a ecoloxía, a diversidade ou a lingua coas mans.
  • "RADIO BULEBULE", DE PACO NOGUEIRAS. Logo do éxito de Brinca vai!, que obtivo o Premio Martín Códax da Música na categoría Infantil, Paco Nogueiras presentou un novo traballo de alta calidade lingüística: Radio Bulebule. O medio radiofónico inspira os doce temas deste libro-cd-dvd que publica a editorial Kalandraka con ilustracións de David Pintor e uns videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo que, unidos, forman unha curtametraxe. Os ritmos variados predominan nunhas cancións que se artellan como a grella de programación dunha peculiar emisora en que o falar non ten cancelas. Sintonía de entrada, axenda cultural, música, faladoiro, novas, información deportiva e previsión meteorolóxica teñen cabida, con cadanseu tema, neste orixinal proxecto.

Programa de Fomento da lingua galega nas Escolas Infantís Municipais

Os obxectivos do programa de fomento e dinamización do galego nas escolas infantís do Concello da Coruña, baseados no Plan xeral de normalización da lingua galega, son:

  • Contribuír na galeguización de todos os niveis do sistema educativo e na dotación de materiais e recursos ás escolas infantís municipais, principalmente lúdicos, que poidan axudar na consecución desta galeguización.
  • Axudar a que as familias que teñen o galego como lingua habitual e desexan que as súas fillas e fillos non o perdan ao socializaren, sobre todo coa entrada na escola, poidan lograr o seu obxectivo.
  • Contribuír a que o sistema educativo dispoña dunha planificación orientada a garantir unha competencia semellante nas dúas linguas oficiais, sobre todo nun contexto tan castelanizado como A Coruña.
  • Ofrecerlles ás EIM máis recursos e materiais para o desenvolvemento das aulas en galego na etapa educativa 0-3 anos, principalmente lúdicos e didácticos e que fomenten unha imaxe positiva do galego nas crianzas.

Actividades nas EIM:

Os espectáculos realizaranse nas propias EIM, entre maio e novembro de 2021. De cada actividade desenvolverase un pase por escola e naquelas tres EIM que contan cun maior número de alumnado (Arela, Os Rosales e Carricanta) levaranse a cabo dous pases do espectáculo en vez de un.

Co fin de conseguirmos estes fins propoñemos realizar:

  • 12 pases escolares do espectáculo "Fíos do querer", de Cê Orquestra Pantasma, nas Escolas Infantís Municipais do Concello da Coruña, dentro do Programa de Fomento da lingua galega nas EIM, de Normalización Lingüística. "Fíos do querer" é un espectáculo de Cê Orquestra Pantasma (o vigués César Freiría) no que as crianzas, acompañadas do seu profesorado, poderán experimentar na música específica para as primeiras idades cunhas sesións onde a compoñente didáctica e a transmisión de letras sinxelas e moi repetitivas son o fío condutor. As crianzas poden coñecer os orixinais instrumentos que o artista incorpora nas súas pezas e o profesorado será informado da existencia do libro-cd, con 24 cancións, que pode servir de material didáctico para as escolas infantís e para reforzar a transmisión, a través da música, das primeiras letras en galego para as crianzas.
  • 12 pases de "Comerá o bebé", de Cris de Caldas e Francisco Javier Paz Vidal (Xabi do Camiño), nas Escolas Infantís Municipais do Concello da Coruña, dentro do Programa de Fomento da lingua galega nas EIM, de Normalización Lingüística. A narradora e o músico organizan unha sesión de contos con música en directo partindo da alimentación, dos recitados e dos xogos de man. As cativas e os cativos iniciaranse nas letras, melodías e ritmos da nosa tradición oral en lingua galega, e xunto co profesorado das escolas traballarase ademais a psicomotricidade e o sentido do ritmo. Búscase dispor de máis recursos para poder traballar na nosa lingua co dito alumnado das EIM.
  • 12 pases escolares do espectáculo "Puño, puñete", de Baobab Teatro, nas Escolas Infantís Municipais do Concello da Coruña, dentro do Programa de Fomento da lingua galega nas EIM, de Normalización Lingüística. Baobab Teatro cre na palabra, na música e nas cantigas como medio de comunicación dende que nacemos, no colo, no berce, acotío e por iso nace este espectáculo co que descubrir un mundo de sensacións. Unha travesía entre temas de propia autoría mesturados con temas de tradición oral e popular, todos eles, creados para deleite dos/as máis pequenos/as da casa.

Cando:

Dende o 12/05/2021 ata o 15/11/2021

Ficha de inscrición

Inscricións:

Dende o 30/04/2021 ata o 15/11/2021

*ata esgotárense os pases

Máis información:

Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión