Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de maio de 2018

O Concello asina un convenio de colaboración con Mulleres Colleiteiras para favorecer a contratación dunha persoa responsable da xestión da cooperativa

A edil de Igualdade, Rocío Fraga, sinala que a medida “referenda o compromiso do goberno local co aumento do emprego feminino e coa economía social, á vez que dá pé a garantir a consecución do obxecto social da entidade”

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e a presidenta de Mulleres Colleiteiras Sociedade Cooperativa Galega, Violeta Romero Gabarri, asinaron esta semana o convenio que establece o marco de colaboración entre a administración local e a entidade social coa finalidade de outorgar unha subvención de carácter nominativo para a contratación dunha persoa responsable da xestión da cooperativa, que se dedica á reciclaxe de aceite doméstico e que está formada por mulleres que se atopaban en situación de vulnerabilidade. Como expón a responsable municipal, a medida favorecerá a creación dun posto de traballo remunerado a xornada completa que permitirá a Mulleres Colleiteras desenvolver a súa actividade que, considera, "de interese social para o conxunto da comunidade". "Estamos a falar dunha entidade que, a través do traballo das persoas que a integran, produce en comúns bens e servizos para terceiros, á vez que mellora a súa calidade e condición de vida", apunta a concelleira, quen destaca que este novo convenio "afonda no compromiso do executivo coruñés polo incremento do emprego feminino así como por acompañar e favorecer a posta en marcha de proxectos de economía social na cidade".

Así, a través do acordo subscrito, o Concello achegará 25.000 euros para a contratación dunha persoa encargada da cooperativa que, actualmente, é a responsable da recollida e xestión dos residuos domésticos derivados do uso de aceites vexetais nos contedores habilitados para tal fin no termo municipal. Actualmente A Coruña conta con 42 depósitos especiais --que chegarán até 62 no presente exercicio, algúns deles por proposta veciñal dos Orzamentos Participativos-- que están situados ao carón de centros cívicos, mercados municipais e outros equipamentos de uso habitual por parte da veciñanza. Desde a súa posta en marcha en xullo de 2016, na cidade cuadriplicouse o aceite recollido, pasando dos 1.100 litros até os 4.400 recollidos no pasado 2017.

Ademais da recollida do aceite, entre as actividades que desenvolve Mulleres Colleiteiras, están o transvase e almacenamento do residuo, a súa separación e clasificación, a valorización e procesado e a venda para a súa reutilización en caldeiras de biodiesel. "Este proceso sociolaboral ten continuidade, ademais, coa realización de charlas e obradoiros vinculados á reciclaxe", sinala Rocío Fraga. "Esta subvención permitirá a consolidación dun posto de traballo responsable da boa marcha dunha entidade que está a demostrar o fundamental que é acompañar, desde a administración máis próxima á mesma, a creación e fomento de itinerarios de inserción sociolaboral mediante iniciativas de autoemprego", puntualiza a concelleira.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión