Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de decembro de 2021

Inés Rey presenta o selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’ para impulsar o produto pesqueiro local

Este distintivo estará presente nos establecementos que ofrezan peixe e mariscos que chegan ao porto coruñés

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este venres o selo de orixe 'Peixe da Lonxa da Coruña', que distinguirá aos peixes e mariscos que cheguen ao porto da cidade. Esta iniciativa partiu da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) e contou co apoio e a colaboración do Concello da Coruña.

No acto, celebrado no mercado municipal da praza de Lugo, amosouse a imaxe deste distintivo, que pasará a incorporarse na lonxa, nas peixarías, nos restaurantes e entre distribuidores. "Con este selo buscamos distinguir o excelente traballo de tratamento e manipulación do peixe e marisco fresco que chega á lonxa e se distribúe desde as súas instalacións", indicou a alcaldesa Inés Rey.

Este selo permitirá á cidadanía coñecer a orixe e tamén a calidade dos produtos que merca ou consume. O obxectivo é impulsar o consumo de peixes e mariscos locais, fomentar o seu coñecemento e poñer en valor a súa calidade. Porcúrase tamén o fortalecemento do sector pesqueiro coruñés, "un dos principais motores socioeconómicos da cidade", apuntou a alcaldesa. A lonxa da Coruña é líder en descarga de peixe fresco, con máis de 33.000 toneladas ao ano e un valor do produto de máis de 60 millóns de euros.

O Concello e a FREMSS comezarán a promoción e divulgación deste selo para incorporalo nas diferentes etapas de selección e distribución dos peixes e mariscos que chegan á lonxa. O convenio asinado entre ambas partes ten un orzamento total de 30.000 euros e está financiado na súa totalidade polo Goberno municipal.

Os exportadores, as peixarías, os restaurantes e os comercios poderán desde hoxe solicitar este selo 'Peixe da Lonxa da Coruña' para incorporalos ás súas empresas ou establecementos. A única condición para adherirse á campaña é confirmar que a procedencia do seu peixe ou marisco é a lonxa da Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión