Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de agosto de 2022

A Xunta de Goberno Local adxudicou os proxectos de reurbanización de Fernández Latorre e da segunda fase de Alcalde Marchesi

O Concello proxecta a modernización do Mercado de San Agustín cunha inversión dun millón de euros

O Concello solicitou ao Ministerio de Transportes o desconto do 30% no bus urbano, que se aplicaría a partir de setembro a todas as tarifas

O Concello da Coruña aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores a solicitude ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dunha subvención para levar a cabo un plan de mellora, dixitalización e pulo comercial do Mercado de San Agustín. Esta iniciativa contaría cun orzamento total de 1.066.000 euros, dos que o Ministerio sufragaría un 80 % e o Concello o 20 % restante.

"A nosa intención é adaptar o mercado ás necesidades actuais do sector e convertelo nun lugar moito máis atractivo tanto para os propios comerciantes como para o consumidor", apuntou a alcaldesa Inés Rey na rolda de prensa. "A nosa idea é darlle un novo impulso cunha modernización total que atraia postos de traball e retorno económico en toda a contorna fomentando tamén o consumo de produto fresco, de calidade, ecolóxico e de proximidade", engadiu a rexedora.

O plan impulsado polo Concello consistirá nunha mellora estética do exterior mediante o pintado do edificio e a mellora da súa iluminación. Por outra banda, no seu interior mellorarase a eficiencia enerxética mediante o cambio a un sistema de leds de baixo consumo. Crearase, por outra banda, unha páxina web de venda en liña para cada comerciante.

Fomentarase tamén a reciclaxe a través da instalación de máquinas de recollida de envases de plástico e aluminio que xerarían descontos na compra dos usuarios e usuarias. Instalaranse tamén paneis dixitais con información de interese sobre o mercado, wifi gratuíto e puntos de carga de dispositivos. Por outra banda, crearase unha aula de formación e un espazo de formación en alimentación saudable. "A nosa idea é dotar de ferramentas aos comerciantes para mellorar as súas estratexias e as súas vendas", remarcou Rey.

Os traballos de mellora e humanización da contorna do Mercado de San Agustín atópanse na súa última fase. Con esta actuación o Goberno de Inés Rey busca unha revitalización total deste espazo e dar prioridade ás persoas. Tamén continúa o proceso de coidado e mellora dos mercados municipais, como símbolo do tecido comercial da nosa cidade. O novo mercado de Durmideiras está a piques de rematarse e tamén avanza a futura reforma do mercado de Monte Alto coa súa recente licitación.

A alcaldesa, Inés Rey confirmou que o Goberno municipal xa solicitou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana as axudas para reducir nun 30% o prezo do transporte urbano. As axudas ás que opta o Concello permitirán aplicar esta rebaixa do 1 de setembro ao 31 de xullo de 2023.

Deste xeito, todos os usuarios e usuarias da tarxeta Millennium terán esa porcentaxe de desconto en todos os traxectos e sobre as súas tarifas. A tarifa xeral pasaría de 0,75 a 0,52 euros, a tarifa social pasaría de 0,23 a 0,16 euros e a tarifa universitaria pararía de 0,30 a 0,21 euros.

"Trátase dunha rebaixa considerable que axudará aos usuarios do transporte público e ademais fomentará o seu uso. De concretarse esta axuda, instaremos á Xunta de Galicia a que complete esta bonificación ata o 50 % para que os usuarios e usuarias do bus urbano poidan beneficiarse das mesmas axudas que os usuarios do tren que grazas ao Ministerio contarán cun 50 % de bonificación nos seus traxectos", sinalou a alcaldesa.

Reforma de Fernández Latorre

Por outra banda, a XGL adxudicou a reurbanización e humanización da travesía Santiago Rey Fernández-Latorre, en Catro Camiños. O obxectivo deste proxecto é continuar aplicando a premisa deste Goberno municipal de gañar espazo para os peóns e os ciclistas nas rúas. O proxecto estará financiado con fondos Next Generation.

A superficie total da actuación será de 5.500 metros cadrados e comprende o trazado dun carril bici unidireccional de 466 metros. Con estes traballos conectarase esta rede ciclable coa existente nas rúas Puga y Parga e Mariscal Pardo de Cela ou as de Ramón y Cajal e Pérez Arda. "Continuamos traballando na mellora de toda a nosa rede de carrís bici e na súa interconexión, como demostran os traballos xa comezados para enlazar os carrís de Ramón y Cajal e Pablo Picasso", sinalou Inés Rey. Na actualidade, A Coruña conta xa con máis 50 quilómetros de carrís bici e vías ciclables.

O proxecto de Fernández-Latorre comprende unha reurbanización total da rúa, que gañará espazo para os peóns e ciclistas, quedando cun carril de circulación en cada sentido, o que evitará tamén a dobre fila. O espazo gañado será utilizado para a creación da vía ciclable e para a ampliación das beirarrúas, que serán accesibles en todos os puntos da avenida.

As actuacións previstas, xa adxudicadas, teñen un prazo de execución de sete meses e contan cun orzamento de 724.000 euros.

Segunda fase de Alcalde Marchesi

En relación a este último proxecto, aprobouse hoxe a adxudicación da ampliación do proxecto de humanización da rúa Alcalde Marchesi, no seu tramo entre as rúas Ramón y Cajal e Posse, e na rúa Río Monelos ata o viaduto que atravesa a avenida de Oza. Estas actuacións enmárcase dentro do proxecto da rolda peonil que atravesará a cidade de leste a oeste.

O proxecto busca aumentar a calidade urbana do espazo público e a posta en valor do patrimonio e a memoria colectiva, coa instalación dunha película de auga que recreará o lugar polo que circulaba o río Monelos, canalizado agora baixo esas rúas.

Este proxecto estará financiado con fondos europeos Next Generation conseguidos polo Concello da Coruña. O orzamento desta obra é de 863.000 euros e o prazo de execución será de cinco meses, polo que o conxunto da actuación levada a cabo en Alcalde Marchesi e Primavera quedará finalizada a comezos do próximo ano.

Licenzas

En canto ás licenzas concedidas polo Concello este mércores, destaca a outorgada para a construción dun edificio en Novo Mesoiro. Trátase dun inmoble de 81 vivendas, 2 locais comerciais e garaxe que se distribúen en tres sotos, planta baixa e 9 andares. Esta obra contará cun orzamento de 4,1 millóns de euros.

Aprobouse tamén o estudo de detalle para a ordenación de dez novos volumes de edificación na parcela que a empresa Showa Denko ten no polígono de Agrela. Estas dez edificacións engadiríanse ás 34 xa existentes. O Concello, tras comprobar que as marxes que marca a lei cúmprense neste caso, autoriza este estudo de ampliación.

Aseos químicos

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén adxudicou o alugueiro e mantemento de aseos químicos para diferentes zonas da cidade. O contrato foi adxudicado por tres anos cun orzamento total de 569.357 euros. Con esta medida procuramos ofrecer mellores servizos nas nosas rúas e ampliar o número de aseos públicos para a cidadanía.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión