Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de decembro de 2020

O PRESCO achégase ao seu remate con máis de 10 millóns de euros investidos para facer fronte ás consecuencias da pandemia

O Concello emitiu ordes de pago de axudas directas a 1.499 persoas autónomas e pequenas empresas

O Plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO) posto en marcha en xullo para axudar a atallar os efectos da Covid-19, encara a súa recta final cunha execución que, a 16 de decembro, acada o 76.24% dos 13.122.416 euros orzamentados.

Aínda que a data oficial de peche do plan é o 31 de decembro, de xeito excepcional o Goberno municipal decidiu prorrogar o peche do exercicio a finais de xaneiro para evitar que ninguén quede fóra e se poidan presentar facturas e trámites ata entón.

"Levamos executados 10.005.233 euros do noso plan de reactivación. Ningún outro concello e ningunha outra Administración ten investido tanto no rescate do seu tecido social e produtivo", indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

Só en axudas directas as ordes de pago emitidas a 16 de decembro suman 1.499 (para outros tantos autónomos e micropemes) por un valor de 3.984.564 euros. As transferencias xa confirmadas chegan aos 1,2 millóns de euros. O 63,7% das solicitudes presentadas tiñan información incompleta ou errónea polo que foi preciso requirir a emenda dos ditos erros.

Nos distintos plans de bonos para incentivar o consumo, son 963 os establecementos adheridos e suman 46.364 os particulares que descargaron bonos. Ata o momento trocáronse bonos por valor de 687.950 euros. Hoxe mesmo entrou en vigor a segunda ampliación de contías máximas por negocio, tanto no pequeno comercio como en cultura, que chega a 10.000 e 15.000 euros por establecemento, respectivamente.

O PRESCO executouse integramente en ámbitos como o da promoción cultural, con 134 actuacións (280 artistas e técnicos contratados) xa realizadas. Ademais, están en proceso de pago as 38 bolsas de creación artística para artistas empadroados na Coruña, bolsas que suman 180.000 euros.

Para atender as necesidades sociais xeradas pola pandemia, explicou Lage Tuñas, o Concello investiu desde marzo 1,8 millóns de euros máis dos inicialmente orzamentados. Só para dar solucións habitacionais (tanto no dispositivo de Riazor durante o confinamento como mediante o alugueiro de hostais) ás persoas sen fogar destináronse máis de 500.000 euros.

Ademais programas como o de canguraxe permitiron a prestación de 3.671 horas de atención e facilitaron a conciliación a case 400 familias.

No ámbito da formación para o emprego, o Concello puxo en marcha 50 accións formativas de distintos tipos con cursos, que rematan este mes, nos que participaron 3.601 persoas.

"O PRESCO aprobouse por unanimidade e púxose en marcha nun tempo récord. Foi un programa pioneiro en España e está a demostrar que é unha ferramenta excepcional para contribuír á recuperación económica e social da cidade", indicou Lage Tuñas, quen recordou que o plan "non traía instrucións de uso nin se probara antes nada semellante". O concelleiro e portavoz do Goberno municipal explicou que houbo liñas de axudas que funcionaron mellor que outras, "nalgunha, coma a dos bonos, mesmo tivemos que ampliar en dúas ocasións os límites polo bo funcionamento da medida", aclarou.

Segundo Lage Tuñas, a experiencia do primeiro PRESCO servirá como base para un segundo plan, que estará operativo no vindeiro ano. "O PRESCO permitiunos axudar a miles de autónomos e pequenas empresas, tamén nos permitiu coñecer que medidas son máis efectivas e que procedementos son máis áxiles, un coñecemento esencial para que o novo plan sexa aínda máis efectivo", indicou o concelleiro, que hoxe compareceu na Comisión de Economía e Facenda para dar conta da execución do PRESCO e para poñer en marcha o deseño do próximo plan.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión