Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de febreiro de 2021

O Concello e a Fundación María José Jove poñen en marcha Aliad@s, un programa para a mocidade en situación vulnerable

A iniciativa, coordinada pola Asociación Participa, busca reintegrar na sociedade a mozas e mozos cuxa situación persoal, escolar ou social os levou a se desvincularen da formación regrada e da actividade sociolaboral

O Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa e da Fundación María José Jove, poñen en marcha Aliad@s, un novo programa dirixido á mocidade en risco de exclusión social. A iniciativa, coordinada pola Asociación Participa, ten como destinatarias as mozas e os mozos de entre 16 e 20 anos cuxa situación persoal, familiar, escolar ou social as/os levou a se desvincularen da formación regrada e da actividade sociolaboral.

A alcaldesa, Inés Rey, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e a presidenta da Asociación Participa, María Lemos, asinaron esta mañá o convenio deste programa, que terá unha duración dun ano e cuxas/os participantes serán seleccionadas/os polos Servizos Sociais da Coruña. No acto estiveron presentes tamén Yoya Neira, concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, e Manuel Aguilar, director da Fundación Emalcsa.

As destinatarias do programa son mozas e mozos desmotivadas/os, cun nivel alto de desestruturación na organización cotiá (horarios, obrigacións, tarefas, responsabilidades...), escasa actividade social e sen formación que facilite a inserción laboral, feito se cabe aínda máis difícil nas actuais circunstancias da COVID-19.

Inés Rey explicou que "este é un novo paso no compromiso firme do Concello pola mocidade e a súa inserción sociolaboral, neste caso, dentro daqueles que se atopan en risco de exclusión social, agravada en moitos casos pola pandemia". Mozas e mozos, dixo, que teñen moito que lle achegaren á sociedade e para as e os cales crearemos itinerarios personalizados con fin de que se poidan introducir no mercado laboral e darlles unha oportunidade que lles permita saír desa liña vermella que marca a diferenza de ter unha vida estable ou estar en exclusión".

A alcaldesa agradeceulle á Fundación María José Jove a súa implicación e colaboración permanente co Concello en esta e en outras iniciativas e tamén destacou o traballo da Fundación Emalcsa e da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira.

Para Felipa Jove "unha sociedade do século XXI non pode deixar na marxe a ninguén, menos aínda ás que serán as persoas adultas do mañá. Temos a obriga moral de promovermos a igualdade de oportunidades e ofrecerlle a esta mocidade unha contorna de apoio emocional, seguridade e confianza. E nunha situación tan difícil para moitas familias pola actual pandemia, é máis necesario que nunca". Felipa Jove, quen agradeceulle á alcaldesa a súa presenza, apuntou que o proxecto encaixa moi ben cos obxectivos da Fundación que traballa desde hai anos no ámbito da inclusión social.

Pola súa banda, María Lemos sinalou que "o deseño das actividades, a metodoloxía e o propio desenvolvemento serán realizadas por educadoras/es sociais, técnicas/os de integración social e unha psicóloga ou psicólogo. Todo o persoal traballará para motivar e mobilizar as persoas participantes cun programa que destacará por un método de traballo individualizado con fin de que non sexan dependentes toda a súa vida".

E é que Aliad@s combina sesións semanais de pequenos grupos de 3/4 persoas con intereses comúns, con actuacións e un seguimento individualizado. É dicir, pártese da análise individualizada de cada caso a través de entrevistas que permitan deseñar un itinerario para cada unha das persoas participantes. Traballarase en ciclos de 3 meses e, ao concluír un, comezarase con outras mozas e mozos. En cada ciclo, haberá entre 10/12 persoas.

O programa, explican, busca fomentar a igualdade de oportunidades para romper cunha situación de risco de exclusión social; lograr a súa inclusión nun grupo social saudable; incrementar a súa participación en actividades deportivas, culturais, solidarias; involucralas/os en actividades de formación a partir do deseño dun itinerario individualizado e capacitalas/os para o traballo a través de cursos de formación en competencias básicas con saída laboral: manipulación de alimentos, monitor/a deportivo/a, informática básica, coidadores/as, elaboración de CV, preparación de entrevistas laborais, completar estudos básicos e retomar formación regrada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión