Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de novembro de 2017

A concelleira de Igualdade presenta a campaña ‘En negro contra as violencias’ e convida a entidades, establecementos e veciñanza a "apropiarse dela para sensibilizar sobre a realidade das violencias machistas"

Rocío Fraga destaca o éxito desta iniciativa e empraza á cidade a implicarse, especialmente entre os días 23 e 26 deste mes, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Eliminación das Violencias Machistas, ao tempo que chama a un pacto entre concellos para "ir máis alá do labor deste tipo de accións"

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou este xoves a nova edición da campaña 'En negro contra as violencias', que busca fomentar a sensibilización cidadá fronte ás violencias machistas no ámbito municipal, e implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural da cidade, así como a toda a cidadanía. "Cremos que as políticas públicas teñen que estar destinadas a ter moitos recursos e persoal para acompañar ás mulleres e persoas vítimas de violencia de xénero, pero as campañas son tamén moi importantes, porque axudan a sensibilizar, a co-responsabilizar e a facernos conscientes dunha realidade na que vivimos", destacou a responsable municipal, quen sinalou que a campaña está pensada, ademais, "para que a xente poida apropiarse dela, e usar os materiais que poñemos a disposición de todo o mundo". Tamén salientou o alcance desta iniciativa, que comezou en Santiago hai dous anos, e á que A Coruña se sumou en 2016, na súa segunda edición. Hoxe son 72 concellos de toda Galicia, ademais das Deputación de A Coruña, Lugo e Pontevedra, os que participan, e tamén están formalmente adheridos máis de 3.000 establecementos e entidades de todo tipo.

Como recordou, os pasados 6 e 7 deste mes, unha delegación formada por medio cento de persoas viaxaron a Bruxelas a presentar a campaña no Parlamento Europeo, e onte, 60 representantes dos 75 concellos de todas as cores políticas, incluído o da Coruña, e as tres deputacións adheridas citáronse no Pazo de Raxoi para a sinatura do protocolo para desenvolver estas accións. A este respecto, a concelleira salientou a importancia de que as administracións locais "nos impliquemos e teñamos, como entidades que estamos mais próximas á cidadanía, esa responsabilidade de facer o traballo de loita contra as violencias machistas". "Esta suma de entidades locais fainos poder empezar a traballar nun pacto desde o municipalismo e os concellos, para ir máis alá. A campaña ten unha función relevante, pero a nosa intención é continuar cun pacto, na liña do que estamos a desenvolver, a nivel local, na Coruña, que vén de rematar a primeira fase que iniciará a principios do ano que vén a súa segunda fase, para a co-responsabilidade de todos e de todas por unha cidade libre de violencias machistas", avanzou.

En relación á campaña, Fraga explicou que a intención deste ano é consolidar a experiencia e ampliar o compromiso da cidade na loita contra as violencias machistas, para o que se está a poñer todo o material que xa están sendo solicitados por comercios, empresas e negocios, e que se comezará a entregar nos vindeiros días. "Queremos que máxima intensidade da campaña se produza entre os días 23 e 26 de novembro", sinalou a edil, quen emprazou á cidade a "vestirse de negro e amosar os lemas da campaña eses días", tendo en conta quen o 25 celébrase o Día Internacional da Eliminación das Violencias Machistas, e a sumarse tamén nas redes sociais, cos cancelos #ContraAsViolenciasMachistas e #CoruñaEnNegro, e a enviar fotos da campaña a senviolenciasmachistas@coruna.es, ou etiquetar as redes da concellería (@IgualdadeCoruna). Para a difusión de todas estas accións, o Concello editará e repartirá entre os espazos, entidades e locais participantes máis de 17.500 metros de cinta de balizar coa imaxe da campaña, 2.500 distintivos adhesivos de #EspazoLibreDeViolenciasMachistas; máis de 10.000 chapas; 10.000 posavasos e 5.000 manteis para a hostalaría, ademais de camisetas, unhas 2.700, e cartaces en diversos formatos con mensaxes como 'Si é si, non é non', 'Sempre libre e viva' ou 'Espazo libre de violencias machistas'.  

Como recordou a responsable municipal, todos os materiais xenéricos da campaña poden atoparse na web http://ennegrocontraasviolencias.gal/, e os elaborados especificamente para A Coruña poderán ser descargados na páxina web da Concellería de Igualdade e Diversidade, a disposición de calquera persoa ou entidade que queira empregalos, "para que todo o mundo poida apropiarse deles, os comercios nos escaparates e a veciñanza nas ventás, e a campaña desborde". Do mesmo xeito, as persoas que queiran participar poderán solicitar o material a través do correo electrónico habilitado polo Concello. Ademais, e como incidiu a responsable de Igualdade e Diversidade, este ano a distribución tratará de chegar a diferentes puntos da cidade, coa colaboración das asociacións de comerciantes dos barrios dos Mallos, Elviña, Cidade Vella e Monte Alto, con máis de 150 establecementos comerciais xa adheridos, e buscando a complicidade da hostalería local.  

Do mesmo xeito, a concelleira destacou a implicación das empresas patrocinadoras este ano,  representadas esta mañá na rolda de prensa, como son Gadisa -que colabora con camisetas e volandeiras-, Tranvías da Coruña -coa colocación de cartaces en todos os buses da cidade, así como coa rotulación das traseiras de tres autobuses que dende hoxe xa están circulando pola cidade, nas liñas 3, 6 e 23-; CocaCola -con dúas vallas colocadas en Alfonso Molina e coa produción propia de 500 mandís que repartiran entre a hostalaría da cidade- e Vegalsa -a través da distribución de materiais en 27 tendas da cidade, Familia, Eroski Center e CashRecord, e da colaboración económica para edición de materiais- e igualmente agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña coa produción de materiais. Xunto con eles, Rocío Fraga destacou a participación do Deportivo da Coruña, das entidades e escolas deportivas da cidade, das asociacións veciñais -ata 25 a nivel local-, e así mesmo a visibilización da campaña en 14 centros de saúde, nas instalacións deportivas municipais, nos mercados, na Rede de Bibliotecas Municipais, nos centros cívicos, ademais de espazos fundamentais de atención e información como o centro Ágora, o Fórum, ou o CMIX, e os espazos de atención propios da Concellería de Igualdade e Diversidade, como son o CIM, o COF, a UAMI e o Espazo das Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero. Outros emprazamentos significativos, como a Torre de Hércules, o Castelo de San Antón, a Fundación Luis Seoane, a Casares Quiroga ou a Emilia Pardo Bazán, o Coliseum ou o Palacio da Ópera, así como as sedes de  EMALCSA, EMVSA, IMCE, do Consorcio de Turismo e do Consorcio de Promoción da Música, tamén amosarán o apoio á campaña contra as violencias machistas. A concelleira destacou especialmente a implicación da Policía local, Bombeiros e Protección Civil, que xa colaboraron na anterior edición e que nesta seguirán incrementando o seu apoio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión