Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de marzo de 2017

A Coruña reúne a representantes de nove concellos do Estado para "poñer en común as súas políticas a prol da igualdade e a loita contra as violencias machistas"

O alcalde e a concelleira de Igualdade inauguraron as xornadas 'Municipios cara a Igualdade: Políticas Transformativas para a Igualdade de Xénero'. "Dende a nosa chegada ao Goberno local nos marcamos un obxectivo, o máis complicado e o máis fundamental para garantir o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta: facer desta unha Cidade Libre de Violencias Machistas", dixo Ferreiro

A Coruña acolle entre hoxe e mañá as xornadas Municipios cara a Igualdade: Políticas Transformativas para a Igualdade de Xénero que reúne a representantes municipais de nove concellos de todo o Estado (Barcelona, Madrid, Valencia, Iruña, Vitoria-Gasteiz, Compostela, Fuenlabrada e Castelló, ademais da Coruña) que debaten e analizan as políticas postas en marcha para erradicar as violencias machistas e a prol da igualdade. O acto inaugural tivo lugar esta mañá na Domus, e estivo dirixido polo alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. No mesmo, o rexedor quixo evidenciar que o evento vén marcado "polo compromiso do actual Goberno local coa loita contra as violencias machistas". "Seguramente calquera actuación nesta materia, por fonda que sexa, sempre é insuficiente debido á magnitude do problema, pero iso non pode impedirnos que traballemos duro. Hoxe é día de poñer en común tanto as políticas que facemos dende o Concello da Coruña como o intercambio de experiencias con outros municipios do Estado español", comentou.

No seu discurso inaugural, Ferreiro destacou que a cidade da Coruña "é a que é grazas ao impulso das mulleres: as do muro, as cigarreiras, as sindicalistas, Marcela e Elisa, as que construíron a nosa Universidade". "Con esa certeza, cando o Goberno que presido chegou ao Pazo de María Pita tiñamos claro que as políticas de Igualdade debían inundar a nosa acción de Goberno, e estar presentes en todas as áreas", dixo. "E nos marcamos un obxectivo, o máis complicado e o máis fundamental para garantir o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta: facer desta unha Cidade Libre de Violencias Machistas", destacou.

O alcalde destacou os programas de concienciación contra as violencias machistas que desenvolve o Concello, a través do departamento de Igualdade, en diversos ámbitos, entre eles o escolar, e puxo de relevo novas ferramentas que se impulsarán este ano cos orzamentos como é o caso de programas de axuda e atención psicolóxica para as e os menores que viven no medio dunha situación de violencias machistas. Igualmente, a administración local entende que o fomento da contratación feminina, como colectivo con maiores dificultades de inserción no mercado laboral, abordarase de forma especial a través do programa Coruña Emprega. "Neste ámbito, ademais, introducimos cláusulas sociais nos contratos municipais para que as nosas empresas provedoras teñan en conta a perspectiva de xénero e a igualdade", explicou. "Estamos a poñer en marcha proxectos pioneiros, como realizar, de forma participada coa cidadanía un Pacto Social por unha cidade Libre de Violencias Machistas", salientou Ferreiro, quen tamén fixo notar "o gran traballo de campo que se leva a cabo a través do Observatorio Municipal para a Igualdade".

O alcalde, que quixo agradecer á veciñanza da cidade "o seu compromiso contra as violencias machistas", destacou a simbólica decisión de escoller o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, como festivo local este ano na cidade. Ao fío, insistiu na necesidade "de alzar a voz para solicitar ao Estado central que teña en conta, dunha vez, que a loita contra as violencias machistas debe ser tratada como unha cuestión de Estado e como tal, debe recibir os fondos adecuados, e non ir recortándoos".

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, destacou "a importancia de poñer en marcha pactos polas políticas feministas". "Cando falamos da igualdade, da loita contra as violencias machistas temos que estar sempre por enriba das siglas, é momento de estabelecer pactos coa propia cidadanía, como facemos co Pacto Social por unha cidade Libre de Violencias Machistas", destacou a edil, quen tamén recordou a convocatoria do Premio Elvira Bao Maceiras, concurso "que nace coa vocación de rescatar a historia oculta de traballo e saberes de moitas mulleres, facendo emerxer e poñendo en valor as súas contribucións". A convocatoria para a presentación de traballos tanto de investigación como de índole artística ten un prazo de presentación dos traballos que acaba o 8 de novembro. O encontro municipalista, aberto ao público previa inscrición, continuará a xornada de mañá sábado, e rematará cun roteiro feminista por diversas zonas da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión