Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de abril de 2017

A Unidade de Atención a Persoas Migrantes pon en marcha o seu programa para facilitar a inserción socio-laboral con 13 cursos formativos diferentes

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, destaca o bo funcionamento deste servizo municipal, que o ano pasado contou con 329 persoas participantes en cursos formativos

A Unidade de Atención a Persoas Migrantes (UAMI), servizo municipal destinado a fomentar a integración en todos os ámbitos de homes e mulleres de nacionalidade estranxeira co obxectivo de que "acaden autonomía e se sintan realmente parte da cidadanía da Coruña" vén de poñer en marcha a súa programación anual de inserción social laboral. "O que se pretende é ofrecer un servizo específico para promover a potenciar a inclusión social e laboral das persoas migrantes, de cara a aumentar as súas posibilidades de empregabilidade e sensibilizar ás empresas para a contratación desta parte da veciñanza", destacou a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen ten as competencias sobre o servizo da UAMI. Desta forma, entre cursos formativos da propia UAMI, e outros desenvolvidos en colaboración con outros servizos municipais, persoas inmigrantes, emigrantes retornados e retornadas e refuxiadas ou asiladas poderán optar a un total de 13 cursos distintos ao longo do ano 2017.

"É necesario que favorezamos ao acceso ao mercado laboral dos colectivos que máis dificultades teñen para facelo, como é o caso das persoas migrantes, con especial incidencia ademais se se trata de mulleres, que sofren unha dobre discriminación no que atinxe á empregabilidade", destacou a responsable municipal, que salientou que a intención da UAMI é "facilitar a consecución de autonomía por parte dos e das usuarias". "As institucións públicas deben dar ferramentas para reforzar e facilitar a incorporación ao mercado laboral destas persoas. Os cursos deben servir para mellorar a empregabilidade dos e das participantes, así como asesoralas sobre diferentes aspectos que inflúen no acceso a un posto de traballo", comentou Fraga, que quixo destacar que as actividades formativas tamén se basean "nunha formación integral que inclúe habilidades sociais e laborais".

Así, ao longo deste ano desenvolveranse as seguintes actividades formativas para os e as usuarias da UAMI: cursos de alfabetización dixital, uso de redes sociais para a procura de emprego, manipulación de alimentos, orientación na busca de emprego, normativa de servizos do fogar familiar, habilidades sociais para as relacións laborais e persoais. Ademais, tamén se ofrecerán cursos de formación específica: operarios e operarias de carretilla elevadora, axudante de cociña, operacións auxiliares no punto de venda e CAP inicial. Por outro lado, a UAMI tamén impulsará outras actividades formativas xunto con outros servizos municipais, como é o caso de sesións informativas sobre tema relacionados coa formación no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), ademais doutras sesións baseadas co consumo e os dereitos das persoas consumidoras na Oficina Municipal de Consumo (OMIC) e cursos de adquisición de coñecementos en lingua e cultura galega para persoas estranxeiras levados a cabo en colaboración co servizo municipal de Normalización Lingüística (axuntamos información sobre os cursos).

Ademais de na web municipal e no teléfono 981 189 867 as persoas que o desexen poderán obter máis información no Club de Emprego da UAMI no Centro Cívico da Sagrada Familia.

A concelleira de Igualdade fixo fincapé na "aposta" que este Goberno local fai en canto a fondos e actividades con respecto á UAMI. Segundo os datos elaborados polo seu departamento, en colaboración co Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade durante o pasado ano un total de 329 persoas (176 homes e 153 mulleres) participaron nos cursos formativos da UAMI.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión