Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

22 de abril de 2019

A Xunta de goberno adxudica o novo contrato da Escola Intercultural, que case triplica o investimento actual e actúa no ámbito escolar, familiar e comunitario da veciñanza migrante

A reunión do executivo municipal tamén ratificou a actualización do canon de tratamento da planta de Nostián, unha obriga recollida nos pregos administrativos da concesión que non modifica o contrato vixente

A Xunta de goberno local (XGL) desta mañá deu o visto e prace á adxudicación do novo contrato para o desenvolvemento do servizo da Escola Intercultural, unha ferramenta dependente da Unidade de Asesoramento ás Migracións (UAMI) que ten como obxectivo desenvolver actividades de dinamización socioeducativa, así como fomentar a adquisición de competencias sociais, culturais e lingüísticas entre a poboación migrante da Coruña. Rematada a reunión do executivo municipal, o alcalde, Xulio Ferreiro, salientou ante os medios o incremento de investimento neste recurso, xa que o contrato (cunha duración de catro exercicios prorrogable a un quinto) pasa de 35.000 euros anuais a máis de 93.000 euros. "Este aumento de recursos posibilitará que as actuacións coa comunidade migrante se desenvolvan en tres ámbitos: o escolar, o familiar e o comunitario", indicou o rexedor, que destacou que o novo contrato derivará nun incremento do número de horas de atención docente. Así, co novo contrato as horas lectivas que se ofrecen a menores da comunidade migrante pasarán das 1.600 actuais a preto de 3.000. O novo prego tamén inclúe como obrigatorio a realizaron de 30 talleres naqueles colexios e institutos onde estudan os e as menores que acoden á Escola Intercultural. Estes talleres, de 90 minutos de duración e que inclúen traballo específico co profesorado, buscan tanto empoderar ao alumnado migrante como intercambiar experiencias culturais e favorecer e ampliar o coñecemento sobre as diferentes culturas e tradicións. Ademais, e tal e como no seu momento adiantou a Concellería de Igualdade e Diversidade, dirixida por Rocío Fraga, tamén se levará a cabo o novo servizo dos Venres Alternativos, para ofrecer actividades nestas xornadas, así como unha Escola de Verán, de forma que o traballo cos e coas menores teña carácter intensivo e non se abandone durante as etapas non lectivas.

En canto a outros servizos municipais relacionados coa mocidade, a XGL tamén deu o visto e prace á prorroga do actual servizo de xestión do Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) até a formalización do novo contrato, que incrementa recursos e persoal e que aposta por unha mellora tanto na atención como na información ás usuarias, ampliando os puntos de atención e favorecendo un traballo en rede, máis descentralizado. Está prórroga ten unha vixencia máxima até o 2 de xuño de 2020 e un prezo estimado de 257.000 euros. Ferreiro explicou que, na realidade, este contrato "durará o tempo necesario", mentres que se tramita e se adxudica o novo contrato, cuxos pregos están xa no estadio previo ao proceso de licitación.

Noutra orde de asuntos, a reunión do goberno local tamén ratificou a revisión do prezo do canon de tratamento na planta de residuos de Nostián. O primeiro edil especificou que "non se trata dunha opción para o Concello, senón que é unha obriga recollida nos pregos administrativos da concesión". "Non se trata dunha modificación nin ampliación do contrato, como apareceu estes días nalgún medio, senón que é unha obriga contractual conforme, ademais, a sentenza xudicial que desestimaba a pretensión da concesionaria de empregar na revisión de prezos outra metodoloxía moito máis gravosa para os intereses municipais. O que fixemos esta xornada foi aprobar o canon que estará vixente en 2019, non aprobar ningún tipo de atrasos", comentou o rexedor. "O cálculo inicial do incremento de custos é de case 300.000 euros, aínda que depende das toneladas de lixo que entren na planta. Como dicía, estamos a falar dunha obriga que tamén realizaron os diferentes gobernos municipais anualmente dende o inicio da concesión até 2013, ano no que a empresa interpuxo unha demanda xudicial que, por como anteriormente dixen, Albada perdeu", recordou. A actualización do prezo do canon é obrigatoria e necesaria en moitos contratos municipais, sobre todo aqueles de longa duración, como a recollida de animais abandonados, a limpeza viaria ou o tratamento do lixo.

Licenzas urbanísticas

Noutra orde de asuntos, a Xunta de goberno local tomou coñecemento esta mañá das licenzas tramitadas pola área de Rexeneración Urbana menores a 1,2 millóns de euros durante o período comprendido entre o 2 e o 12 de abril. Neste tempo tramitáronse 195 títulos habilitantes, entre os que se computan 22 licenzas urbanísticas, 91 expedientes de obras en réxime de comunicado, 45 comunicacións previas ao inicio de actividades e 28 declaracións responsables. No ámbito urbanístico, hai tamén que destacar que a reunión do executivo aprobou o inicio do procedemento necesario para abrir un novo camiño nos Rosales que servirá para rodear a igrexa do barrio. "Damos así resposta a unha vella reivindicación da veciñanza", sinalou Ferreiro, quen indicou que este proceso se inicia ao non frutificar as negociacións do Concello co Arcebispado de Compostela, para establecer un convenio para a cesión de parte dos terreos nas inmediacións da igrexa e poder acondicionar este camiño, usado pola veciñanza dos Rosales e dos centros educativos da contorna. "Así, o que facemos é acometer unha modificación puntual no PXOM que posibilite a apertura dun viario público entre as rúas Simón Bolívar e Alfonso Rodríguez Castelao", indicou.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión