Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de setembro de 2017

O Concello asina un convenio co IGADI co obxectivo de impulsar o coñecemento da cooperación internacional entre a veciñanza

A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, lembra que o proxecto 'Cooperación Expandida' iniciará mañá unha Aula Local de Cooperación, e nas próximas semanas levará a cabo un ciclo de conferencias "aberto a toda a cidadanía"

A edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Frada, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González Palau, asinaron esta mañá no Pazo de María Pita un convenio de colaboración coa finalidade de contribuír á realización do proxecto Cooperación expandida: a nosa cidade no s.XXI, a nosa cidade cos Dereitos Humanos, unha proposta formativa, comunicativa e práctica que ten, como finalidade, introducir á veciñanza nas dinámicas e coñecementos do sector tradicional da cooperación, e dotala de ferramentas para interpretar e operar, desde o local, no sistema de cooperación internacional. A sinatura supón unha achega de 50.000 euros do Concello para o financiamento dunha actividade neste 2017 que, segundo explica a responsable municipal, "impulsará na Coruña procesos comunitarios de reflexión e toma de conciencia entre a cidadanía sobre o seu papel activo no mundo na procura dunha xustiza social universal". "A igualdade e a xustiza social son dous piares fundamentais da acción de goberno deste Concello, polo que desexamos que, a través desta proposta, se poña en valor o capital social do municipio e se promova a participación e protagonismo cidadá dentro do sistema da cooperación internacional", explicou Fraga.

"Sabemos que A Coruña é unha cidade acolledora, como así demostrou coa vaga de solidariedade que se deu, desde o primeiro momento, na crise das persoas que procuraban refuxio. Agora o que queremos é capacitar á cidadanía na área da cooperación, en especial ao público tradicionalmente non participativo neste eido", expuxo a concelleira. Tal e como sinalou, "esta experiencia colectiva e innovadora da Cooperación Expandida empoderará á cidadanía, en canto á comprensión de procesos globais, interconexións e causas primeiras da pobreza ou da ausencia de dereitos humanos nos conflitos a través dunha ampla oferta de conferencias, encontros e un programa formativo que botará a andar mañá mesmo".

Tras a celebración de Encontros Expandidos por diversos centros cívicos municipais, mañá, xoves 21, iniciará a súa actividade a Aula Local de Cooperación, unha proposta na que participarán máis de 40 persoas. Organizada polo IGADI en colaboración co Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) da Universidade da Coruña, realizará sesións formativas --20 horas prácticas e 20 horas teóricas--  até o próximo 21 de decembro na NORMAL. Xa no mes de outubro, o día 10, iniciaranse as Xornadas das Interdependencias, un ciclo específico sobre as relacións que se dan no mundo desde enfoques globais que atinxen á economía, enerxía, medio ambiente, seguridade ou desigualdade. Finalmente, no mes de decembro, entre os días 1 e 12 terán lugar eventos informativos sectoriais de cooperación internacional así como a presentación dos microproxectos realizados polas persoas participantes da Aula Local de Cooperación.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión