Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de abril de 2018

O Foro de Municipios no que participa A Coruña esixe de forma conxunta ao goberno central “o cumprimento do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero”

Entre os acordos acadados neste encontro, no que a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, estivo acompañada de representantes da FEMP e dos municipios de Madrid, Barcelona, Málaga, Sevilla, Valencia e Salobreña, entre outros, destaca a elaboración dun manifesto conxunto que será remitido ao executivo central

O Foro de Municipios polo Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, encontro celebrado en Madrid e organizado por este concello en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), contou coa representación do goberno local da Coruña na figura da concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. No marco das citadas xornadas, que remataron este sábado, os executivos municipais participantes acadaron unha serie de compromisos a desenvolver de maneira conxunta co obxectivo de dar efectividade ao Pacto de Estado para loitar contras as violencias machistas posto en marcha polo goberno central o ano pasado e que, segundo explicou Fraga, "non está a dar resposta ás necesidades das persoas e, nin tan sequera, a desenvolverse nos termos nos que se aprobou". Así, os e as representantes dos distintos gobernos municipais acordaron unha serie de medidas como son o reforzo da vinculación das políticas municipais sobre violencia e igualdade de xeito transversal, así como a asunción por parte dos concellos das competencias en materia de dereitos humanos establecidas no chamado Convenio de Estambul e outros marcos internacionais. Segundo explicou a edil coruñesa, "isto reforza as nosas teses para reclamar unha maior autonomía e financiamento para acometer as políticas contra as violencias machistas, que deben abordarse dende un enfoque interseccional que permita atender todas as necesidades concretas e as distintas formas de discriminacións que sofren as mulleres". Ademais, tamén se acordou a creación de mesas locais de coordinación en materia de loita contra as violencias machistas, algo que xa está recollido no propio Pacto de Estado aprobado polas Cortes o pasado ano.

"Por todo isto, imos esixir a creación inmediata dunha comisión parlamentaria para o seguimento do Pacto, outra figura xa contemplada, así como reivindicar o rol protagonista que deben ter os municipios", dixo a responsable municipal, que recordou que "é necesaria unha reforma urxente da lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local". "Ademais, pretendemos acadar un acordo de estándares mínimos de servizos de resposta ás violencias, que implican que unha muller, viva onde viva, teña garantidos os seus dereitos tanto en dispoñibilidade de recursos como en calidade e accesibilidade".

As cidades integrantes no Foro concluíron que "para que este marco sexa estable e de calidade, o goberno central ten que impulsar proxectos de lei que garantan que o personal municipal que atende e traballa con estes recursos non estea supeditado á precariedade nin aos recortes".

Próximas accións

O plenario final do Foro acordou, como próximas actuacións, a elaboración dun manifesto que inclúa todas as reivindicacións, propostas e compromisos acadados que se debaterá nos distintos plenos municipais e que derivará na creación de grupos de traballo. Do mesmo xeito tamén se acordou a posta en marcha dun Foro de Empoderamento, outro de Boas Prácticas e unha mobilización conxunta cos movementos feministas co obxectivo de reclamar o financiamento necesario.

O Foro de Municipios polo Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero, contou, ademais de coa representación dos concellos da Coruña e Madrid, coa presenza de representantes de 40 municipios de todo do Estado, como é o caso de Barcelona, Málaga, Sevilla, Valencia e Salobreña. Ao mesmo acudiron preto de 200 persoas.

"O Pacto de Estado pretendía ser unha vía para que os concellos tiveran acceso a financiamento estatal directo para a loita contra as violencias machistas, tendo en conta que os municipios somos a administración máis próxima á cidadanía. Non obstante, para levar a cabo isto era necesario tanto un aumento de recursos, como un incremento das competencias de concellos e comunidades, algo que non está a ocorrer", reflexionou Fraga. A este respecto, durante o Foro recordouse que o proxecto orzamentario do Estado, presentado o pasado día 3, só recolle 80 millóns de euros, en vez dos 200 comprometidos no Pacto, facendo depender o resto do financiamento autonómico e local.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión