Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xuño de 2017

O Goberno local pon en marcha un Plan de Igualdade para o persoal municipal que “buscar converter a corporación nun modelo de equidade e xustiza de xénero”

A Xunta de Goberno local aprobará mañá, venres, este proxecto elaborado pola Concellería de Igualdade, en colaboración con Facenda. No proceso de elaboración do mesmo participou tanto persoal municipal como representación sindical e sociedade civil

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres a un novo Plan de Igualdade para o persoal do Concello da Coruña que busca desenvolverse nos próximos dous anos e que pretende servir como unha ferramenta técnica e política "para iniciar o camiño da conversión desta corporación nunha entidade modelo de desenvolvemento da igualdade na xestión pública e na xestión do persoal". Así o manifesta a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, cuxo departamento municipal iniciou este plan (o terceiro impulsado dende a administración local coruñesa) en colaboración co de Facenda (que ten as competencias en materia de persoal). No proceso articuláronse sete grupos de traballo e comisións e celebráronse 22 reunións ao longo do período de elaboración do plan, comprendido entre xullo de 2016 e xuño deste ano. Buscando un maior impacto e responder ás necesidades dos e das propias traballadoras municipais, na elaboración do plan, e a través destes grupos, participaron tanto representantes sindicais como persoal municipal e sociedade civil. Para asegurar as garantías do citado plan o proceso de traballo foi desenvolvido coa axuda dunha entidade especializada na implantación deste tipo de políticas como é a Fundación Mujeres.

Segundo destaca a concelleira Fraga, este Plan de Igualdade ten unha serie de obxectivos, como son "incorporar a perspectiva de xénero na xestión dos recursos humanos do Concello; fomentar a igualdade de oportunidades e o equilibrio na participación de traballadoras e traballadores en todos os ámbitos de xestión; integrar o respecto pola igualdade de xénero na cultura e nos valores de funcionamento e incrementar o impacto positivo de xénero das políticas públicas e dos servizos municipais". A titular de Igualdade e Diversidade destaca que "este plan é un paso máis para poder converter a nosa corporación nun exemplo de políticas de igualdade". Así, recordou que nada máis chegar a María Pita o seu departamento impulsou unha instrución de transversalidade de xénero, "que ía nesa mesma liña, de garantir a igualdade de xénero dentro do ámbito municipal, así como nas empresas provedoras". "A posta en marcha deste Plan de Igualdade, que pretende poñer couto ás eivas detectadas nos proxectos anteriores, busca ademais dar resposta ás obrigas normativas para as administracións públicas e as empresas sinaladas na Lei orgánica 3/2007 para a Igualdade Efectiva entre Homes e Mulleres, así como a Lei 2/2015 do emprego público de Galicia", aludiu.

"Para realizar o presente Plan de Igualdade fíxose unha diagnose da xestión dos recursos humanos, no que analizamos datos tanto cualitativos como cuantitativos, ademais das valoracións e propostas do propio persoal a partir da realización de varias sesións de traballo. Tamén contamos cunha análise das políticas de igualdade e de prestación de servizos á cidadanía dende unha perspectiva de xénero a partir da realización de sesións de traballo con persoal municipal e coa sociedade civil, co fin de recoller as súas valoracións e propostas", dixo.

Eixes fundamentais

Desta forma elaborouse un Plan de Igualdade que se estrutura nunha serie de eixes baseadas na igualdade na xestión dos recursos humanos, na igualdade na xestión pública e no impacto de xénero das políticas públicas e servizos municipais. "Marcámonos 61 actuacións que teñen fundamentalmente como obxectivo incorporar a perspectiva de xénero en todo o proceso de selección de persoal e garantir o principio de igualdade no acceso e na clasificación profesional, así como garantir a igualdade de oportunidade nos procesos de promoción e fomentar unha presenza de mulleres nos postos de maior responsabilidade", salientou a concelleira. Outros dos obxectivos do plan son eliminar, se existen, discriminacións salariais directas ou indirectas por razón de xénero, garantir a participación en igualdade de oportunidades e a inclusión da perspectiva de xénero na formación continua, facilitar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, integrar a perspectiva de xénero na prevención de riscos e a saúde laboral garantindo un contorno libre de acoso e a protección das traballadoras que sufriron violencias machistas, fomentar un uso incluínte da linguaxe e as imaxes e incorporar a perspectiva de xénero en todos os procesos e procedementos de traballo. "Por outro lado, tamén contemplamos fomentar a interlocución e achegas en materia de igualdade do movemento asociativo co Concello, así como ampliar o acceso aos servizos de conciliación municipais", salientou Fraga, que tamén recordou a importancia de que a igualdade estea tamén presente á hora de valorar ás empresas provedoras. "Algo que xa se ten en conta mediante as cláusulas sociais incorporadas á contratación por este Goberno local pero que tamén se recolle aquí, como é incorporar cláusulas nas follas de contratación e licitación que valoren positivamente a aquelas empresas que respectan a normativa de igualdade na súa xestión", comentou.

Fraga destacou que este Plan de Igualdade só debe pasar polo trámite da aprobación da Xunta de Goberno local, órgano que ten a competencia tanto da Relación de Postos de Traballo como da Oferta de Emprego Público.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión