Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de decembro de 2017

O goberno local valora “de forma moi positiva” o proceso para regular a ordenación das terrazas de hostalería da zona Pepri, das que un 76% contan xa cun expediente favorable

Das 154 instalacións contabilizadas na zona, 117 presentan xa unha valoración positiva, mentres que 26 teñen neste momento o expediente en trámite e só 11 se enfrontan a un proceso sancionador

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, e a titular de Igualdade e Diversidade, e responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, ofreceron este mércores unha rolda de prensa na que valoraron "de xeito moi positivo" o proceso levado a cabo este ano polo Concello para a ordenación singular das terrazas de hostaleria da zona Pepri da cidade. "Decidimos abordar este necesario proceso para regular os espazos para a cidadanía e para a hostalería en 34 rúas do centro da cidade cunha moi alta concentración de locais e de usuarias", salientou o edil, que avanzou que, a día de hoxe, neste ámbito, e logo do traballo de delimitación do espazo levado a cabo polo Concello, das 154 instalacións contabilizadas, 117 presentan xa expedientes favorables para a colocación da súa terraza (76%), mentres que 26 (un 17%) o teñen en trámite. Tan só un 7%, o que se corresponde con 11 locais, conta neste momento cun expediente sancionador aberto, debido a que, "tras numerosos contactos e requerimentos, ou ben estes non tiveron resposta ou ben estos non deron pé a pechar de forma favorable o expediente administrativo". Este expediente sancionador pode derivar, finalmente, no levantamento da terraza e a sanción correspondente.

Tanto Díaz Grandío como Fraga recordaron que o goberno local "puxo todo o seu empeño en regular a situación das terrazas de hostalería desta zona de alta concentración". O proceso levado a cabo arrincou o pasado maio, logo da publicación do expediente de ordenación singular de terrazas da zona Pepri que comprende as rúas Alameda, Arévalo, Travesías das Hortas, Estrela, Mantelería, Olmos, Galera, Arco, Boquete de San Andrés, Álvaro Cebreiro, Travesía da Mariña, Agar, Luchana, Fama, Real, Rego de Auga, Torreiro, Travesía da Estreita de San Andrés, Travesía de Cordonería, Troncoso, Barreira, San Nicolás, Bailén, San Agustín, Florida, Franxa, Ángel, Oliva, Trompeta, Marqués de Cerralbo, Travesía de Porta de Aires, rúa Real e caleixón da Estacada.

Segundo a aplicación do ordenamento singular, nas rúas peonís cun ancho de vía superior aos 6 metros debe deixarse un itinerario peonil mínimo e libre de obstáculos de 3 metros, sendo a ocupación máxima do ancho de vía permitida de menos do 50%. Por outro lado, nas rúas cun ancho de entre 2,5 e 6 metros deixarase un itinerario peonil libre de obstáculos de 2,5 metros, de forma que se permita o paso de vehículos de emerxencia e outros autorizados. Nas rúas peonís cun ancho de entre 1,80 metros e 2,5 metros deixase un itinerario peonil libre de obstáculos de 1,80 metros, non sendo posible instalar terrazas nas rúas peonís con ancho inferior aos 1,80 metros. Este ordenamento incrementou tamén o abano de posibilidades para o emprazamento das terrazas de cara a facilitar que non só poidan ampliar o seu espazo á area colindante na que se atopan, senón tamén ás zonas enfrontadas, no caso de que conten coa autorización dos ou das propietarias.

Posteriormente, o 14 de xuño comezaron a colocarse os primeiros delimitadores de espazo no ámbito Pepri, "de forma que comezamos a delimitar dun xeito físico, visible para calquera veciño ou veciña, a obriga de que se respectase un ancho de rúa mínimo de 2,5 metros". "Esta medida foi traballada e consensuada tanto cos servizos de emerxencias do Concello, como con diversos colectivos, como é o caso dos e das conductoras de ambulancias, o Grupo de Accesibilidade Coruña (GAC) e a propia asociación de hostalería", apuntou Fraga. "Mentres que outros gobernos chegaron a gastar máis de 70.000 euros en externalizar a redacción de informes de terrazas dos locais de hostalería sen resolver o problema, nós conseguimos, grazas ó arduo traballo feito polo persoal funcionario municipal, sacar adiante este ordenamento singular", salientou Díaz Grandío.

A concelleira de Igualdade, coas competencias en Seguridade Cidadá, salientou tamén a implicación especial dos servizos de emerxencia municipais en todo este proceso de regulación, que xa dende o verán realizaron continuas comprobacións de cara a garantir o paso de vehículos de emerxencia. "Estamos a falar dunhas zonas que non só teñen unha gran concentración hostaleira, senón tamén de persoas e de inmobles de madeira, polo que é importante garantir a accesibilidade no caso de que se produza algunha incidencia", insistiu.

Fraga quixo destacar, ao fío, "a colaboración e boa vontade que está a amosar a hostelería". "Durante os períodos de seguemento e control que se realizaron solicitáronse requerimentos que se foron cumprindo. Neste momento, e grazas non só a acción dos corpos de seguridade do Concello, senón á disposición e colaboración do sector hostaleiro, podemos dicir que se están a cumprir as delimitacións de espazo marcadas este verán coa colocación das chinchetas", dixo. "O que si é importante e así o estamos a dicir estes días é a necesidade de que o sector recolla os seus toldos naqueles espazos de tempo nos que estean pechados ao público", incidiu.

O titular de Mobilidade Sostible, pola súa banda, remarcou que con este proceso o executivo municipal puxo as ferramentas precisas para garantir tres dereitos: "Traballamos polo dereito da cidadanía ao paso e o tránsito seguro sexan cales sexan as condicións físicas das persoas, traballamos polo dereito da veciñanza á atención de emerxencia e traballarmos tamén polo dereito que teñen as propias empresas de hostalería a ter unha seguridade xurídica sobre as súas instalacións".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión