Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de abril de 2017

O informe do Observatorio municipal da Igualdade e a Diversidade destaca que “son as mulleres as principais usuarias dos servizos públicos desta cidade”

A concelleira Rocío Fraga destaca datos tirados do informe como que 3 de cada 4 persoas usuarias da tarxeta Millennium de transporte público son mulleres. “Trátase dunha información moi valiosa para o Executivo local, dado que as políticas de fomento da igualdade están presentes en toda a acción de Goberno”, indica.

A Concellería de Igualdade e Diversidade, que dirixe Rocío Fraga, vén de analizar os datos tirados do informe do Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade, con colaboración co Observatorio Urbano e o Observatorio Socio Laboral, denominado A Coruña en Cifras. Mulleres e Homes na cidade. A edil destacou que o denominado informe "dá unha mostra clara de que A Coruña é unha cidade de mulleres, onde son precisamente as mulleres as que máis uso fan dos servizos públicos, destacando a súa participación en áreas como a mobilidade ou os deportes". A responsable municipal destacou a importancia de "estudos coma este que impulsamos", tendo en conta o compromiso do Concello con que "a igualdade inunde todas as áreas do Goberno local".

Fraga destacou datos tirados do informe, como que preto de 3 de 4 persoas viaxeiras nas liñas de bus urbano con tarxeta Millennium son mulleres. "Entre viaxeiras de carácter ordinario, e viaxeiras de tipoloxía especial no uso da Millennium, como escolares, universitarias ou pensionistas, o 65,7% das usuarias son mulleres, fronte a un 34,3% de homes", salientou Fraga, que destacou que a perspectiva de xénero está presente en todos os proxectos do Executivo local, "tamén e de forma especial en todo o replantexamento da mobilidade que estamos a abordar, e que definirá como queremos que sexa esta cidade no futuro". "O número de usuarias do transporte público medra, como se pode ver nos datos de usuarias da tarxeta Millennium de 2016 con respecto a 2015", comentou a concelleira, quen destacou un incremento das usuarias dun 4%, de 100.549 a 104.624.

Por outro lado, e  tamén relacionado co ámbito da mobilidade sostible, Fraga salienta o emprego por parte de mulleres do servizo de BiciCoruña. "A porcentaxe de mulleres usuarias é practicamente igual que a de homes, sendo unha proporción 47-52%", comentou.

"Os servizos públicos de carácter cultural e deportivo tamén son máis usados por mulleres que por homes dentro desta cidade", salientou a concelleira, que fixo fincapé no crecemento dun 6,8% das usuarias da bibliotecas municipais durante o ano pasado con respecto a 2015, quedando o número de socias en 49.415 (57,36%) fronte a 36.732 socios (42,64%). En canto ao uso das escolas deportivas municipais o número de usuarias tamén é moi destacable, sendo a proporción de usuarias de 2.346 mulleres (70,96%) fronte a 960 homes (29,04%). Neste apartado, Fraga destacou tamén programas postos en marcha pola súa área de Goberno xunto con Deportes como para fomentar a inclusión no ámbito deportivo.

As actividades de ocio postas en marcha pola Concellería de Participación nos centros municipais de Fórum Metropolitano e Ágora tamén teñen unha moi destacada proporción de usuarias mulleres. En concreto, e segundo os datos do Observatorio, as persoas participantes dos programas de ocio da primavera de 2016 do Fórum foron 1.000 mulleres (79,6%) fronte a 256 homes (20,4%), sendo as do Ágora 673 mulleres (78,8%) fronte a 181 homes (21,2%). No que atinxe á convocatoria de outono, no Fórum participaron 1.149 mulleres (79,6%) fronte a 295 homes (20,4%), mentres que no Ágora a proporción foi de 746 mulleres (76,70%) fronte a 226 homes (23,3%).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión