Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xuño de 2017

A concelleira de Medio Ambiente salienta o San Xoán “exemplar” deste ano, cunhas 150.000 persoas participantes distribuídas entre as praias e os barrios

A noite pechouse cun total de 88 incidencias, a maioría de carácter leve. Os servizos de limpeza trasladaron durante a mañá 126 toneladas de residuos e vidro das praias, que adiantaron os horarios de limpeza “grazas ao respecto e o coidado que amosou a veciñanza este ano”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, fixo este sábado á mañá un primeiro balance da noite de San Xoán, da que destacou que  "transcorreu de forma exemplar, e na que a cidadanía xogou un papel fundamental, pasándoo ben e respectando e coidando o que é de todas e de todos". Nese sentido, quixo dar os parabéns,  tanto á veciñanza e ás persoas que se achegaron onte á cidade como aos servizos municipais, "que levan meses cun traballo intenso que deu os seus froitos, porque o avance é moi notorio". Tal e como indicou a responsable municipal, este ano participaron na celebración do San Xoán coruñés arredor de 150.000 persoas, que se redistribuíron, de maneira que nas praias houbo unhas 100.000 persoas, mentres que os barrios congregaron a unhas 50.000, "o que entendemos como un éxito e un desenvolvemento positivo, porque moita xente se achegou aos barrios para gozar do San Xoán de sempre, e nas praias se mantivo unha situación tranquila e controlada, grazas tamén ao comportamento cívico da xente". Nese sentido, García salientou o descenso das incidencias da xornada e o carácter leve da práctica totalidade, cun rexistro de 88 fronte ás 131 do ano pasado, e que derivaron en 15 traslados ao Chuac; o resto das asistencias realizáronse nos hospitais de campaña habilitados no Paseo Marítimo. Tamén dou conta do rescate que tivo lugar en Riazor, á altura da rúa Pondal, pasadas ás 06.00 horas, dunha persoa que entrara na auga e que foi asistida polo equipo de emerxencias, sen consecuencias. Ademais, computáronse 27 intervencións por queimaduras, 15 por feridas leves, 12 limpezas oculares e 9 intoxicacións etílicas. A noite pechouse ademais sen detencións por parte da Policía Local.

En canto aos residuos recollidos, e con datos provisionais, ás 14.00 horas chegaran á planta de Nostián un total de 112,9 toneladas de residuos e 13.240 quilos de vidro. Como recordou a concelleira, o ano pasado, o operativo de San Xoán pechouse con máis de 180 toneladas de residuos trasladados á planta. "Máis lixo non significa máis éxito da celebración, e debemos seguir nesta liña, porque calquera plástico que queda na praia é unha encomenda a seguir traballando e iso imos facer", subliñou García, para incidir no bo comportamento da xente nos areais, que levou, por exemplo, a motivar a ampliación ao longo da noite das zonas acoutadas para o proxecto de Praias Vivas, no Matadoiro e parte de Riazor, impulsadas co obxectivo de residuo cero.  A concelleira tamén puxo de relevo a especial implicación dos e das asistentes ás praias de San Amaro e Oza, "as  que mellor quedan todos os anos, pola concienciación do público que asiste a elas". Como quixo destacar, esa implicación da cidadanía que acudiu aos areais coruñeses permitiu hoxe adiantar a limpeza, de xeito que ás 12.00 horas, as praias de Oza, San Amaro e As Lapas estaban xa acondicionadas, mentres que Riazor e o Orzán ultimaban ás 14.00 horas as tarefas de limpeza.

A responsable de Medio Ambiente tamén fixo mención durante a súa comparecencia á instalación artística elaborada esta mañá en Riazor pola asociación Basurama con residuos reais da noite e na que se podía ler a mensaxe 'Amar o mar', como unha chamada á reflexión e de sensibilización sobre a importante xeración de residuos desta celebración, unha acción que contou coa colaboración do Concello.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión