Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xullo de 2017

A Concellería de Igualdade amplía o servizo municipal de canguraxe cun aumento das horas de atención a domicilio

A concelleira Rocío Fraga salienta a inclusión de atención especializada para facilitar a conciliación de mulleres en situación de violencia de xénero, e pon de relevo o reforzo que se aplicará nos Espazos de Atención Infantil

A Concellería de Igualdade e Diversidade sacará a licitación en breves datas o contrato de atención a domicilio de servizo municipal de canguraxe, que suporá, entre outras melloras, un aumento de 1.300 horas anuais de atención a domicilio que se presta ás familias usuarias, tanto no propio fogar como no referente a traslados a menores desde os centros de ensino ou outros espazos de conciliación ata a casa. Como fai notar a responsable municipal desta área, Rocío Fraga, a concellería realizará, con esta finalidade, un importante incremento orzamentario, ao pasar dos 51.300 euros por ano para 2.700 horas ata as 4.000 horas de prestación anual, cun tipo de saída de 90.000 euros.

Tal e como indica a concelleira, o  servizo de canguraxe aglutina distintas medidas dirixidas a facilitar a conciliación laboral e persoal das persoas usuarias e impulsar a co-responsabilidade, a través de distintos programas. No caso da atención a domicilio, está dirixida a dar cobertura a necesidades puntuais, ou extraordinarias, motivadas por razón de tipo familiar ou laboral, funciona de forma supletoria, isto é, sempre que non poida ser atendida noutros recursos municipais dedicados á conciliación. Ademais, a nova convocatoria para esta modalidade do servizo incluirá atención especializada para atender as necesidades de conciliación das mulleres en situación de violencia de xénero (tanto da Rede de Acollida Municipal como do Centro de Información ás Mulleres) e outras mulleres en situación de vulnerabilidade, máis alá do horario de funcionamento ordinario do servizo, con operatividade, nestes casos, todo o ano e as 24 horas do día. "Deste xeito, configúrase unha ferramenta máis da necesaria atención integral esixida pola normativa para estas mulleres e as súas fillas e fillos menores, así como un instrumento ao servizo do seu necesario empoderamento, a fin de que poidan dispoñer do tempo preciso para realizar aquelas xestións administrativas e xudiciais, tarefas, cursos, entrevistas, accións, tratamentos ou orientacións, necesarias para levar unha vida autónoma plena a nivel persoal e laboral", resalta a responsable municipal. Entre as novidades, Fraga cita tamén o requisito dun vestiario superior e unha identificación externa dos e das profesionais que atenden aos nenos e nenas, de forma que sexa fácil o recoñecemento e visibilidade do servizo "para garantir en todo momento a cadea de custodia dos e das menores por parte de profesorado e monitorado". De igual xeito, destaca a inclusión, nos criterios de adxudicación, dun incremento salarial bruto da hora de traballo do persoal, a fin de poñer en valor o mercado laboral relativo aos coidados.

A nova convocatoria súmase á ampliación dos espazos de atención á infancia, que este ano pasan de cinco a seis ao incorporar un Espazo de Atención Infantil no centro cívico de Palavea aos cinco actuais, en Labañou, Castrillón, Sagrada Familia, así como as ludotecas de Monte Alto e Novo Mesoiro, e propiciar a ampliación e homoxeneización dos horarios de entrada. Neste caso, o novo contrato en licitación inclúe un incremento das horas de funcionamento (de 6.881 a 7.886 horas), e tamén de persoal, así como das garantías laborais das e dos profesionais, e engade, ademais, unha bolsa de horas de conciliación para actividades programadas desde o Concello, nos lugares onde estas teñan lugar.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión