Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de agosto de 2017

O goberno local demanda ao Ministerio de Xustiza que “amose un verdadeiro compromiso contra as violencias machistas” e evite a parálise do xulgado especializado nestes casos

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, destaca que “a situación que se está a vivir no xulgado coruñés de violencia sobre a muller é simplemente indignante”, e recorda que “a loita contra as violencias machistas debe ser unha cuestión de Estado, e como tal, ter medios e orzamentos precisos”

O Concello da Coruña solicita ao Ministerio de Xustiza que tome as medidas que sexan necesarias para evitar a paralización do xulgado coruñés de Violencia sobre a Muller, que deixará de ter titular durante un mes, até o 13 de setembro, ante a negativa da administración central de cubrir o seu posto durante as vacacións. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, cualificou hoxe esta situación de "esperpéntica e indignante" e indicou que "a loita contra as violencias machistas debe abordarse como unha cuestión de Estado, o que implica ter orzamentos e medios suficientes para combatela". "Estamos a falar da vida de moitas mulleres, estamos a falar de defensa, de coidados e de dignidade. Non pode ser posible que unha administración pública abandone á xente", explicou a responsable municipal, que quixo amosar a "solidariedade do goberno local co persoal dos xulgados, que deberá atender unha importante carga de traballo nun contexto xeral de falta de medios e recursos para unha correcta atencións ás mulleres e aos e ás súas fillas".

A concelleira recoñeceu tamén o labor desempeñado por diversos colectivos como o sindicato xudicial Alternativas na Xustiza e o Colexio de Avogados, "que deron a voz de alarma sobre esta situación". "O Concello da Coruña tamén dá un paso á fronte nesta reclamación. O que esperamos agora é a implicación do resto de administracións. Non podemos crer que nin Xunta, nin Secretaria de Igualdade nin Ministerio de Xustiza teñan prevista ningunha solución ante unha cuestión que non é puntual ou imprevista, xa que todos e todas sabemos que os xuíces, as xuízas e o persoal da administración de xustiza teñen, como os e as demais traballadoras, dereito a vacacións", comentou Fraga, quen insistiu na gravidade da situación. "Os propios colectivos do sector indican que é un caso insólito xa que é a primeira vez que non se busca persoal de substitución. Isto non vén máis que a deixar ás claras a falta de compromiso real por parte do goberno central na loita contra as violencias machistas", insistiu. "O argumento, neste caso, é a falla de orzamento, ao que se lle engade a negativa de adiantar fondos para levar a cabo esta substitución", dixo.

"Non nos podemos encher a boca con palabras contra as violencias machistas e logo non dotar esta loita dos recursos necesarios. Insistimos, como xa o fixemos moitas máis veces, incluso dende o propio Pleno, que é necesario artellar un auténtico pacto contra as violencias machistas, no que a dotación orzamentaria nunca sexa un impedimento", indicou a titular de Igualdade, que recordou que os colectivos feministas cifran en 120 os millóns necesarios para artellar un auténtico pacto que abarque a todos os sectores da sociedade. "Do mesmo xeito que a cidadanía está a corresponsabilizarse en diferentes procesos de transformación social, xa é hora de que as violencias machistas sexan abordadas como unha cuestión de Estado, co seu preciso recoñecemento nos orzamentos", sinalou.

"A negativa a substituír ao xuíz titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller súmase a unha situación de sobrecarga de traballo. A xuíza ou xuíz de garda estará obrigado a compatibilizar as súas tarefas coas propias do Xulgado de Violencia sobre a Muller, cos consecuentes prexuízos para as mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas", fixo notar a responsable municipal. "Esta situación xa obrigou a suspender oito xuízos civís, nos que se abordarían cuestións como medidas cautelares, modificacións de pensións ou procedementos de garda e custodia de menores, quedando así aprazados ata outubro. Non se pode tolerar", manifestou a concelleira Fraga, quen pediu a implicación do resto de administracións para facer máis visibles estas demandas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión