Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de decembro de 2017

O servizo de Bombeiros adquire un novo equipo con brazo estensible que mellorará as posibilidades de rescate en altura así como de extinción de incendios

A nova equipación inclúe unha cesta cunha capacidade de carga de 500 kg., que garante o acceso á mesma dunha cadeira de rodas

O Concello da Coruña presentou esta mañá o novo equipo de traballo que vén de adquirir para o servizo de Bombeiros. Trátase dun novo brazo telescópico que mellorará sensiblemente o labor do corpo de seguridade, xa que, debido ao seu deseño, abrangue máis posibilidades de traballo que o actualmente dispoñible. Esta nova unidade, creada especialmente para realizar múltiples traballos, permitirá mellorar as condicións de rescate de persoas en edificios, extinción de incendios urbanos ou industriais ou rescate por enriba e baixo a rasante, permitindo a súa estabilización en calqueira tipo de situacións así como novas posibilidades de traballo. O equipo mellorará ademais o acceso do corpo de seguridade municipal a espazos nos que antes tiña dificultade, posto que o dispositivo está montado sobre unha cabina de tres eixos que mellora o seu xiro, á vez que aumenta o espectro que pode alcanzar, tanto a nivel vertical como horizontal. Así, o novo brazo conta cunha altura máxima de 45 metros, tres máis que o actual, e horizontalmente pódese achegar até os 27,5 metros, cinco máis que a unidade da que dispón o corpo. A estas condicións únese tamén as melloras respecto ás condicións da cesta, posto que aumenta a súa capacidade de carga até os 500 kg, así como as súas dimensións, ademais de incorporar unha plataforma abatible, pregable e inclinable para favorecer, por exemplo, o acceso de persoas en cadeira de rodas.

O alcalde, Xulio Ferreiro, asistiu á presentación do equipo --que o Concello adquiriu por 801.020 euros-- acompañado pola edil de Igualdade e Diversidade, e responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga. Tal e como destacou o rexedor, "esta nova adquisición entronca con todo o traballo que están a levar a cabo os bombeiros e, en xeral, todos os corpos municipais, para garantir a seguridade de toda a poboación, tendo especial coidado con aquelas persoas en situación máis vulnerable". A este respecto, a concelleira descatou medidas como o programa de detectores de fume que están directamente vinculados coa centraliña do Parque de Bombeiros "e que se están a instalar nos domicilios de persoas maiores ou que teñen algunha diversidade que os faga máis vulnerables no caso de producirse un incendio".

O novo brazo telescópico dispón de paneis con pantalla en todos os postos de control da unidade e proporciona unha gran cantidade de información de apoio ao operativo en situacións de rescate, e incorpora tamén un sistema de control remoto que permite realizar todas as funcións cun radio de alcalde de 100 metros. O equipo conta tamén con estabilizadores para o posicionamento de tipo H, que ten a capacidade de estabilizar o vehículo desde detrás de obstáculos e ou para ser colocado en estruturas elevadas cando sexa necesario, e inclúe un sistema de estabilización automático, o que permitirá ao servizo municipal traballar en rúas moi estreitas, nas que non se poidan despregar totalmente os tramos horizontais dalgúns apoios.

Estrutura

Esta unidade, nomeada Bronto Skylift, modelo FP45 XR, dispón dunha estrutura con 3 brazos --un máis que o actual--, o que permite unhas dimensións máis compactas cando está en posición de transporte --a súa lonxitude de transporte é menor que no caso actual-- e ofrece unha gran versatilidade no seu uso. Así, o primeiro ou principal, incorpora unha argolla para un peso máximo de 2.000 kg, e ten unha estensión telescópica, cuxa elevación se produce por medio de dous cilindros hidráulicos de dobre acción --cada un destes cilindros pode soportar o peso total do aparello, o que aumenta a seguridade da máquina--. O segundo brazo ofrece un movemento vertical de, aproximadamente, 180 graos respecto ao primeiro, e o terceiro permite a nivelación da cesta de traballo, que conta cunhas dimensións maiores que o modelo actual e admite 100 kg máis de carga que esta, até chegar aos 500 kg.  

Ademais de incorporar unha plataforma abatilble para favorecer o acceso dunha cadeira de rodas, a cesta tamén aumenta respecto ao anterior modelo a súa capacidade de xiro desde a súa posición central, proporcionando maior seguridade e comodidade nas operacións de rescate. Agora, poderá xirar a cada lado até 60 grados, fronte aos 45 da unidade actual. A nova equipación incorpora ademais, diversos elementros, entre os que destacan un sistema de intercomunicación de mans libres, un hidratante con dúas saídas, unha video cámara a cor cun monitor integrado na pantalla, instalada no monitor de extinción, luces LED para a súa iluminación, diversas tomas de corrente --de 24 V, 220 V e 440 V--, sistemas anticolisión por sensores de carga vertical e de proximidade por ultrasonidos, un anemómetro con indicador de velocidade do vento -- que notifica os fortes ventos-- e unha toma hidráulica para traballar con ferramentas até unha presión de 180 bar. Por último, entre a cesta e as escaleiras de rescate hai un acceso mediante chanzos adicionais para garantir o acceso seguro entre ambas en calquera posición da cesta.

O brazo estensible tamén presenta melloras no posto de mando, para maior comodidade e accesibilidade do operativo, e incorpora diversos elementos, como unha escaleira de rescate acuática ou rociadores de protección da cesta, ademais de sistemas de seguridade para evitar fallos eléctricos ou mecánicos.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión