Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de xuño de 2019

O Concello e a asociación África Universal organizan entre o 17 e o 29 de xuño a Festa A Teranga, un evento que contribúe a reforzar a imaxe da Coruña como cidade acolledora

A titular de Diversidade, Rocío Fraga, salienta que esta programación festiva, que conta con obradoiros de cociña, baile e loita senegalesa, “é unha actividade máis, dentro do conxunto de accións levadas a cabo estes anos para fomentar a integración da comunidade migrante”

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga,  presentou esta mañá a Festa A Teranga, un evento organizado pola asociación África Universal e o Concello da Coruña que se celebrará na cidade entre o 17 e o 29 de xuño e que busca fomentar a integración e coñecemento da comunidade africana da cidade. A responsable municipal salientou que durante todo o mandato, o goberno local levou a cabo un traballo constante co tecido asociativo do ámbito das migracións e as diversidades, "algo que se reflicte nesta segunda edición da festa de A Teranga, que se basea na hospitalidade". Viraventos, SOS Racismo, a Asociación Veciñal da Agra do Orzán, o Consulado de Senegal en Madrid e a Secretaría das Asociacións de Galicia colaboran tamén na celebración desta festividade.

Fraga salientou que, ao longo dos últimos catro anos, o goberno local ampliou de forma notable o investimento e os recursos destinados a que A Coruña sexa un referente dentro da rede estatal de cidades acolledoras, da que forma parte. "Ademais, duplicamos o persoal da Unidade de Atención as Migracións (UAMI), estabilizándoo na medida das súas posibilidades e incorporando unha auxiliar de atención á cidadanía, unha técnica en igualdade e unha coordinadora", dixo a concelleira, quen recordou que, ademais, este servizo, que só en 2018 atendeu a 1.145 persoas, reubicouse no centro cívico dos Mallos para favorecer a súa accesibilidade. "A ordenanza da Renda Social Municipal, que dá cobertura a todas as veciñas que a necesitan sen ter en conta a súa situación legal ou o programa PIPE, para unha xestión policial da diversidade, son outras das medidas encamiñadas a empodeirar e favorecer a integración sociolaboral do colectivo migrante", salientou.

En canto á programación de actividades, entre o luns 17 e o venres 21, en horario de 10.30 a 13.30 horas terá lugar un obradoiro de cociña senegalesa no Centro Ágora dirixido a persoas de todas as nacionalidades. De prazas limitadas, a inscrición debe realizarse no mail asociacionesafricauniversal@gmail.com.

Por outro lado, o venres 21 de xuño terá lugar a ceremonia de inauguración da praza das Conchiñas. Será ás 16.00 horas. Posteriormente, ás 16.30 horas, terá lugar unha animación musical con percusión senegalesa, para dar paso, ás 17.00 horas a un faladoiro sobre migración e integración que se trasladará ao centro Ágora en caso de choiva. Ás 18.00 horas terá lugar un desfile infantil con vestimental tradicional de Senegal na contorna da rúa Barcelona, ao que seguirá, ás 19.00 horas, unha actividade de música e percusión africana. O sábado 22 de xuño as actividades comezarán ás 15.00 horas na praza da Conchiñas cunha actividade de baile tradicional de Senegal. Ás 16.30 horas terá lugar o Face to face, unha actividade de loita tradicional de Senegal, actividade que precederá a outro evento de música e percusión. O domingo 23 de xuño, entre as 09.30 e as 14.30 horas celebrarase un torneo de fútbol nos campos de San Pedro de Visma. Entre as 16.00 e as 19.00 horas terá lugar, na praia de Riazor, unha exhibición de loita, deporte nacional de Senegal. O sábado 29 de xuño terá lugar unha noite de baile senegalés nun escenario aínda por determinar.

Fraga estivo acompañada na rolda de prensa de distintas integrantes da Asociación África Universal. A presidenta, Astou Dembele, agradeceu o traballo da Concellería de Diversidade e salientou a importancia de eventos coma este, "importantes tanto para a comunidade africana na cidade, que ronda as 3.000 persoas, como para a veciñanza que naceu na cidade, tendo en conta que favorece a integración". O secretario, Lamire Sarr Sene, destacou o significado da palabra Teranga. "Teranga é hospitalidade. Na Coruña hai Teranga, hai unha gran hospitalidade que queremos festexar con este programa", manifestou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión