Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de novembro de 2017

O Centro Cívico Monte Alto acollerá este xoves un concerto do ‘Ciclo de Lírica Inclusiva’, no marco das actividades do Festival de Artes pola Inclusión Cultural 'Festigual'

A proposta, impulsada polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, inicia tamén a súa parte expositiva coa exhibición dos traballos da actividade ‘Debuxa o teu selo’ na Casa de Cultura Salvador de Madariaga, no marco da mostra ‘120 anos da Cruz Vermella na Coruña’

O Festi=, Festival de Artes pola Inclusión Social, achégase esta semana a Monte Alto. A programación libre de barreiras impulsada polo Concello da Coruña en colaboración coa Fundación Emalcsa celebrará este xoves un recital operístico no centro cívico do barrio. Será un concerto enmarcado no Ciclo Lírica Inclusiva, iniciativa promovida por Amigos da Ópera e que ten como finalidade achegar a actividade musical a públicos e espazos diferentes aos habituais para facilitar e fomentar o coñecemento arredor desta disciplina. O recital, cuxa entrada será libre, comezará ás 19.00 horas e contará coa participación da soprano Clara Penas, o tenor Ramón Farto e a pianista Ludmila Shevyakova. Entre as obras que se interpretarán, inclúense pezas de Puccini, Verdi, Bernstein, Chapí ou Rachmaninov.

O concerto deste xoves será a segunda cita da programación expandida do Festigual, promovido polas áreas de Culturas e Igualdade e que nace coa idea de visibilizar, neste último trimestre do ano, as actividades e proxectos que formaron parte da primeira convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva. Así, durante os meses de novembro e decembro, o festival levará a diferentes espazos da cidade un amplo abano de disciplinas artísticas abertas, participativas, inclusivas, libres de barreiras e aptas para todos os públicos.

Entre a programación que se ofrece baixo o marco do Festigual tamén se recollen as artes plásticas. O pasado 9 de novembro o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, inaugurou na Casa da Cultura Salvador de Madariaga a exposición 120 anos da Cruz Vermella na Coruña, unha iniciativa promovida pola Sociedade Filatélica, e que inclúe as obras gañadoras do concurso Debuxa o teu selo, proxecto que a entidade cultural coruñesa desenvolveu na pasada convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva en colaboración con Aspronaga e a Cruz Vermella, e que tiña como obxectivo favorecer o desenvolvemento artístico de persoas con diversidade cognitiva. Na mostra, que se poderá visitar até o 26 de decembro, atópanse as pinturas galardoadas no concurso, cuxo traballo gañador editouse como selo de Correos. As actividades da programación expandida do FESTI=, Festival de Artes pola Inclusión Cultural, continuarán o vindeiro día 23 de novembro coa presentación do espectáculo Experimentadanza, da Asociación Diversos.

Para máis información sobre a iniciativa, pódese consultar a páxina web municipal www.coruna.gal/igualdade/festigual.

Documentos:

Dossier Festigual (2 MB)

Actualidade

Máis información

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión