Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

Cando:

30 de setembro de 2022

Trátase dunha programación estable promovida polo IMCE e que conta co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Mañá comeza no Ágora o ciclo Ilusiooóh!n, que reúne seis espectáculos de circo, danza acrobática, artes escénicas e música en directo

Coincidindo co primeiro espectáculo, este sábado desenvolverase tamén no Ágora a exposición "Buxainas do Mundo"

Este sábado, 1 de outubro, comezará no Ágora o ciclo Ilusiooóh!n Outono 2022, que por segundo ano consecutivo reúne espectáculos de circo, danza acrobática, artes escénicas e música en directo.

Trátase dunha programación estable, prevista desde este sábado ata o 17 de decembro,  promovida polo IMCE e que conta co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a integración no proxecto "Circo a escena", promovido pola Rede Española de Teatros e Auditorios.

As entradas poden adquirirse por 9 euros para o público xeral, aínda que para maiores de 65 anos, persoas desempregadas e titulares do carné Xove o prezo é de 7 euros. A venda é a través da web www.ataquilla.com, no despacho central de billetes da praza de Ourense, de luns a venres, agás festivos, de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas e no propio despacho de billetes do Ágora os días de función, desde unha hora antes do inicio e só se quedan entradas dispoñibles.

No ciclo Ilusiooóh!n Outono 2022 reúnense seis espectáculos multidisciplinares onde as artes do circo, a danza acrobática, as artes escénicas e a música en directo fusiónanse para ofrecer novas propostas frescas e innovadoras cargadas de forza e sensibilidade, pensados para público xuvenil e adulto, do que poden gozar tamén os/as pequenos/as da casa.

Nesta nova edición, preséntase un ciclo no que prima o equilibrio na variedade de propostas (acrobacia aérea, malabarismo, equilibrismo, humor e clown, fusionadas coa danza, a música en directo e o teatro), atendendo ao catálogo ofertado desde a Comisión de Circo da Rede Española de Teatros, dando ao público a posibilidade de experimentar diversas propostas de  circo que os transporten a un mundo máxico e poético onde todo é posible.

Concretamente, preséntase unha programación que transita desde propostas que combinan o humor coa perfomance acrobática  como "Fuego Salvaje", de Wilbur, no que ten moito peso o clown máis clásico para presentar unha viaxe iniciática sobre a reconquista do ser e do propio corpo; ou "La Litera", de Circobaya, un espectáculo de circo e teatro, comedia e poesía; ao máis experimental, tal é o caso de "Poi", de D´é Tro, cunha arriscada proposta na posta en escena coa manipulación de buxainas no que se fusionan as artes do circo co popular xogo da buxaina e as raíces da súa cultura mediterránea. Estará presente tamén a hibridación de discursos artísticos e estéticos como pode ser o espectáculo "4 segundos", da compañía IO, cunha proposta de amplificación ou dilatación temporal aderezada con música experimental, un espectáculo de acrobacia aérea pero tamén, e sobre todo, é un espectáculo que fala do risco, da vida e do autocoñecemento.

Completan o programa o espectáculo "Suspensión" da compañía Nuevennuno, na que 5 homes cuestionan constantemente a súa identidade como homes a través de coreografías de malabares, e "Sin Miedo", de Maintomano que, a través de acrobacias sobre unha escaleira e outros obxectos escénicos, fai unha abordaxe poética sobre o medo e as maneiras de superalo.

Ademais, o ciclo Ilusiooóh!n Outono 2022 centrará os seus esforzos na creación de novos públicos, con espectáculos para públicos xuvenil e adulto, pero tamén para todos os públicos. Dentro desa dinámica, este sábado desenvolverase a exposición "Buxainas do Mundo", composta pola colección de Luis M. Ramas Ramírez, no vestíbulo do auditorio do Ágora, que complementa o primeiro espectáculo.

Tamén haberá, despois das funcións, un encontro da compañía co público que así o desexe, co fin de analizar o espectáculo desde a creación e a escenificación, a traxectoria da compañía e todos aqueles aspectos relativos ao seu traballo, de xeito que o paso de todos estes artistas polo Ágora non quede na simple representación dos seus espectáculos.

Non perdas

Non perdas

Inscrición en actividades

Proceso de inscrición nas actividades. Despois de cubrir e enviar un formulario recibirás un correo electrónico de confirmación.

+INFO

Como inscribirme nunha actividade

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión