Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de novembro de 2022

Na lingua que eu falo... con Brazolinda Xogos

Na lingua que eu falo é unha serie de entrevistas con persoas que fan da lingua un medio de expresión pero tamén unha elección individual e comprometida.

Se dicimos Irimia Fernández pode que non caïamos en quen é se non lle xuntamos o nome de Brazolinda.

O seu proxecto de xogos artesanais, sustentables e cheos de cor, foi galardoado nos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña na categoría adicada á promoción do galego entre a xente miúda.

Desde o seu pequeno obradoiro de Fontiñas  a artesá compostelá amósanos o seu mundo de madeiras e cores, amable co medio e con enorme contido pedagóxico e de lingua. Non por nada forma parte dunha familia de grandes filólogos.

Aquí, neste ambiente de xogo no seu currunchiño santiagués, Irimia atende as nosas preguntas.

De onde che veu a vocación de crear xogos de mesa? En que te inspiras?

O mundo dos xogos de mesa forma parte da miña vida dende que era moi pequena. Longas tardes de xogo en familia forman parte das lembranzas de infancia e adolescencia e, afortunadamente, continuamos xogando a día de hoxe.

Xa daquela, sendo nenos, o meu irmán maior e mais eu soñabamos con ter algún día unha fábrica de xogos de mesa para poder facer realidade todas aquelas ideas que comezaban a xurdir nas nosas cabezas.

Mais cando me decidín a facer aquel soño de infancia realidade foi cando naceron os meus tres fillos. Quería amosarlles este mundo, para min tan fermoso e interesante, pero no mercado non atopaba xogos de mesa que me convencesen e comecei a crealos para eles.

A inspiración vén, realmente, da miña propia curiosidade por todo canto me rodea. Sempre me fascinou o mundo das ciencias, a natureza, a historia... mais crieime entre filólogos e os meus pais souberon transmitirme tamén o interese polo coidado da expresión oral e escrita, a lingua, a nosa cultura e tradicións... Todo iso é o que me leva a facer xogos moi diferentes, dende os que serven para aprender matemáticas aos que se centran na expresión oral, pasando pola mitoloxía galega, agudeza visual, léxico, habilidades motrices e tantos outros.

-Cales son os xogos de máis éxito?

A verdade é que todos os xogos tiveron sempre moi boa acollida, tanto entre as familias como entre o profesorado ou outros profesionais (psicólogos, residencias da terceira idade...) pero hai algúns que destacan claramente. A noite do meigallo foi un dos primeiros que fixemos, un xogo de adiviñas no que un grupo de meigas busca ingredientes pola fraga adiante para facer meigallos, debendo ir resolvendo adiviñas para logralos.

Outro é A cabana, un xogo no que cómpre ir facendo unhas torres seguindo as indicacións das cartas e que, ademais de pola emoción durante a partida, penso que gusta tanto porque nunha mesma partida poden poñerse diferentes niveis a un tempo, co que poden xogar persoas de idades ou capacidades diferentes en igualdade de condicións.

E outro que destacaría, que saíu no Nadal pasado e que foi todo un éxito, é O Gatipedro. Un xogo moi rápido e visual sobre mitoloxía galega no que, relacionando os elementos e personaxes das oito lendas que presenta, cómpre desfacerse de todas as cartas antes que o resto.

Que xogos recomendas onde a lingua galega sexa fundamental?

Dos xogos que temos, A noite do meigallo é un dos máis axeitados se se quere traballar co idioma. A propia lectura en voz alta das adiviñas, o feito de ter que dar pistas para que os demais poidan acertalas, e a rima final que cómpre crear coas palabras dos ingredientes conseguidos fano moi completo no que á expresión oral se refire.

Outro que tamén traballa moi ben o léxico é o Verbolario. Nel hai unhas palabras escritas nuns círculos e, segundo a dinámica do xogo, cómpre ler a palabra da cor correspondente. O léxico elixido é sinxelo pero ás veces descoñecido para moitos castelanfalantes, co que pouco a pouco permite ir aprendendo novo vocabulario. Ademais, tamén se pode xogar a ir creando unha historia a medida que se van atopando as palabras, co que saen contos moi curiosos e é unha maneira moi bonita de xogar.

Pero temos máis, como O Gatipedro para aprender lendas galegas; o Espello para aprender a expresarse e transmitirlles aos demais o que se está pensando; ou Camiño de Compostela para aprender sobre Xeografía, Historia, patrimonio natural, festas, oficios tradicionais...

Como foi a aprendizaxe da artesanía que levan os teus produtos?

Sempre se me deron ben os traballos manuais e vou aprendendo pola miña conta sobre a marcha, mais aínda teño moito que aprender. Para facer os xogos traballo a madeira, a costura, o debuxo... Todo é cuestión de poñerse e intentar que os acabados queren curiosiños.

Cantas horas de traballo invistes nun xogo feito á man?

O tempo de fabricación dun xogo é variado, pero dende logo leva máis tempo do que poida parecer. Un xogo aparentemente tan sinxelo como o da cabana, no que só hai unhas cantas pezas de madeira pintadas, leva moitas horas porque cómpre cortar, lixar, pintar, vernizar e lixar de novo á man cada unha das 24 pezas que leva, así como pintar, vernizar e lixar tamén cada unhas das caixas. Ao final todo leva tempo. E este é o máis sinxelo, calquera dos outros xogos require moito máis traballo e un único exemplar pode levar varios días.

Pero a propia invención do xogo pode levar un ano ou dous, dende que a idea chega á miña cabeza ata que o xogo está no mercado.

Este é, dende logo, un traballo que cómpre facer a lume lento.

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras pola/s que desexas buscar nas nosas actividades

Tamén podes revisar a nosa axenda de actividades

Próximas inscricións

  • "O libro máxico", de Migallas Teatro, ás 17.00 h

    Cando:

    02/04/2024

    Horario:

    17.00 horas 

    Inscricións:

    Dende o 29/03/2024 ata o 02/04/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

  • "O libro máxico", de Migallas Teatro, ás 18.30 h

    Cando:

    02/04/2024

    Horario:

    18.30 horas 

    Inscricións:

    Dende o 29/03/2024 ata o 02/04/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

  • "Os instrumentos teñen vida propia", de Laura Romero, ás 17.00 h

    Cando:

    09/04/2024

    Horario:

    17.00 horas 

    Inscricións:

    Dende o 05/04/2024 ata o 09/04/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 5 e 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

Próximas inscricións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión