Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2022

O Aquarium Finisterrae participa nun proxecto que estuda os efectos do cambio climático sobre os ecosistemas atlánticos

Os corais que se empregan no proxecto proceden da fragmentación de colonias de Dendrophyllia cornigera que forman parte da colección biolóxica do Aquarium Finisterrae.

O Aquarium Finisterrae participa desde o ano 2019 no proxecto europeo iAtlantic, que estuda, entre outros, os efectos do cambio climático sobre os ecosistemas atlánticos. O traballo que se está a realizar no acuario coruñés consiste nun complexo experimento de 12 meses de duración que permitirá coñecer o efecto combinado de diversos factores de tensións, produto do cambio global -o quecemento da auga do mar, a acidificación e a desoxigenación da mesma-, nas poboacións do coral de profundidade Dendrophyllia cornigera, coñecida como coral amarelo ou xirieira. É un coral de augas frías que habita diversas zonas do Mediterráneo e do Atlántico, incluídas as augas de Galicia.

As comunidades de corais de augas frías forman estruturas tridimensionais complexas que serven de hábitat para numerosas especies e constitúen un lugar de protección fronte aos depredadores. Ademais, os arrecifes submarinos que forman os corais de augas frías actúan como lugar de cría de moitas especies de peixes e invertebrados e desde o ano 2009 están considerados pola FAO como Ecosistemas Mariños Vulnerables, xa que as especies que os conforman son na súa maioría moi lonxevas, con taxas de crecemento moi baixas e moi sensibles e vulnerables ás actividades humanas.

Desenvolvemento do estudo

Persoal investigador da Universidad de Barcelona e do Centro Oceanográfico de Xixón (IEO-CSIC) estivo estes días no Aquarium Finisterrae realizando, xunto con membros do equipo científico do acuario coruñés, diferentes medidas dos corais de profundidade que son os organismos diana que estuda o proxecto.

Para a realización do estudo está a empregarse un total de 24 acuarios de pequeno volume. En cada un deles criáronse 6 fragmentos de D. cornigera, o que supón un total de 144 fragmentos involucrados no experimento. Os corais están fixados a unha base de metacrilato que permite extraelos dos tanques experimentais cando é necesario para realizar medidas dos mesmos de forma individualizada.

Estes días están a se realizar medidas de peso e consumo de osíxeno, que son as variables resposta que se están investigando no marco deste experimento co fin de pescudar se a combinación de axentes de tensións afecta ao crecemento dos corais e ao seu metabolismo.

As condicións ambientais de cada un dos acuarios experimentais obtéñense preparando auga de diferentes tipos que simulan diferentes escenarios climáticos actuais e futuros, tendo en conta para estes últimos as predicións do IPCC (Panel Internacional Para o Cambio Climático), así como o coñecemento co que actualmente temos dos límites fisiolóxicos desta especie de coral.

Enderezo:

Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión