Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de maio de 2022

A cámara de meteoros da Casa das Ciencias detectou un bólido procedente do cometa Halley

Cruzou o ceo nocturno de Galicia o pasado 8 de maio, pero o dato coñeceuse agora tras a análise das imaxes captadas pola cámara.

Esta curiosa noticia chega nunha data sinalada para a Casa das Ciencias, xa que o 1 de xuño cumpre 37 anos. É agora cando coñecemos que o detector instalado hai uns meses nunha das súas terrazas, e que pertence á Rede de Bólidos e Meteoros do Suroeste de Europa (Rede SWEMN), rexistrou unha brillante bóla de lume sucando a noite galega o pasado 8 de maio ás 6.18 h da madrugada.

Este detector traballa no marco do Proxecto SMART, coordinado desde o Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), que ten por obxectivo monitorar de forma continua o ceo para rexistrar e estudar o impacto contra a atmosfera terrestre de rochas procedentes de distintos lugares do Sistema Solar.

O bólido localizado a comezos deste mes foi analizado polo investigador responsable do Proxecto SMART, o astrofísico José María Madiedo do IAA-CSIC, quen determinou que a rocha que orixinou o fenómeno entrou na atmosfera terrestre a unha  velocidade duns 240.000 km/h e que procedía do cometa Halley. Deste xeito, a bóla de lume asóciase á choiva de estrelas que os fragmentos que desprende este cometa producen entre mediados de abril e finais de maio: as chamadas Eta- Acuáridas.

Estes fragmentos ou pequenas rochas reciben o nome de meteoroides, que na súa maioría non superan o tamaño dun gran de area, e que cando entran na atmosfera da Terra a gran velocidade vólvense incandescentes, producindo o que tecnicamente se coñece como meteoros ou, de forma coloquial, estrelas fugaces. Os fragmentos cuxo tamaño superan o dun chícharo dan lugar a meteoros moi brillantes denominados bólidos ou bólas de lume.

No caso do evento do 8 de maio, o meteoroide tiña un tamaño superior ao dunha noz, que ao entrar na atmosfera xerou unha bóla de lume, un meteoro, que se iniciou a unha altitude duns 115 km sobre a ría de Arousa. Desde alí o bólido avanzou en dirección noroeste e extinguiuse a unha altitude duns 85 km sobre o océano Atlántico. Nese punto, desintegrouse totalmente, polo que ningún fragmento chocou co chan.

A bóla de lume, que chegou a ser tan luminosa que puido verse desde todo o norte e centro da península Ibérica, percorreu unha distancia total duns 73 km. Este evento tamén foi rexistrado polos detectores que este mesmo proxecto de investigación ten instalados nos observatorios de (Madrid) El Guijo e La Hita (Toledo). A detección simultánea desde estes tres lugares permitiu triangular a traxectoria da bóla de lume e obter a súa orixe.

Este vídeo mostra imaxes da bóla de lume e da súa traxectoria, así como a órbita que seguiu a roca no Sistema Solar antes de alcanzar o noso planeta.

Enderezo:

Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarita s/n. 15005 A Coruña

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión