13 de outubro de 2026
A sala Isabel Castelo presenta a mostra «Fotografías da natureza 2026», e o Corredor López Seoane, «Pecios nas costas galegas»
«Fotografías da natureza 2026» presenta unha colección das mellores fotografías de natureza do concurso European Wildlife Photographer of the Year, un dos máis prestixiosos do mundo na súa categoría e que ten como obxectivo incrementar o interese por preservar a natureza e o sentido de responsabilidade sobre o medio ambiente.
A fotografía gañadora desta edición foi a titulada "Desesperación silenciosa", tomada por un novo fotógrafo alemán, Luca Lorenz. A imaxe mostra o bufo pigmeo euroasiático, o bufo máis pequeno de Europa, quen suxeita un rato aínda con vida entre as súas garras, unha presa destinada a alimentar os seus pitos, que desapareceran do niño. Unha inquietante imaxe que conmoveu o xurado internacional que a premiou.
A exposición presenta, ademais, outras 80 fotografías que inclúen a mellor fotografía de cada categoría, así como as mencións de honra e as finalistas, distribuídas en nove seccións: Aves, Mamíferos, Outros animais, Mundo submarino, Eloxio das plantas, Paisaxes, O ser humano e a natureza, Forma e composición e Novos fotógrafos.
«Pecios nas costas galegas»
O Corredor López Seoane presenta unha exposición composta por 15 fotografías que ilustran a diversidade dos pecios que se atopan nas costas galegas.
Os pecios son os restos de calquera embarcación ou obxecto humano afundido baixo as augas. A súa orixe pode ser accidental ou intencional. As costas galegas albergan un enorme cemiterio de barcos con centos de pecios históricos, unha riqueza arqueolóxica que ten que ver cunha posición estratéxica das costas galegas, así como cunha xeografía perigosa e violentos temporais. Os restos inclúen desde barcos romanos, galeóns de Indias ata mercantes e navíos de guerra. O gran reto é o seu estudo e conservación.
«Pecios nas costas galegas» foi producida polo Aquarium Finisterrae coa participación da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS) e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS), e coa colaboración de Nauga.
Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña

13 de outubro de 2026
A sala Isabel Castelo presenta a mostra «Fotografías da natureza 2026», e o Corredor López Seoane, «Pecios nas costas galegas»

20 de setembro de 2026
Os Prismas de Bronce entregaranse nun acto que terá lugar o próximo 14 de novembro no Concello da Coruña

3 de xullo de 2026
Unha mostra colectiva de historietas de cómic que abordan diferentes perspectivas das eclipses.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible