Concello da Coruña

Concello da Coruña

Modulartec

3 Encontro de síntese modular da Coruña

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 02/10/2020 ata o 03/10/2020

Xa rematou

Horario:

- Venres 2 de outubro. Aquarium Finisterrae. Sala Maremagnum - 20.00 h

- Sábado 3 de outubro. Fundación Luis Seoane. Patio - 18.00 h

Enderezo:

Fundación Luis Seoane. Rúa San Francisco 27. 15001 A Coruña

Prezo:

• Reserva de entradas www.enterticket.es desde as 12:00 h do luns 28 de setembro ata que se completen os 50 tíckets.

• 1 entrada por persoa

• Acceso ao evento 30 minutos antes do comezo

• As entradas non validadas 10 minutos antes do inicio do evento serán reasignadas a outra persoa que por orde de chegada terá preferencia para o acceso.

Requisitos:

PROTOCOLO COVID-19

• Desinfección de mans con xel hidroalcohólico en acceso e toma de temperatura ao entrar.

• Obrigatorio uso de máscara.

• Débese ocupar un asento e non cambiar ata o final dos concertos.

• A entrada e a saída realizarase polo percorrido indicado.

• Seguiranse en todo momento as indicacións do persoal.

Contacto:

Presentamos o 3.º Encontro de Síntese Modular da Coruña. Como nas anteriores edicións, o cartel de Modulartec reúne un conxunto de artistas que traballan na vangarda da música e que teñen como denominador común o uso de sintetizadores modulares, que combinan con outros instrumentos como percusión, guitarras ou, como no caso de Biyi Amez, o theremin, que neste 2020 cumpre 100 anos desde a súa invención. En seis sesións repartidas en dous días, viaxaremos por paisaxes sonoras que van desde a experimentación electroacústica ata o ambient, ou desde a revisión de pezas de música clásica ata o son industrial. Un universo sonoro filtrado polo primeiro e quizáis máis puro formato do que coñecemos como música electrónica: a síntese modular.

VENRES 2 DE OUTUBRO - 20.00 H

AQUARIUM FINISTERRAE

SALA MAREMAGNUM

TELEMACO [ESP]

Dr. Think e Mike Rolling, é dicir, Álvaro Pardo e Miguel Rulos, falan sobre a vida nun proxecto chamado Telémaco, no que combinan «a música impetuosa de Beethoven coas bandas sonoras anódinas dos aeroportos, as enérxicas conversas sobre a paixón coa cadencia relaxada dun saxo». Eles miran a vida como fusión e confusión e ofrécennos ese mapa sonoro acomodando melodías nadas de instrumentos tradicionais sobre cómodos colchóns de bases electrónicas. A vida visítanos na música de Telémaco en forma de televisores, teléfonos, mensaxes de voz gravadas ou batidoras, todo iso dominado pola improvisación.

BIYI AMEZ [ESP]

Músico mallorquino polifacético, posuidor dun auténtico arsenal de criaturas sónicas. Biyi publicou o seu primeiro traballo a finais dos 90 e trátase da triloxía titulada "La máquina del Tiempo" nun estilo que a grandes liñas poderiamos cualificar de hip-hop instrumental, breaks ou headz music moi de moda nesa época. Actualmente está considerado un dos poucos especialistas na interpretación do theremin en España e realizará unha actuación con este instrumento e os seus sintetizadores modulares. O theremin pertence á familia dos instrumentos electrófonos, o son créase mediante circuítos eléctricos e xera e amplifica o son de forma totalmente eléctrica sen a utilización de ningún mecanismo. Forma parte do subgrupo dos instrumentos radio-eléctricos. Precisamente este ano cúmprese un século desde a súa creación polo compositor e físico ruso Léon Theremin.

SÁBADO 3 DE OUTUBRO - 18.00 H

FUNDACIÓN LUIS SEOANE. PATIO

CARLOS SUÁREZ [ESP/VENEZUELA]

Compositor, etnomusicólogo e percusionista galego-venezolano, nacido en Ourense. É mestre compositor polo Conservatorio Superior de Música Simón Bolívar de Caracas e etnomusicólogo polo Instituto Universitario de Estudos Musicais de Caracas. Creou máis de 40 obras acústicas e electroacústicas. Tamén compuxo para danza, teatro, radio, vídeo, instalacións e recitais poéticos. As súas viaxes de investigación por Venezuela e o caribe inícianse en 1989, principalmente nas áreas culturais afroamericana do Caribe e indíxena do Amazonas, onde realiza gravacións e estudos sobre música e paisaxes sonoras. Transcribiu máis de 36.000 compases de música tradicional de todo o mundo. Traballou como investigador para FUNDEF e FINIDE Fundación Internacional de Etno-Musicoloxía durante 10 anos. No ano 2003 retorna a Galicia, iniciando os seus estudos da paisaxe sonora galego co colectivo escoitar.org. No ano 2006 gana en Venezuela o Premio Nacional de Cultura polo seu libro Os chimbángueles de San Benito. As súas conferencias e talleres xiran arredor de temas de psicoacústica, fonografía e composición, etnomusicoloxía e paisaxes sonoras.

LINALAB [COLOMBIA/ESP]

Lina Bautista é unha moza colombiana nacionalizada española, establecida en Barcelona desde 2009 e formada no campo da experimentación electroacústica. Construíu un discurso musical baseado no tratamento en tempo real da guitarra, as texturas electrónicas e as paisaxes sonoras. Linalab é unha singularidade múltiple, é conxunto e unidade, é un son solitario, unha nota, unha frecuencia que ao permanecer no tempo se complexiza, enmaráñase, vólvese ruído, melodía, canción e despois, silencio.

JUAN MANUEL CIDRÓN [ESP]

Juan Manuel Cidrón é un talento veterano da electrónica española desde os primeiros oitenta e desde a súa Almería natal. É un home analóxico, nin ten ordenador nin sequera teléfono móbil, e o o seu son céntrase nos sintetizadores e os instrumentos analóxicos. A súa colección de aparellos é impresionante, unha das mellores do país. O seu son está influenciado nos seus primeiros anos pola Escola de Berlín dos setenta (Tangerine Dream, Klaus Schülze, etc...). Cun extenso background difícil de seguir, a súa liña de traballo é moi independente. Cidrón traballa sempre desde a # Ultraperiferia do seu Arrabalde, selo propio no que publicou 20 referencias. Ten unha especial conexión co selo madrileño Geometrik, onde editou o maxistral Patagón en 2012, e é moi recente a sorprendente proposta no trío Vértice xunto a nada menos que Saverio Evangelista (Esplendor geométrico) e Maurizio Bianchi, onde inauguran a serie Decay Music nº. 1 Besoch Trauma (2019) no selo italiano Die Schachtel cunha edición cunha presentación exquisita como adoita ser habitual. O seu último traballo, Los conciertos que nunca se hicieron é de recente publicación e, como reza o título, son interpretacións en directo das actuacións que Cidrón tiña programadas para este ano e que debido á pandemia quedaron canceladas ou aprazadas e que el interpretou igualmente no seu estudo o mesmo día e á mesma hora dos seus concertos e que quixo reflectir neste traballo non destinado á venda de edición limitada.

DEATH WHISTLE [ESP]

Víctor García é xa un vello coñecido de Modulartec xa que participou no primeiro encontro e esta vez vai presentar a súa evolución dentro da interpretación con sintes modulares. É un compositor, deseñador sonoro e programador que traballou en proxectos como Decorado, Psiconautas, Los niños olvidados, Sangre de Unicornio ou Ramiro, sucia rata. O seu traballo foi exposto en festivais de cinema tan importantes como Cannes, San Sebastián ou Annecy. Cabe destacar o premio Goya 2017 á mellor película de animación por Psiconautas, Los niños olvidados, o Goya 2017 á mellor curtametraxe de animación por Decorado e os nomeamentos ao Goya de Soy una tumba e Sangre de Unicornio en 2019 e 2015 respectivamente. Así como a selección de Sangre de Unicornio no Festival Internacional de Cinema de Aubagne, especializado en compositores para o medio audiovisual. Con Death Whistle traslada o seu son cinemático ao escenario a través do uso da paisaxe sonora, o ruidismo e melodías punzantes que envolven as persoas espectadoras nunha experiencia sónica entre o onírico e o terreal.

+ información:

Instagram: @modul_artec

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión