Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2019

A Concellería de Medio Ambiente avanza no acordo das cláusulas laborais que obrigarán a manter o emprego e mellorar as condicións do cadro de persoal de Nostián na próxima concesión

A edil María García, que mantivo esta mañá un novo encontro co comité de empresa, salienta que estas disposicións permiten garantir as condicións laborais e sociais para que non dependan das negociacións entre a concesionaria e o persoal

A concelleira de Medio Ambiente, María García, mantivo esta mañá un novo encontro co comité de empresa de Albada dentro da mesa de negociación aberta entre o Goberno local e as persoas representantes do cadro de persoal de Nostián para establecer unhas cláusulas sociais e laborais nos novos pregos de licitación de xestión da planta "que garantan tanto o mantemento do emprego como a estabilidade nas condicións de traballo durante todo o tempo que se prolongue o vindeiro contrato". Tal e como lembra a concelleira, o Goberno local introduce este tipo de cláusulas en todos os seus contratos de concesións, que tamén se está a facer para a redacción dos novos pregos para a xestión de Nostián. "Ademais, continuando a pauta de actuación que se seguiu para a renovación de todos os grandes contratos municipais, buscamos dar voz e facer partícipes do proceso aos traballadores e ás traballadoras dos servizos para que poidan aportar a súa experiencia e introducir, dentro do posible, as melloras que garantan unhas condicións dignas de emprego", apunta.

Nesta mesa aberta co cadro do persoal, a Concellería de Medio Ambiente está a buscar as vías para incluír nos pregos algúns aspectos que formaban parte da negociación colectiva entre a actual empresa e os e as traballadoras "para que pasen a ser de obrigado cumprimento nun futuro por parte da que sexa empresa concesionaria e que non dependan dun proceso de negociación suxeito a cambios, o que dá moita máis seguridade ao cadro de persoal".

Así, o Goberno local propón a introdución dunha cláusula que permita garantir como condición esencial do contrato as condicións laborais e sociais aínda que o convenio colectivo en vigor perda a súa ultraactividade. Así, asegúrase que a empresa concesionaria "non poida minorar unilateralmente nin as condicións laborais nin sociais dos traballadores". Ademais, o mantemento do emprego para persoal que presta actualmente o servizo será de obrigado cumprimento durante toda o período de concesión e estará indicado na lista de subrogación que legalmente debe proporcionar a actual concesionaria. A empresa deberá tamén manter un número mínimo de traballadores, que se establecerá na oferta inicial e que non se poderá alterar ao longo da concesión, e terá obriga de cubrir todas as baixas laborais. Ademais, os pregos especificarán que, no caso de que estea previsto incrementar o persoal, a empresa concesionaria deberá contar coa bolsa de persoal eventual que veñan traballando de xeito recorrente e continuado nos últimos dous anos. Entre as medidas que están en negociación contémplase tamén a introdución de incentivos económicos para o persoal ligados á recuperación de envases que alcance a empresa contratista durante a execución do contrato. Este complemento permitirá facer copartícipes aos traballadores e ás traballadoras das melloras na produtividade e da reciclaxe na instalación de xeito continuado.

A edil indica que, a maiores, se establecerá a prohibición de empregar a subcontratación para a realización de accións ordinarias e de mantemento da planta, que só se poderá empregar para circunstancias excepcionais. García participará o vindeiro martes na última das reunións previstas co cadro de persoal de Albada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión