Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xuño de 2019

A Concellería de Medio Ambiente presenta un dispositivo para a noite de San Xoán no que traballan máis de 400 persoas para que a cidade "volva despuntar en conciencia e compromiso ambiental"

As xogadoras do Deportivo, que ascenderon este ano a Primeira División e que xa colaboraron con Móllate! en anos anteriores, serán as encargadas de acender a falla a noite do 23. O Goberno local volve apostar polas áreas de Praias Vivas libres de residuos, que estarán no Matadoiro, Riazor e Orzán, e prohibe a solta de farois de papel polo risco de incendios.

A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu a coñecer esta mañá as medidas ambientais previstas para ter unhas festas de San Xoán sostibles, que inclúe dende o dispositivo de reparto de madeira, xestión das áreas de Praia Viva e recollida de residuos ata as accións de concienciación e educación ambiental para reducir o número de toneladas de lixo que se xeran nesta festa de Interese Turístico Internacional. "A Coruña é unha cidade comprometida co medio ambiente, cada vez máis, e por iso se prepara con meses de antelación para facer das festas de San Xoán un espazo de diversión pero tamén dun cada vez máis reducido impacto ambiental", salientou nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por alumnado do IES Adormideras que participa nesta edición, a cuarta, do programa Móllate!. "Serán máis de 400 persoas as que conformen o dispositivo ambiental do San Xoán. Están os motores acesos para que A Coruña volva despuntar en conciencia e en compromiso ambiental", apuntou.  

A edil avanzou que serán precisamente as encargadas de acender a falla na medianoite de San Xoán as xogadoras do Deportivo Abanca, que ascenderon este ano a Primeira División e que colaboraron xa con anterioridade no programa municipal de participación e sensibilización dirixido á mocidade Móllate!, que pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia do coidado dos areais, concentrando a súa acción durante a festa do San Xoán. Nesta edición, máis de 200 alumnos e alumnas dos IES Adormideras, Monte das Moas, Eusebio da Guarda, A Sardiñeira, Monelos, CIFP Ánxel Casal e Fundación Érguete se implicaron no deseño e produción das propostas que conforman a campaña. Un dos seus elementos, unha escultura efémera realizada polo escultor Emile Gireau con forma de peixe na que se poden depositar tapóns de botellas e que está situada no Obelisco. "Unha acción que mistura arte e denuncia ambiental", resaltou unha das alumnas que participa na iniciativa.

Como lembrou García, o alumnado que participa este ano en Móllate! leva catro meses traballando para definir de maneira participativa as accións de concienciación e sensibilización, das que xa se levaron algunhas a cabo como a batukada que tivo lugar o Día dos Océanos xunto a Kilomberos de Montealto, cuñas de radio, performances teatrais e musicais, guirnaldas de denuncia polo Paseo Marítimo e diversas acción de comunicación.  

Praias Vivas

As zonas libres de residuos das Praias Vivas volven un ano máis aos areais da cidade tras o éxito de participación acadado e que, como salientou a edil, "demostran que se pode gozar da noite sen deixar lixo na praia". Estarán situadas na totalidade da praia do Matadoiro e en dúas zonas acoutadas do Orzán e de Riazor. "Nelas haberá monitores ambientais, reparto de ecovasos e un pouco máis de concienciación para que unha vez máis, como xa aconteceu outros anos a petición da xente, haxa que ampliar esa zona libre de residuos durante a noite", indicou.

Ademais, haberá dúas zonas habilitadas para persoas con mobilidade reducida, que estarán situadas nas praias de Riazor e Oza e que contarán con pasarelas de madeira sobre os areais.

Depósito de residuos

O dispositivo municipal habilitado para San Xoán conta con 15 illas de reciclaxe, os espazos deseñados para favorecer a recuperación e o depósito dos residuos e evitar así que se deixen nas praias. Estas illas de reciclaxe estarán localizadas nos puntos de acceso ás praias. Cada un destes espazos contará cun contedor para vidro, outro para o orgánico e un contedor de obra de gran tamaño para o depósito de inorgánicos. Tamén se instalarán dúas illas de contedores na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor para atender ao público dos concertos previstos, conformadas cada unha por tres contedores para inertes, dous para orgánicos e un de vidro. A maiores destas illas de reciclaxe haberá dispoñibles 56 contedores ao longo da enseada, de Riazor ao Matadoiro, un total de 13 para o depósito de orgánico, que terán unha capacidade 240 ou 360  litros, e outros 43 para os residuos inertes, con 800 litros de capacidade cada un deles.

A Concellería de Medio Ambiente reforzará tamén a apertura ininterrompida dos aseos de Riazor ata as 06.00 horas da mañá do día 24 de xuño coa instalación de 48 aseos portátiles que estará situados nas proximidades dos accesos aos areais.

Madeira e zonas de exclusión

O Concello disporá de 120 toneladas de madeira limpa para que poidan ser queimadas sen risco nas praias e que se comezará a repartir de maneira gratuíta ás 18.00 horas en 14 puntos distribuídos polos cinco areais da cidade de maneira que haberá seis en Riazor, cinco no Orzán, un no Matadoiro, outro en Oza e un último en San Amaro. A madeira poderá comezar a baixarse á praia ás 19.30 horas e, como en anos anteriores, non se autorizará o acceso con palés ou madeiras que poidan conter cravos ou elementos metálicos, así como vidro, mobles ou colchóns, entre outros. Os accesos estarán controlados por Policía Local e seguridade privada.  

Ademais, o bando municipal de San Xoán, que recolle as normas que se aplicarán durante a xornada, non autoriza este ano solta de globos de papel ou farois cando precisen de lume para ascender, debido ao risco ambiental que comportan tanto para a fauna como polo perigo que teñen para causar incendios. No tocante a sardiñadas ou similares, o Concello permitirá realizalas como norma xeral en espazos de titularidade pública entre o venres 14 de xuño e e ata o 30 de xuño, ambos incluídos, sempre que se realice unha comunicación previa por escrito a Área de Seguridade Cidadá cunha antelación mínima de 24 horas. As churrascadas só poderán realizarse entre as 13.00 e as 16.00 horas e as 20.00 e as 00.00 horas e deberán respectar as distancias mínimas de seguridade, que corresponden a 10 metros no caso de arborado, e as que marque o servizo de extinción de incendios en caso de mobiliario urbano, vehículos ou liñas eléctricas, entre outros. A concelleira lembrou que existen tamén zonas de exclusión onde non está autorizado facer lume como é a totalidade do trazado do oleoduto, as zonas verdes de Bens, monte de San Pedro, xardíns de Méndez Núñez, xardín de San Carlos, praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro da praia das Lapas, "unha zona para a que se está a tramitar a consideración de ENIL debido á súa riqueza natural". Así mesmo, tamén son zonas de especial coidados as prazas de Azcárraga, San Pedro de Mezonzo, o Barrio das Flores, o parque de Santa Margarita, rúa Alcabaleiros, Campo da Leña, Campo de Marte, praza de Monforte e os campos da contorna da Torre.

Na noite de San Xoán, todas as cacharelas que estean nun espazo público estarán autorizadas sempre que se comunique por escrito á área de Seguridade Cidadá e con antelación. O prazo límite será o 20 de xuño ás 15.00 horas. A altura das cacharelas, que deberán facerse a unha distancia mínima de 20 metros das árbores e a 5 metros de calquera material no que se poida prender o lume, estará regulada polo servizo de extinción de incendios.

Colaboración

A concelleira indicou tamén que este ano continúa a colaboración con Ecovidrio, que realizará vinilos para os contedores que estarán na zona das praias co lema da campaña de Móllate! deste ano, Somos quen, e repartirá, con 20 monitores, rascas para o sorteo de bicicletas e entradas do aquapark a quen deposite o vidro no contedor correspondente. Así mesmo, contémplase nesta colaboración a actuación durante a tarde dun grupo de música no Paseo Marítimo.

Documentos:

Folleto Móllate! 2019 (906 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión