Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de setembro de 2022

A Semana Europea da Mobilidade contará con actuacións musicais en rúas peonís, melloras de accesibilidade e diferentes actividades formativas

Francisco Díaz Gallego: “A día de hoxe, grazas ao Goberno de Inés Rey, temos máis quilómetros de carril bici, máis metros cadrados peonís e unha nova rede de bicicletas eléctricas”

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, presentou hoxe a Semana Europea da Mobilidade, que se celebrará na cidade do venres 16 ao xoves 22 de setembro con actividades en varios puntos da cidade. O edil detallou a programación completa destas xornadas que teñen como obxectivo concienciar a cidadanía sobre a mobilidade sostible, a educación viaria, a accesibilidade universal e a necesidade de adoptar novos hábitos ecolóxicos neste eido.

Díaz Gallego destacou que ao remate deste mandato gañaranse máis de 55.000 metros cadrados para a cidadanía, a través da creación de espazos sostibles, saudables e seguros. Entre as actuacións destacadas polo edil están os Cantóns, rúa Compostela e Alcalde Marchesi, estas últimas a piques de rematar. "A día de hoxe, grazas ao Goberno de Inés Rey, temos máis quilómetros de carril bici, máis metros cadrados peonís e unha nova rede de bicicletas eléctricas", apuntou o concelleiro.

Neste sentido, un dos proxectos principais do Goberno de Inés Rey é a Rolda Peonil que atravesa toda a cidade. Trátase dun espazo de 3,5 quilómetros que conectará as tres grandes vías peonís dos barrios da cidade: a rúa Barcelona, Ángel Senra e a Gaiteira; creando espazos integradores. Esta mesma semana comezaron os traballos para a reurbanización de Ramón Cabanillas, que forma parte desta Rolda Peonil. No último ano executáronse máis de 7.500 metros cadrados por máis dun millón de euros de investimento. Ademais, están en marcha os proxectos doutros tres tramos, un total de 12.000 metros cadrados, que contan con máis de 3 millóns de euros de investimento.

O Goberno de Inés Rey busca priorizar o uso peonil e público do espazo e, para conseguilo, "actividades como as que se organizan pola Semana Europea da Mobilidade son claves para concienciar a cidadanía da necesidade de adoptar novos hábitos", apuntou Díaz Gallego. O concelleiro tamén lembrou o traballo levado a cabo a través do programa Coruña Camiña, mediante o cal se executaron no que vai de mandato 35 intervencións por máis de 7,5 millóns de euros co obxectivo de crear unha cidade máis sostible, saudable e segura. Tamén a rebaixa do 30% no transporte urbano grazas a unhas axudas do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana acadadas polo Goberno de Inés Rey.

A renovación completa de BiciCoruña, incorporando 172 bicicletas eléctricas e 342 mecánicas, contribuíu tamén durante este mandato á implantación do novo modelo de mobilidade, completando o servizo co crecemento da rede de carrís bici e vías ciclables, que xa supera na Coruña os 50 quilómetros. A última actuación en marcha nese ámbito é o inicio das obras do carril bici de Gregorio Hernández e avenida da Habana, que sumará 1,2 quilómetros máis á rede municipal.

A programación da Semana Europea da Mobilidade

Como gran novidade da programación da Semana Europea da Mobilidade presentada hoxe, realizaranse diferentes actuacións musicais nas rúas que pasaron a ser de uso peonil nos últimos anos. Así o anunciou o concelleiro Díaz Gallego, que puxo en valor o carácter divulgativo que teñen as actividades que se realizarán na Coruña estes días. Cada xornada estará dedicada a unha temática sobre a mobilidade.

No Obelisco volveranse instalar carpas con programación de xornadas formativas e eventos a diario. Trátase de espazos que ocuparán o Servizo Municipal de Mobilidade, a Policía Local, Medioambiente, CTAG, a Compañía de Tranvías da Coruña, BiciCoruña e o control semafórico de Mobilidade. A programación comezará este venres ás 12.30 horas coa viaxe inaugural do Shuttle autónomo do CTAG, que percorre estes días a cidade.

Este venres 16 realizarase unha edición especial da Friday Mobility Night, que partirá como é costume da praza de María Pita. Por outra banda, o domingo celebrarase o Día da Bicicleta a partir das 10.30 horas.

A Asociación Mobi-liza levará a cabo estes sábado 17, domingo 18 e luns 19 unha formación sobre o novo servizo de BiciCoruña, tanto para persoas usuarias como para interesados e interesadas en darse de alta. Por outra banda, o luns presentarase no cruzamento de Médico Rodríguez con Juan Flórez o novo sistema acústico dos semáforos da cidade para persoas cegas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión