Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de agosto de 2019

O Concello requírelle a Albada a retirada urxente de preto de 12.000 toneladas de rexeitamentos acumulados en Nostián

A concelleira Esther Fontán sinala que, ante a inoperatividade da UTE, vense na obriga de actuaren pola situación de grave risco creada

O Concello notificoulle á UTE Albada un requirimento no que se lle solicita por vía telemática e en persoa a retirada de rexeitamentos acumulados desde abril na planta de Nostián no prazo de tres días naturais, tarefa que lle corresponde no contrato de concesión asinado e que se ratifica nunha sentenza de marzo de 2018. Unha vez pasado este período, se Albada non xestiona correctamente as preto de 12.000 toneladas que se calculan que hai de residuos de proceso e de afinamento, o Goberno local procederá á súa execución forzosa co obxectivo de liberar o espazo.

Desde o inicio do mandato, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, recordou que levan "facendo un seguimento claro e practicamente diario, de dúas veces por semana, para saber en que condicións se atopaban os rexeitamentos", pero que ante a inoperatividade de Albada e tras a situación de grave risco creada, vense na obriga de actuar. A edila sinalou que desde a prohibición desde a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental do depósito de rexeitamentos do Concello da Coruña no vertedoiro de Grixoa (Santiago de Compostela), "a acumulación destes medrou nas viais e en toda a planta de Nostián. A nosa preocupación foi e segue sendo enorme con respecto ás provisións".

A concellería estivo neste período en contacto permanente coa empresa a través de comunicados, "o de hoxe é o terceiro requirimento que se lles fai coa diferenza de que este é para que cumpran coas súas obrigas, pero vén aparellado a unha advertencia de execución subsidiaria dos rexeitamentos", e a nivel persoal, "con conversas fluídas e cordiais" en busca dun apoio mutuo. Para tomar esta decisión, o Concello tivo en conta o último informe técnico, no que se estima que hai entre 10.000 e 12.000 toneladas de rexeitamentos, que se están acumulando xa nas vías de accesos aos antigos vasos da planta, imposibilitando practicamente o tránsito, o que supón un grave risco para a seguridade das traballadoras e traballadores, que "para nós é unha prioridade". A circulación de persoas a pé e en vehículos polas instalacións implica un gran problema e unha gran dificultade, segundo Fontán, que engadiu que tamén é prioritaria a calidade ambiental da Coruña: "Debémonos á cidade, á que lle temos que dar unha resposta para que o seu aire e as súas condicións de salubridade sexan as idóneas".

No último percorrido feito polo persoal experto, fíxose unha revisión sobre o cumprimento de medidas adoptadas para evitar incendios por mor da acumulación de rexeitamentos á intemperie, a aparición de roedores e de larvas na nave de compostaxe ou que o "lixiviado" fose parar á rede de saneamento, así como a posta en escena dun protocolo para a realización de tarefas nesta instalación. A concelleira lembrou que neste mes e medio mantiveron encontros con outras administracións como a Xunta, coa reunión en xullo entre a alcaldesa Inés Rey  e o presidente Alberto Núñez Feijóo.  Por outra parte, confía en que a resposta será positiva por parte da empresa a favor da cidadanía. No escrito que se lles remitiu, o equipo municipal esíxelle tamén que se lles dea saída aos rexeitamentos que se están a acumular a diario, procedentes do Concello, para que non se produzan novos aprovisionamentos nas instalacións. En concreto, reclámalle á UTE que retire diariamente da provisión de proceso e afinamento amoreado un mínimo de entre 135 e 150 toneladas de acordo coas estimacións feitas polos técnicos municipais de residuos, que prevén que cunha franxa de entre 24 e 26 camións diarios (de luns a venres) se pode eliminar todo o rexeitamento amontoado, xestionando á vez o que se xera pola operativa normal da planta, nun prazo máximo de catro meses. Por iso, Medio Ambiente solicítalle á empresa un informe diario relativo ao control do movementos de saída da planta, no que terán que distinguir entre Consorcio e Concello, especificando, para este último, as toneladas correspondentes á xestión diaria e as do stock acumulado.

O Goberno local actuará de xeito forzoso en caso de que non cumpran as ordes dadas nos prazos sinalados, seguindo a Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, podendo acudir ao amparo do artigo 102 do mesmo texto legal, á execución subsidiaria por costa do concesionario. En caso non recibir resposta por parte de Albada, o Concello solicitou xa tres orzamentos -a Sogama e dous vertedoiros privados- para xestionar os rexeitamentos e estase barallando a mellor oferta, non só a económica senón a que dea maiores garantías sobre a saída diaria de rexeitamentos da planta de Nostián, unha vez que o aprovisionamento se elimine.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión