Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de outubro de 2018

O alcalde e a edil de Medio Ambiente percorren coa veciñanza o futuro Bosque de Breogán, que axudará a articular unha maior conectividade verde e peonil na zona

A conversión desta área forma parte da estratexia global do Concello de recuperación de camiños tradicionais e das áreas que albergan a biodiversidade en Feáns, unha das máis ricas do municipio. O bosque contará con catro zonas nas que haberá árbores, claros para o repouso, catro quilómetros de sendas e infraestruturas para o xogo e o lecer saudable.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Medio Ambiente, María García, participaron esta tarde nun roteiro aberto á veciñanza para presentar e coñecer sobre o terreo o futuro Bosque de Breogán, o segundo dos proxectos da iniciativa Bosques da Coruña, e que, ademais de abrir unha nova área verde na cidade para o lecer da cidadanía e recuperar un espazo degradado, suporá "un paso máis na estratexia de recuperación da conectividade na zona, tanto peonil como natural, na que o Goberno local ten avanzado xa con actuacións en camiños tradicionais e que continuará coa restauración ambiental do río Mesoiro ao seu paso por Feáns". "Este espazo que visitamos hoxe vaise converter nun bosque que articule dunha maneira natural e fermosa o barrio. Deixará de ser unha zona de transición sen valor ambiental, deixará de ser un espazo verde desconectado entre diversas infraestruturas. Albergará máis vida, máis biodiversidade, máis usos e actividades", explicou o rexedor. Entre as accións para incrementar e recuperar as antigas rutas entre os núcleos, Ferreiro lembrou o Goberno local xa actuou no Camiño de Campos, atendendo a unha reclamación da asociación veciñal, que une o núcleo tradicional de Feáns coa zona do Castro de Elviña e que tamén serviu para resolver as necesidades de conexión das leiras da zona, e está a traballar na recuperación do Camiño de O Casal, que permite camiñar dende Novo Mesoiro ao cemiterio de Feáns.

O roteiro, guiado por Ferreiro e García, percorreu parte das 8,3 hectáreas que terá o núcleo inicial do Bosque de Breogán, no que están proxectadas catro áreas diferenciadas, con diferentes niveis de intervención e usos, e que estarán atravesadas por unha rede de camiños, tanto principais como secundarios, na que se potenciarán os sendeiros tradicionais. A proposta de recuperación do Concello prevé respectar ao máximo o estado natural do terreo, para, coa mínima intervención posible, fomentar a biodiversidade natural e autóctona e recuperar as zonas que están máis degradadas. "A área que visitamos hoxe é un conxunto de terreos sen gran valor ambiental, no que abundan as especies alóctonas e pirófitas e no que se levou a cabo unha xestión de rutina, de mantemento, pero que non lle aportou valor. Este proxecto vai dar exemplo tamén de como unha administración debe xestionar os seus terreos forestais. E vaise iniciar este ano coa eliminación de especies invasoras e a mellora no mantemento", avanzou Ferreiro.

A liña de recuperación ambiental na área complétase co proxecto de recuperación de beiras fluviais co que está previsto actuar no río Mesoiro ao seu paso por Feáns, xa que "os tramos non soterrados deste curso son un dos puntos de maior biodiversidade do Concello xunto co entorno da Torre de Hércules". Así, o rexedor indicou que a concellería está xa a traballar na súa restauración e tamén na creación dun paseo fluvial que chegue ata o cemiterio para o goce da veciñanza. "Con esta actuación estamos a intervir dun maneira global nas áreas naturais do distrito, para incidir nesa perspectiva conxunta, dentro das políticas do Concello de buscar unha Coruña viva e natural", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión