Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de abril de 2021

O Concello e o Colexio de Farmacéuticos lanzan un programa pioneiro na cidade para evitar que as xiringas cheguen á planta de Nostián

A edil de Medio Ambiente, Esther Fontán, considerou que a iniciativa “é moi relevante para os colectivos de persoas con tratamentos médicos que empregan obxectos punzantes e cortantes, como poden ser as persoas diabéticas ou con problemas de inmunodeficiencia”

A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, asinou esta mañá un convenio co presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Héctor Castro, para a recollida selectiva de elementos punzantes e cortantes coas farmacias da cidade. O obxectivo, sinalou Fontán, "é que as xiringas non cheguen a Nostián e dese xeito se protexa o persoal traballador da planta".

A concelleira indicou que hoxe o Goberno de Inés Rey dá un paso adiante neste proxecto pioneiro na cidade herculina, "que consideramos moi relevante para os colectivos de persoas con tratamentos médicos que empregan obxectos punzantes e cortantes, como poden ser as persoas diabéticas ou con problemas de inmunodeficiencia". Explicou que o Concello da Coruña proporcionaralles os contedores ás farmacias, así como a información dos protocolos de actuación que cómpre seguir tanto para as e os profesionais farmacéuticos como para a veciñanza. Ademais, apuntou, "tamén distribuiremos uns pequenos recipientes entre as persoas usuarias de tratamentos médicos que empreguen xiringas para que as almacenen nos seus fogares antes de baleiralos nas farmacias". O Concello marcará unhas rutas de recollida periódica destes contedores de xiringas, que posteriormente serán tratados como un residuo sanitario.

A titular de Medio Ambiente agradeceu a disposición do COFC para levar a cabo este "proxecto pioneiro na nosa cidade e o labor de todas e todos os profesionais das farmacias polo seu traballo na primeira liña de atención á cidadanía neste ano tan duro".

Pola súa banda, Héctor Castro agradeceulle a Fontán "a colaboración brindada para este proxecto de futuro que é un acto de corresponsabilidade de ambas as entidades que evitará riscos laborais, sanitarios e ambientais". O obxectivo, apuntou o presidente do COFC, é que as 133 farmacias da cidade se vaian adherindo a este programa e así "potenciar a faceta da oficina de farmacia pola súa proximidade á veciñanza, pola accesibilidade horaria e porque detrás sempre hai un/unha profesional sanitario/a que resolverá as dúbidas sobre esta xestión de residuos selectiva", concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión