Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de novembro de 2018

O Goberno local inicia un plan integral contra as pintadas vandálicas baseado na limpeza centrada na zona PEPRI, a identificación das persoas infractoras e a mellora do espazo público a través da arte urbana

A edil María García indicou que se levará ao Pleno unha modificación puntual da ordenanza de limpeza para que o Concello poida actuar no resto da cidade. O traballo iniciado pola Concellería de Medio Ambiente xunto coa Policía Verde e especialistas en criminoloxía permitiu localizar a tres persoas responsables de centos de pintadas no municipio.

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá un paquete de medidas para actuar contra as pintadas vandálicas na cidade dende diversos ámbitos, xa que, como salientou a responsable municipal, esta problemática "debe ser abordada non só a través de medidas de limpeza, senón que é preciso tamén introducir as ópticas de prevención, corrección, sanción, de medidas didácticas e de desenvolvemento normativo". Este plan integral, no que a Concellería de Medio Ambiente leva tempo traballando, baséase na eliminación das pintadas vandálicas na zona PEPRI previa autorización das persoas propietarias, a modificación da ordenanza de limpeza para que o Concello poida actuar de maneira xeral nos edificios públicos e privados doutras zonas da cidade, a identificación das persoas infractoras e a mellora do espazo público a través da arte urbana.

As actuacións de limpeza na zona da Cidade Vella e Pescaría, "unha das zonas da cidade de maior valor patrimonial, cultural, histórico e de maior afluencia de veciños, veciñas e visitantes", realizaranse mediante unha convocatoria municipal, que complementa a xa proxectada dende a Concellería de Emprego e Economía Social para os comercios, e que busca habilitar ao Concello para actuar en amplas zonas da área PEPRI, tanto en edificios municipais como en privados. "A nosa intención é dar unha batida con intensidade e en profundidade, retirando a ampla escala este tipo de pintadas vandálicas", sinalou a responsable municipal, quen indicou que, para levar a cabo este procedemento, é imprescindible contar coa autorización das persoas propietarias dos edificios. Por iso, o Concello establece un procedemento sinxelo a través dunha convocatoria que se publicará nas vindeiras semanas e para o que estará dispoñible na páxina web un modelo de solicitude básico para pedir a retirada das pintadas. Tal e como explicou García, a expansión deste sistema de limpeza ao resto da cidade depende dunha modificación puntual da ordenanza, que deberá ser aprobado polo Pleno municipal, que regule a retirada de pintadas en edificios tanto públicos como privados e que incorporará tamén outras novidades como a mellora de zonas degradadas a través de proxectos de arte urbana ou a regulación de servizos en beneficio da comunidade en substitución das sancións económicas, "unha medida positiva sobre todo no caso de persoas menores de idade".

A Concellería de Medio Ambiente leva tempo traballando noutras das medidas que conforman este plan e na que conta coa colaboración da Patrulla verde da Policía Local e especialistas en criminoloxía. Trátase da identificación das persoas autoras das pintadas vandálicas, un labor grazas ao cal xa se teñen localizadas a tres causantes de "centos de pintadas cada unha delas" por toda a cidade e que vai a continuar nos vindeiros meses. "Van ter que facer fronte a un procedemento sancionador de entidade. Sabemos que a contía dos danos é elevada polo número de pintadas, pola superficie afectada e porque non diferencian o valor patrimonial dos elementos sobre os que actúan", explicou García, quen apuntou que se iniciou xa un procedemento "que contempla todas as vías posibles co obxectivo claro de que cesen nesta actividade que tanto deteriora o espazo público e que poidamos ter medidas para reparar os danos causados". Neste sentido, a edil incidiu en que o interese do Concello é "chegar ao compromiso de cesar nesa actividade, restaurar o dano e desincentivar a outras persoas, sobre todo menores, a que sigan ese camiño".

Este paquete de medidas complétase cun programa que xa está en marcha, a iniciativa Ruarte, que actúa para recuperar zonas degradadas da cidade a través da arte. García lembrou que xa están rematadas as pinturas anunciadas da praza da Cubela, do parque de Eirís, a rúa Caballeros, o depósito da auga de Monte Alto e a rúa Costa Rica, que concluirá esta semana. "Avanzamos de maneira entusiasta pola cidade tentando utilizar a arte urbana e a creatividade para mellorar estas zonas que antes estaban degradadas", apuntou. Os seguintes pasos consistirán na reparación do mural en homenaxe a Urbano Lugrís da praza de Pontevedra, que se iniciou hoxe mesmo, e a elaboración dun mural con motivos oceánicos na rolda de Outeiro, co parque de San Diego, por petición da asociación de veciños e veciñas dos Castros. "Estanse tamén repintando e redecorando os contedores de recollida de roupa que eran un branco das pintadas", manifestou. Os traballos, que comezarán a vindeira semana, vestirán os 120 contedores repartidos pola cidade, e que agora son totalmente brancos polo que os fai un dos elementos urbanos máis escollidos para as pintadas vandálicas, con siluetas dalgunhas das prendas que se poden doar e lemas animando á cidadanía a dar unha segunda vida á súa roupa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión