Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de setembro de 2018

A titular da área de Medio Ambiente lembra que o ano pasado se recuperaron un total de 3.567 kg do material, “un 3% máis que no 2016”

O goberno local pon en marcha unha nova campaña para fomentar a reciclaxe de vidro que aspira a chegar ao conxunto dos establecementos de hostalería da cidade

A edil María García presentou a proposta, que se dirixe especificamente a un sector estratéxico que xera a metade dos envases de vidro que se recollen no termo municipal

A Concellería de Medio Ambiente iniciará a semana que vén unha nova campaña informativa e de sensibilización para fomentar a separación en orixe e reciclaxe entre os establecementos de hostalería da cidade. Trátase, tal e como apuntou a edil María García, da quinta campaña vinculada á concienciación e recollida de vidro que se realiza coa hostalería local, "un sector estratéxico que o goberno local apoia de cara á promoción da cidade, a nivel económico ou turístico, e que é un dos grandes produtores de residuos polas características da súa propia actividade". Segundo os datos do Concello, estímase que o 52% dos envases de vidro que se recuperan na cidade veñen derivados do seu uso no sector hostaleiro. "O seu papel non é só importante pola repercusión que poida ter para a economía local a recuperación do material, senón tamén polo propio coidado do espazo público. O apoio e implicación da cidadanía, e en concreto destes grandes produtores, é fundamental  neste tipo de tarefas", apuntou a responsable municipal.

Nesta quinta campaña, que se desenvolve en colaboración con Ecovidrio, o Concello ampliará o radio de acción habitual deste tipo de iniciativas, que se sitúa na zona centro da cidade debido a súa alta concentración hostaleira, para chegar ao conxunto dos establecementos da Coruña. Así, segundo avanzou García, entre os meses de outubro e decembro deste ano, o persoal de Ecovidro visitará, por primeira vez, todos os principais locais de hostalería da cidade, uns 800 aproximadamente, "para incidir na importancia da separación en orixe e reciclaxe do produto de cara e acadar o obxectivo compartido da xestión eficiente dos residuos na cidade". "O vidro é un produto fácil de recuperar e pódese reutilizar indefinidamente. É importante coidar esta separación, ademais, xa que é un material que causa grandes problemas na planta de tratamento de residuos de Nostián", explicou.

Desenvolvemento da campaña

A metodoloxía da campaña, que se desenvolverá en distintas fases, basearase na atención personalizada por parte dun equipo ao establecemento. Nunha primeira visita, analizarase tanto se o local realiza a separación do vidro como os medios dos que dispón para dita actuación, ademais de dar a coñecer a iniciativa. Nunha segunda ocasión, farase entrega aos locais de cubos con rodas de diferentes tamaños, en función das características do local, para facilitar a xestión do material, así como para proceder á revisión da recuperación do mesmo. Tras analizar o desenvolvemento e adhesión a campaña, no caso de ser necesaria unha terceira visita, o persoal de Ecovidrio responsable da supervisión da iniciativa, pasará de novo polos locais acompañado de técnicos de inspección ambiental.

"Este tipo de propostas estase a desenvolver noutras cidades con moi bos resultados e na Coruña estamos preparadas para asumir tamén este compromiso", apuntou García. Neste sentido, a concelleira salientou que, na última iniciativa desta tipoloxía que se levou a cabo na zona centro, se visitaron 154 locais de hostalería, dos cales 63 xa estaban a participar na separación en orixe dos residuos e 91 adscribíronse á iniciativa. "Destes, 34 optaron por formar parte do sistema de recollida porta a porta --que se desenvolve catro días á semana no inverno--, mentres que o resto, por cuestión de horarios, decidiron facer uso dos contedores pola súa propia conta", expuxo a titular da área de Medio Ambiente.

"No último ano, na Coruña recuperáronse un total de 3.567 toneladas de vidro, o que supón un aumento do 3% respecto ao ano anterior. É un bo dato e desde o goberno local cremos que este tipo de campañas inciden moi positivamente neste incremento da recuperación, polo que seguiremos a avanzar neste camiño da concienciación e chamado á corresponsabilidade cidadá de cara á redución de residuos", expuxo.  

Novo modelo xestión de residuos

Ao fío, a concelleira de Medio Ambiente lembrou que a quinta edición de campañas de sensibilización nas que persoal especializado visita os establecementos de hostalería responde á aposta do goberno local pola implantación dun novo modelo de xestión de residuos "máis eficiente, que permita avanzar cara a unha cidade máis sustentable". Así, recordou que ademais das melloras que se introducen nos novos contratos, actualmente en licitación --limpeza viaria e recollida e tratamento de residuos--, o Concello puxo en marcha, nos últimos tres anos, propostas como Composta Coruña, "que introduciu a compostaxe caseira entre a veciñanza", a recollida de aceite usado ou a recollida de roupa con entidades de economía social, ou campañas de sensibilización para público xeral, como No seu sitio ou Móllate!; a redución e reciclaxe de residuos en eventos, así como a introdución do Ecovaso reutilizable. "Todas estas medidas forman parte do compromiso do goberno local na loita contra o cambio climático así como polo coidado do espazo público", afirmou García.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión