Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de maio de 2019

O Goberno local promove un proceso de mediación a través do Consello Galego de Relacións Laborais para achegar posturas entre o comité de empresa e a concesionaria de recollida de residuos

A concelleira de Medio Ambiente tamén asinou esta mañá un acordo co persoal de Albada para a inclusión de cláusulas sociais e laborais no vindeiro contrato de xestión de Nostián, froito da mesa de traballo desenvolvida nas últimas semanas

O Goberno local promove un proceso de mediación a través  do Consello Galego de Relacións Laborais para solucionar as diferencias manifestadas entre a empresa concesionaria da limpeza viaria, Ferrovial Servicios, e o comité de empresa no cumprimento do convenio colectivo. Tal e como explica a concelleira de Medio Ambiente, María García, "o Goberno local, que mantén reunións periódicas con ambas partes, considera que é o momento de acudir ao órgano que ten as competencias en mediación e arbitraxe en conflitos laborais para que acheguen as súas posturas sobre os puntos nos que diverxen". O departamento municipal, que mantén unha acción de intermediación entre as diferenzas das dúas partes, solicitou á empresa "o cumprimento estrito do convenio", no marco do cal o comité de empresa denuncia atrasos no pago de indemnizacións e na entrega de roupa de traballo, así como diferenzas na tipoloxía dos cursos de formación que lles ofrece a empresa.

"Como até agora non foi posible achegar as posturas, o Goberno local abre unha nova vía no proceso, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, que ten ampla experiencia e competencias para intervir neste tipo de conflitos, nun servizo ademais que afecta a toda a poboación do municipio", indica García, que pide ademais ás partes que "confíen na experiencia do consello e que poñan toda a súa boa vontade para acadar unha solución que garanta o cumprimento do convenio".

Acordo con Albada

Por outro lado, a concelleira asinou esta mesma mañá un acordo co cadro de persoal da empresa concesionaria da planta de Nostián, Albada, para a inclusión de cláusulas sociais e laborais de obrigado cumprimento para a vindeira contratista da planta nos pregos que rexerán o próximo contrato. Este acordo é o resultado dunha mesa de traballo conxunto aberta entre os sindicatos e a Concellería de Medio Ambiente para garantir a través das cláusulas novo contrato os dereitos laborais perdidos no pasado polos e polas traballadoras de Nostián, así como un emprego digno e de calidade, tal e como se realiza en todas as novas concesións municipais. "Este era o único camiño para asegurar unhas boas condicións, como propuxemos dende o comezo á vista da negativa da empresa concesionaria de incluír melloras a través da negociación colectiva, e vén a certificar a vontade do Concello de que nos servizos municipais, ás empresas teñan obrigas tamén a nivel laboral e social", expón García.

O acordo recolle a introdución dunha cláusula para que a empresa concesionaria "non poida minorar unilateralmente nin as condicións laborais nin sociais dos traballadores" e para que o mantemento do emprego do persoal que presta actualmente o servizo sexa de obrigado cumprimento durante todo o período de concesión. Este estará indicado na lista de subrogación que legalmente debe proporcionar a actual concesionaria. A empresa deberá tamén manter un número mínimo de traballadores, que se establecerá na oferta inicial e que non se poderá alterar ao longo da concesión, e terá obriga de cubrir todas as baixas laborais. Ademais, os pregos especificarán que, no caso de que estea previsto incrementar o persoal, a empresa concesionaria deberá contar coa bolsa de persoal eventual que veñan traballando de xeito recorrente e continuado nos últimos dous anos. Entre as medidas que están en negociación contémplase tamén a introdución de incentivos económicos para o persoal ligados á recuperación de envases que alcance a empresa contratista durante a execución do contrato. Este complemento permitirá facer copartícipes aos traballadores e ás traballadoras das melloras na produtividade e da reciclaxe na instalación de xeito continuado. Tamén se establece a prohibición de empregar a subcontratación para a realización de accións ordinarias e de mantemento da planta, que só se poderá empregar para circunstancias excepcionais.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión